4. Capitalismo e comunismo

4.2. A formación da UE

Bandeira da Unión Europea

Aliñada dentro do bloque capitalista, o proceso de formación da Unión Europea constitúe un proceso fundamental dentro da política, sociedade, economía e cultura do continente na segunda metade do século XX.

Trala Segunda Guerra Mundial, nos países de Europa central con sistemas liberais no económico e no político, estendeuse a convicción de iniciar un proceso de unidade que evitase os conflitos de épocas anteriores e posibilitase unha integración económica. Este proxecto contou co apoio dos EUA desde o comezo.

Tratado de Roma
A Comunidade Económica Europea (CEE), xerme da actual Unión Europea, naceu en 1957 co Tratado de Roma (imaxe da dereita). Os primeiros países que a integraron foron Francia, Italia, a República Federal Alemá, Bélxica, Países Baixos e Luxemburgo. Posteriormente, iniciouse un proceso de integración de novos membros con dúas características esenciais:

  • A paulatina cesión de competencias dos estados nacionais a favor das institucións europeas, especialmente no terreo económico.
  • A continua expansión ata 2016. Será na última década do século XX  e na primeira do XXI cando se integren máis países, adoptando o nome de Unión Europea no Tratado de Maastricht en 1992. Da Europa dos Seis en 1957 pasouse á Europa dos 28 en 2013, coa entrada de Croacia. O ingreso de España na UE fíxose efectivo en xaneiro de 1986.

Porén, o proceso de integración europeo non foi un ascenso lineal, senón que pasou por fases contraditorias nas que se alternaron períodos de avance no proceso de unidade con outros de estancamento e "euroescepticismo". Unha das maiores dificultades afrontadas pola Unión Europea foi precisamente a decisión do Reino Unido de abandonala tralo referendo de 2016, abandono que se consumou no ano 2020 e que deixou á Unión Europea cos 27 membros que a forman actualmente. Outra das dificultades foi o feito de que a integración política e social dos países membros non marchou ao mesmo ritmo que a económica, sendo este un dos principais retos de cara ao futuro.

Na imaxe inferior, a sé do Parlamento Europeo na cidade de Estrasburgo (Francia).

Parlamento Europeo (Estrasburgo)

 

NOTA ARGUMENTA

  • A seguinte declaración do ministro francés R. Schuman en 1950 está considerada como un dos pasos previos fundamentais da construción da Unión Europea. O 9 de maio celébrase o día de Europa en conmemoración deste discurso. Tras ler o documento, responde as cuestións.                
"A paz mundial non pode salvagardarse sen uns esforzos creadores equiparables aos perigos que a ameazan.
A contribución que unha Europa organizada e viva pode aportar á civilización é indispensable para o mantemento dunhas relacións pacíficas. Francia,  defensora desde hai máis de vinte anos dunha Europa unida, tivo sempre como obxectivo esencial servir á paz. Europa non se construíu e houbo guerra.
Europa non se fará dunha vez nin nunha obra de conxunto: farase grazas a realizacións concretas, que creen en primeiro lugar unha solidariedade de feito. A agrupación das nacións europeas esixe que a oposición secular entre Francia e Alemaña quede superada, polo que a acción emprendida debe afectar en primeiro lugar a Francia e Alemaña.
Con este fin, o Goberno francés propón actuar de inmediato sobre un punto limitado, pero decisivo:
"O Goberno francés propón que o conxunto da produción franco-alemá de carbón sexa sometida a unha Alta Autoridade común, nunha organización aberta aos demais países de Europa"

1.- Cal é o obxectivo de crear unha "Europa organizada e viva" segundo Schuman?
2.- Como explica a Segunda Guerra Mundial o autor?
3.- Por que Alemaña e Francia deben protagonizar a construción europea segundo Schuman?
4.- Que primeiro paso propón Schuman? Investiga se a súa proposta se levou a cabo e, se foi así, anota como.