3. Descolonización e "Terceiro Mundo"

3.1. A descolonización en Asia e en África

Mapa descolonización

ASIA

guerra de Vietnam

  • O proceso de descolonización dos países de Oriente Medio é o primeiro en producirse. O movemento comezou en países como Líbano e Siria (1945) ou Xordania (1946). Nese momento xorde tamén Israel (1948), como consecuencia dos acordos internacionais para dar una patria aos xudeus superviventes do Holocausto. A non aceptación do Estado de Israel por parte dos países fronteirizos supuxo o comezo dunha serie de guerras na zona (guerra dos Seis Días, guerra do Iom Kippur, etc.) e dun conflito de difícil solución que aínda perdura.

  • Cara ao leste asistimos á independencia da India en 1947, con Mahatma Gandhi como líder e símbolo do movemento defensor da non violencia. Polo tamaño e poboación do país e pola súa importancia dentro do imperio británico, é un dos procesos de descolonización máis representativos. Ademais, debido ás dificultades de convivencia entre a poboación hindú, maioritaria, e a numerosa minoría musulmá, o proceso de independencia indio xerou tres países: India, Paquistán e Bangladesh.

  • En 1949 ten lugar a independencia das antigas Indias Orientais Holandesas, dando lugar a Indonesia.

  • No caso da península de Indochina, colonia francesa ocupada por Xapón durante a Segunda Guerra Mundial, o proceso foi máis longo. Ao finalizar a guerra, Xapón retirouse e Ho Chi Minh, líder de ideoloxía comunista, proclamou a independencia de Vietnam en 1945. Esta non foi recoñecida por Francia e iniciouse unha guerra que duraría de 1946 a 1954, na que China apoiaría aos vietnamitas, mentres Estados Unidos prestaría axuda a Francia intentando frear o avance comunista en Asia. Finalmente Francia, derrotada, recoñeceu en 1954 a independencia de Laos e Camboxa. Vietnam quedaría dividido en dous estados: Vietnam do Norte e Vietnam do Sur, dando lugar a unha longa guerra ao longo das dúas décadas seguintes e na que participaría Estados Unidos. Na imaxe da dereita aparece un bombardeo das forzas aéreas estadounidenses con fósforo branco.

  • Máis adiante, nun incesante goteo, produciríase a independencia doutros países pequenos como Kuwait (1961), Singapur (1963) ou Maldivas (1965).

Fronte de Liberación Nacional alxeriana en Evian

ÁFRICA

En África, o período da descolonización divídese en tres etapas, relacionadas coa súa situación xeográfica:

  1. En primeiro lugar produciuse a independencia dos países do norte do continente.
    • Libia e Etiopía, que foran colonias italianas, pasaron nun principio a estar baixo administración británica e francesa, e acadaron a súa independencia en 1951 e 1952, respectivamente.
    • Nesa mesma década, Francia concedeu a independencia de maneira pacífica a Marrocos e Tunisia en 1956. Alxeria non a acadaría ata 1962, despois dunha guerra que provocou tamén unha grande inestabilidade na opinión pública francesa, dividida entre os partidarios de conceder a independencia e os que pretendían manter a colonia. Finalmente, en 1962, Francia recoñece a independencia alxeriana. Na imaxe da dereita, a delegación da Fronte de Liberación Nacional alxeriana en Evian.

  2. A finais dos anos 50 produciuse a independencia das grandes colonias da África subsahariana, xurdindo novos países:
    • Nixeria (1960) e Kenia (1963) independizáronse do imperio británico. 
    • Camerún ou a República Centroafricana, ambos en 1960 e ambos colonias francesas. 
    • O CApartheid en Sudáfricaongo, que fora colonia belga, independizouse en 1960. Dous anos despois faríano outras dúas colonias belgas, Ruanda e Burundi.

  3. A última etapa afectaría aos países do sur do continente.
    • Nela desapareceron, en primeiro lugar, as colonias portuguesas de Angola e Mozambique en 1975, que non accederían á súa independencia ata que chegou a democracia a Portugal, feito que aconteceu en 1974.
    • O último gran país en culminar a súa descolonización foi Namibia en 1990.
    • Mención aparte merece o caso de Sudáfrica, que acadou a súa independencia en 1960, pero que estivo gobernada por unha minoría branca baixo un réxime segregacionista denominado apartheid ata 1993 (ver a imaxe da esquerda). En 1994 convocáronse as primeiras eleccións libres e Nelson Mandela, líder da oposición a ese sistema racista, acadaría a presidencia do país.

NOTA INVESTIGA

  • Escolle un país descolonizado e elabora un informe no que recollas: ano de independencia, antiga metrópole, breve descrición do proceso de independencia e relación actual coa antiga metrópole. Non esquezas anotar as fontes de información consultadas.