4. O Holocausto

A SegundR. Heydricha Guerra Mundial foi o contexto no que a Alemaña nazi activou un programa de exterminio a gran escala que afectou principalmente á poboación xudía, pero que tamén supuxo a persecución e exterminio de minorías como a poboación xitana, grupos étnicos como a poboación eslava ou grupos determinados pola súa orientación sexual (homosexuais) ou características físicas ou psíquicas (discapacitados). As teorías de superioridade racial do nazismo tomaban forma nunha política de persecución e eliminación sistemática das consideradas razas ou grupos inferiores. A esta política de asasinato organizado déuselle o nome de Solución final na Conferencia de Wannsee, organizada por líderes nazis como Reinhard Heydrich (na imaxe da esquerda) e supuxo un dos crimes máis atroces da historia da humanidade.

A segregación e persecución da poboación xudía comezara en canto Adolf Hitler tomou o poder na Alemaña de 1933, coa elaboración das Leis de Núremberg, que excluían aos xudeus da cidadanía alemá e prohibían os matrimonios mixtos. En 1938 comezaron as campañas de "arianización", co obxectivo de apropiarse dos negocios e das propiedades da poboación xudía. En novembro dese ano tivo lugar a Kristallnacht ou Noite dos Cristais Rotos, que marcou un punto álxido na política antisemita nazi co saqueo sistemático de sinagogas, vivendas e establecementos xudeus. Unhas cen persoas foron asasinadas e arredor de 30.000 arrestadas e enviadas aos primeiros campos de concentración. Ademais, comezaron a organizarse guetos nas cidades para a poboación xudía.
Auschwitz

Co inicio da guerra, a política de persecución acentuouse aínda máis co expansionismo alemán cara ao leste. As tropas da Wehrmacht ían acompañadas dos Eisentzgruppen das SS, que se adicaron a perpetrar matanzas masivas de xudeus na Europa Oriental.

En 1942, ao aplicar a Solución Final, os campos de concentración, que actuaban ata o momento como centros de traballo forzoso e de tortura e represión, orientáronse prioritariamente ao exterminio da poboación xudía de toda Europa, deportada e conducida ás cámaras de gas. Estableceuse unha complexa e inxente administración para levar a cabo a Solución Final. Campos coma o de Auschwitz (na imaxe da dereita) foron o escenario do horror.

Ao final da guerra, arredor de 6 millóns de xudeus, varios millóns de eslavos e máis de 200.000 xitanos foran asasinados. Os campos foron tamén lugar para o asasinato de disidentes políticos e persoas contrarias ao fascismo, entre eles arredor de 3500 republicanos españois que se exiliaran trala Guerra Civil e proseguiran na contenda mundial a súa loita contra o fascismo.

Mapa Holocausto

Os crimes contra a humanidade do nazismo foron documentados e xulgados entre 1945 e 1946 nos xuízos de Núremberg. Malia a evidencia histórica contrastada do Holocausto, hoxe en día están en auxe diversas teorías negacionistas que parten dun variado catálogo de falacias conspiranoicas de orixe antisemita co obxectivo común de xustificar ao nazismo.

Museo xudeu de Berlín


NOTA INVESTIGA

  • Na derradeira imaxe deste epígrafe podes ver o Museu Xudeu de Berlín. Busca información e anota de xeito sintético o seu autor, ano de inauguración, forma e contido. Non esquezas anotar as fontes consultadas.