UD 8. A GUERRA FRÍA. A DESCOLONIZACIÓN. CAPITALISMO E COMUNISMO
3. Descolonización e "Terceiro Mundo"
Unha das principais consecuencias da Segunda Guerra Mundial foi o proceso de descolonización. As antigas posesións dos imperios coloniais europeos accederon á independencia política nun contexto internacional marcado pola Guerra Fría. Decenas de novos Estados africanos e asiáticos naceron neste período. Xunto aos estados latinoamericanos que se emanciparan do dominio europeo no século XIX, este conxunto de nacións veu constituír o que se denominou o Terceiro Mundo, os países subdesenvolvidos.
Estes novos países, onde vivía a maior parte da poboación mundial, enfrontáronse co reto de construír gobernos estables e eficientes, saír do subdesenvolvemento económico á vez que vivían un crecemento demográfico galopante e, nalgúns casos, definir unha identidade nacional que non tiveran nunca.
A descolonización levouse a cabo de xeito moi desigual. Houbo países onde as metrópoles se deron conta da imposibilidade de manter imperios coloniais na segunda metade do século XX e accederon á independencia de forma pacífica, como Marrocos ou Tunisia, emancipacións logradas de xeito violento como en Indonesia ou Vietnam e países que naceron no medio de gravísimos enfrontamentos entre comunidades relixiosas, como foi o caso de musulmáns e hindús en India e Paquistán.
Por último, en moitos casos a dominación colonial foi substituída polo chamado neocolonialismo, proceso polo que as antigas colonias mantiñan a súa teórica independencia política, pero seguían vencelladas á metrópole economicamente en situación de dependencia e desigualdade.