UD 8. A GUERRA FRÍA. A DESCOLONIZACIÓN. CAPITALISMO E COMUNISMO
4. Capitalismo e comunismo
4.1. Conflitos nos dous bloques
Neste apartado imos analizar algúns conflitos de tipo social ou político de gran repercusión durante o período da Guerra Fría.
- A situación da muller
- Persecucións políticas
Tanto nun bloque coma noutro, asistimos á represión das disidencias políticas. Por exemplo, nos Estados Unidos ten lugar durante os anos 50 a denominada "caza de bruxas". Así foi denominada a persecución sufrida por moitas figuras
da arte e da cultura (especialmente o cinema), acusadas de comunismo. Entre elas, podemos destacar a Charles Chaplin ou aoguionista D. Trumbo.
Na URSS son tamén perseguidos disidentes de todos os ámbitos, como o escritor Solzhenitsyn ou o científico Sakharov (na imaxe).
- Represión das protestas e revoltas internas.
No bloque capitalista as manifestacións contra a guerra de Vietnam ou contra a segregación racial nos EUA serán reprimidas pola forza.
No bloque comunista recorrerase á intervención militar cando un país pretenda afastarse da influenza da URSS, como exemplifican os casos de Hungría en 1956 ou Checoslovaquia en 1962.
- Apoio a réximes ditatoriais .
O bloque comunista, ao promover sistemas de partido único, implica a configuración de ditaduras.
O bloque capitalista, malia ter como sistema político a democracia parlamentaria, apoiará golpes de Estado noutros países e o establecemento de ditaduras afíns e enfrontadas ao bloque comunista: Irán (1953), Guatemala (1954), Brasil (1964), Chile (1973, na imaxe), Arxentina (1976), etc...
Neste sentido, será o anticomunismo do réxime franquista o que propiciará que España supere o seu illamento internacional no contexto da Guerra Fría.
- A crise de 1973
No marco da conflitividade en Oriente Próximo ten lugar en 1973 unha grave crise económica motivada polo aumento do prezo do petróleo, materia prima e fonte enerxética fundamental, promovida pola OPEP (Organización de Países Exportadores de Petróleo). Esta crise afecta sobre todo aos países do bloque capitalista cunhas economías baseadas na importación de petróleo, relativamente barato ata 1973 pero cuxo prezo se cuadriplicou en poucos meses. Xapón e a Europa occidental foron dos máis afectados. Estados Unidos encaixou algo mellor a crise polas súas reservas petrolíferas, se ben tivo problemas de abastecemento e de inflación (na imaxe, desabastecemento en gasolineiras de EUA durante a crise de 1973).
No bloque comunista, a URSS aproveita a súa condición de país produtor de petróleo para obter beneficios e, animado polo impacto da crise en Occidente, iniciará unha política expansionista en Afganistán que rematará por ser unha das causas do seu colapso.
Outra das consecuencias da crise de 1973 é o establecemento en Oriente Próximo de países enriquecidos polo aumento de prezo do petróleo: Arabia Saudí, Emiratos Árabes, Catar...
- Que tipo de conflitividade das descritas neste apartado consideras que é máis relevante? Argumenta a túa resposta.