2. O franquismo

2.1. Trazos da ditadura franquista

Principios do franquismo
O trazo principal do franquismo é a concentración do poder arredor da figura do ditador, iniciada xa durante a Guerra Civil coa unificación de falanxistas, carlistas e outras tendencias políticas favorables aos golpistas na Falanxe Española Tradicionalista e das JONS, denominada a partir dos anos 40 Movemento Nacional. Ao rematar a Guerra Civil e co propósito de asentarse no poder, Franco estableceu uns fundamentos que permaneceron máis ou menos estables durante toda a ditadura e que podemos resumir en tres puntos:
Illa de San Simón en 1937

  • Réxime autoritario

Establécese un réxime autoritario, no que se reprime calquera intento de rebeldía. A represión de toda disidencia será unha das características da ditadura franquista ao longo de toda a súa duración. Execucións, paseos, campos de concentración, traballo forzoso e purgas en toda a estrutura da administración española foron comúns, con especial intensidade na época da posguerra. Na imaxe da dereita pode verse a Illa de San Simón, na ría de Vigo, nunha imaxe de 1937. Este lugar funcionou como campo de concentración ata 1943.

Ademais, suprímense os partidos políticos (excepto a Falanxe/Movemento Nacional), a liberdade de prensa ou a liberdade de asociación. E, na lóxica da visión nacionalcatólica de España como única e monolítica, tampouco teñen cabida outras linguas e culturas como o euskera, o galego ou o catalán, que desaparecen da vida pública. Todo iso irá acompañado dunha férrea censura que afecta a todos os ámbitos da cultura: cinema, literatura, música, etc.

Finalmente, debemos falar tamén da oposición ao franquismo desde dentro e fóra das fronteiras españolas. Neste apartado incluiremos, por unha banda, ás aproximMaría Zambrano, filósofa exiliadaadamente 300.000 persoas que marcharon ao exilio pola súa ideoloxía contraria ao réxime franquista. Os principais destinos deses homes e mulleres foron países europeos como Francia, a URSS ou México. O exilio supuxo unha importante perda para a cultura, a ciencia e a sociedade españolas (na imaxe, María Zambrano, filósofa exiliada desde o fin da guerra ata 1984). Por outra banda, mencionaremos a oposición que se artellou dentro das fronteiras españolas da man, por exemplo, dos maquis, que eran grupos guerrilleiros antifranquistas (sobre todos anarquistas e comunistas) que se movían por zonas ailladas de montaña en Galicia, Cataluña, Aragón ou Estremadura e que foron duramente reprimidos polo exército e a Garda Civil. Os maquis estiveron especialmente activos desde finais da guerra ata principios dos anos 50.

  • Nacionalcatolicismo

Este concepto xorde da unión de dúas ideas que se fusionan de xeito indisoluble: os ideais patrióticos de inspiración fascista e os ideais relixiosos. Estamos, pois, ante un goberno fascista e confesional: a relixión católica terá unha importancia notable non só na vida política, senón na vida diaria de todos os cidadáns, católicos ou non. Todo o que estaba fóra da ríxida estrutura conceptual do nacionalcatolicismo era considerado antiespañol e perseguido. 

  • Militarismo

O franquismo concede unha importancia suprema ao militarismo, considerando ao exército como exemplo para o resto da sociedade pola súa disciplina, obediencia e defensa sen fisuras da unidade de España.

 

Institucionalización

Desde o punto de vista institucional, o franquismo artéllase coas chamadas Leis Fundamentais, un conxunto de sete leis promulgadas entre 1938 e 1967 que pretendían lexitimar un sistema ao establecer, por exemplo, unhas Cortes de carácter consultivo (Lei de Cortes, 1942), uns dereitos teóricos que poden ser suspendidos en calquera momento (Foro dos españois, 1945) ou un simulacro de participación electoral mediante referendo para ratificar decisións do réxime (Lei do Referendo Nacional, 1945).
Por outra banda, a Lei de Sucesión de 1947 define a España como un reino sen rei. Non será ata 1969 cando Franco designe como sucesor a Xoán Carlos de Borbón, neto de Afonso XIII.
Na práctica, un dos trazos consecuencia da ditadura foi a existencia dunha corrupción estrutural que afectou a todos os estamentos da política, da economía e da sociedade do país.


Apoios

Tendo presentes os fundamentos que acabamos de analizar, resultan lóxicos os apoios sociais que recibiu a ditadura desde o principio e que son os seguintes:Franco baixo o palio
  • A alta burguesía e os ricos terratenentes, que sentían que foran gravemente prexudicados durante os anos da república e que agora retomaban a súa tradicional posición social de privilexio, ao beneficiarse, entre outras cousas, da abolición da reforma agraria e da inexistencia de sindicatos obreiros.
  • A Igrexa Católica, que perdera tamén parte da súa preeminencia durante a II República nos anos 30 e que, ao longo da Guerra Civil, estivo moi vencellada ao bando vencedor. O bando franquista convertera o conflito nunha verdadeira "cruzada nacional" e, durante a ditadura, a Igrexa recuperou os seus privilexios e importancia na vida social, controlando o ensino e marcando en boa medida as normas de conduta. Tiveron especial importancia grupos coma o Opus Dei
  • O exército. A instauración dunha ditadura militar precisaba o apoio constante do exército para manterse no poder, defendendo a idea de orde e disciplina que moitos consideraban necesaria tras os convulsos anos que precederon á Guerra Civil. A ditadura e o exército apoiáronse mutuamente para manter a súa nova posición social. Numerosos militares ocuparon cargos políticos importantes.
  • Sectores conservadores das clases medias que identificaban a ditadura coa estabilidade e a orde.

Visión internacional

Desde o punto de vista internacional, produciuse unha evolución moi significativa. Así, o réxime franquista foi illado polas potencias vencedoras da Segunda Guerra Mundial polo seu vencello co nazismo alemán e o fascismo italiano: non foi admitida na ONU, case todos os países retiraron os seus embaixadores e Francia pechou a súa fronteira con España. Porén, no contexto da Guerra Fría, o férreo antimarxismo de Franco fixo que fose tolerado e aceptado progresivamente no bloque occidental, tal e como demostran os acordos de cooperación asinados cos Estados Unidos en 1953 e a visita do presidente Eisenhower a España en 1959.



NOTA INVESTIGA

  • Investiga en que consistía o concepto de democracia orgánica empregado polo réxime franquista. Non esquezas anotar as fontes de información consultadas.
  • No texto aparece mencionada como exemplo de intelectual exiliada María Zambrano. Busca outros dous casos de persoas que tiveron que exiliarse trala guerra e escribe un breve informe sobre elas. Non esquezas anotar as fontes de información consultadas.