2. A Guerra Fría

2.1. As fases da Guerra Fría

A GuerOTAN e Pacto de Varsovia en 1973ra Fría estendeuse durante máis de corenta anos, cunha intensidade variable pero mantendo sempre a bipolaridade como trazo xeral da política internacional: as dúas superpotencias dominarán as súas áreas de influenza e enfrontaranse en distintos eidos, desde a política ata a cultura ou a investigación científica (sendo a carreira espacial un dos elementos máis significativos deste apartado). O armamento nuclear do que dispuñan tanto os Estados Unidos como a Unión Soviética supuxo que un conflito militar directo implicaría a destrución mutua, co que se aproveitaron conflitos en terceiros países para medir forzas e reafirmar as respectivas posicións. A tensión viuse acentuada nalgúns momentos dese período nos que o risco de confrontación nuclear estivo a piques de concretarse.

Para estudar este período da historia do século XX, podemos dividilo en varias fases:

1. Período de contención

Durante os primeiros anos da Guerra Fría, entre 1945 e 1955, tivo lugar o período denominado de contención. A URSS marcaba a súa área de influenza nas chamadas "democracias populares" do leste de Europa e os EUA reforzaban aos países liberais da Europa occidental mediante programas económicos como o Plan Marshall.

Desde o punto de vista militar, os Estados Unidos impulsaron a OTAN (1949) para integrar nela aos seus aliados. En resposta, a Unión Soviética organizou unha alianza similar para integrar aos seus países aliados do leste de Europa: o Pacto de Varsovia (1955). Na imaxe pode verse a división de Europa entre as dúas alianzas militares; o mapa, de 1973, recolle o número de tropas cos que contaba cada alianza nos respectivos países. O armamento das superpotencias é obxecto neste época dun desenvolvemento constante: A URSS logra en 1949 a súa primeira bomba atómica e tanto ela como os EUA deseñarán armas nucleares cada vez máis potentes que suporán un risco de holocausto nuclear. Por primeira vez na historia, o ser humano acada unha tecnoloxía militar tan devastadora que podería supoñer o final da especie humana sobre o planeta.

A nivel internacional, o triunfo da revolución comunista de Mao Zedong en China (1949) e a guerra de Corea (1950-1953), determinan este período inicial da Guerra Fría.



2. Período de coexistencia pacíficaConstrución do Muro de Berlín (1961)

O segundo período da Guerra Fría iníciase coa morte de Stalin e o ascenso ao poder na URSS de Kruschev. Entre 1955 e 1962 ten lugar a denominada "coexistencia pacífica". Este concepto foi artellado na URSS para sinalar un período no que se pretende abandonar a confrontación militar co capitalismo e se busca superalo con políticas sociais e económicas que amosen a superioridade do comunismo. Porén, na práctica a conflitividade non desapareceu: a construción do muro de Berlín en 1961(ver a imaxe da dereita) e, sobre todo, a crise dos mísiles cubanos (1962) foron momentos de gran tensión entre as dúas superpotencias.

A nivel interno, o bloque comunista experimentará tanto a crise de Hungría (1956) como o distanciamento progresivo entre a URSS e a China de Mao. No bloque capitalista, os Estados Unidos buscarán limitar a expansión do comunismo en América (apoio a golpes de Estado en países como Paraguai ou Guatemala) e en Asia, iniciando a súa participación activa na guerra de Vietnam. O triunfo da revolución cubana de Fidel Castro (1959) supuxo o establecemento dun réxime afín á URSS próximo xeograficamente aos EUA e impulsou o intervencionismo estadounidense.


3. Período de disensión

A terceira fase da Guerra Fría é coñecida como o período de disensiónPrimavera de Praga (1968) (1962-1975). Trala enorme tensión que situou o mundo ao bordo do conflito entre as superpotencias na crise dos mísiles cubanos (1962), os EUA e a URSS inician un período de desescalada nas súas relacións internacionais para atenuar a conflitividade. Establécense canles de comunicación directa, como o teléfono vermello, entre Moscova e Washington e teñen lugar acordos para limitar e reducir o arsenal nuclear (Tratado de non proliferación de armas atómicas de 1968 e acordo SALT de 1972). Porén a conflitividade non desaparecerá, tal e como amosa a guerra de Vietnam, que supón unha dura derrota para os EUA. Internamente, o descontento social queda patente nos dous bloques coas protestas estudantís de maio de 1968 en París ou coa Primavera de Praga (na imaxe).

A derrota dos EUA en Vietnam e a  crise do petróleo  de 1973, que afectará con maior intensidade aos países do bloque capitalista, animarán á URSS a iniciar unha política de maior intervencionismo en África e tamén en Asia. Xorden revolucións anticapitalistas en Nicaragua, Etiopía ou Mozambique que semellan reforzar a URSS e cuestionar a o papel internacional dos EUA, que está s sufrir tanto os efectos da crise económica como política (derrota de Vietnam e caso Watergate).  En 1979 a URSS inicia a invasión de Afganistán, feito que suporá un durísimo desgaste económico, político e social para Moscova e que reactivará a política internacional dos EUA, que apoiará ás guerrillas afgás.


4. A nova Guerra Fría

O derradeiro período da Guerra Fría, a Nova Guerra Fría (1975-1989) supón unha intensificación do conflito. A presidencia de Ronald Reagan (1981-1989) nos EUA e de Mikhail Gorbachov na URSS (1985-1991) constitúen o cumio da Guerra Fría. A grave crise interna da URSS non é solucionada pola política aperturista de Gorbachov, denominada Perestroika (reestruturación). Reagan intensifica a carreira armamentística e a intervención estadounidense en apoio dos movementos anticomunistas en todos os continentes. O bloque comunista colapsa a partir de 1989, coa caída do Muro de Berlín e o derrocamento dos Estados comunistas do leste de Europa. En 1991 un golpe de Estado frustrado acelera o final da URSS. A Guerra Fría remata co colapso soviético e a hexemonía dos Estados Unidos.


NOTA ARGUMENTA

  • Elabora un esquema coas fases da Guerra Fría.



NOTA INVESTIGA
  • Elabora un informe sintético sobre as consecuencias da guerra de Vietnam. Non esquezas anotar as fontes de información consultadas.