5. Consecuencias da II Guerra Mundial

5.1. A organización da paz e a creación da ONU.

Conferencia de Ialta

Aceptando a proposta formulada polo presidente estadounidense Roosevelt, a Conferencia de Ialta (na imaxe) decidiu crear unha Organización das Nacións Unidas (ONU) que substituíse á Sociedade de Nacións. En abril de 1945 reuniuse unha conferencia internacional en San Francisco (EUA) á que acudiron delegacións de 50 países. O 25 de xuño aprobouse a Carta das Nacións Unidas, na que se proclamaban catro grandes obxectivos:

  • Manter a paz e a seguridade internacionais.
  • Fomentar as relacións amistosas entre os países.
  • Fomentar a cooperación internacional en todos os ámbitos.
  • Actuar como centro impulsor que harmonizase os esforzos das nacións neses obxectivos.

emblema ONUEntre as institucións que dependen da ONU destaca a Asemblea Xeral, na que están representados todos os países membros e que ten como funcións a supervisión orzamentaria, recibir informes doutros organismos e axencias da ONU, emitir declaracións denominadas resolucións e nomear os membros non permanentes do Consello de Seguridade. 

O Consello de Seguridade é a outra institución principal da ONU e a de maior poder decisorio, dado que as súas resolucións son de obrigado cumprimento. Está composto por dez países membros non permanentes e cinco membros permanentes (EUA, URSS, China, Francia e Reino Unido) que posúen dereito de veto. Este dereito de veto será exercido polas potencias enfrontadas na Guerra Fría e paralizará en boa medida as iniciativas e actividade da ONU.

Outras axencias dependentes da ONU foron creándose tras 1945 con funcións sectoriais, como UNICEF (infancia), ACNUR (persoas refuxiadas), UNESCO (educación, ciencia e cultura) ou FAO (alimentación e agricultura).


NOTA INVESTIGA

  • Neste apartado aparece citada a Conferencia de Ialta. Busca información sobre cando tivo lugar, cal era a súa finalidade e que acordos se tomaron. Fai o mesmo coa Conferencia de Potsdam. Non esquezas anotar as fontes consultadas.