2. Causas da II Guerra Mundial

AnschlussA fonda depresión económica iniciada en 1929 destruíu a feble concordia internacional e favoreceu o ascenso dos fascismos. Alemaña, Italia e Xapón irán configurando a partir de 1930 un bloque militar, o Eixo, decidido a rematar coa orde internacional establecida trala Primeira Guerra Mundial e cos seus efectos, que provocaran un sentimento de crecente desquite, especialmente na Alemaña nazi.

O militarismo e a tensión internacional na década de 1930 non deixaron de medrar en diferentes escenarios, xerando un clima prebélico:

  • Expansión xaponesa mediante o ataque a China desde Manchuria.
  • Intervencionismo italiano en Etiopía e Albania .
  • Participación de Italia, Alemaña e a URSS na Guerra Civil española.
  • Expansionismo da Alemaña nazi: militarización de Renania, anexión de Austria (na imaxe) e  dos Sudetes (territorio checoslovaco con poboación de cultura xermana), ocupación de Checoslovaquia.

 

Ante esta situación, a Sociedade de Nacións amosou a súa ineficacia mentres as potencias liberais europeas buscaron unha política de contención coas potencias fascistas, aceptando a súa expansión. A URSS de Stalin, sumida nun proceso de purgas internas, asinou un pacto de non agresión coa Alemaña nazi que alentou o expansionismo alemán polo leste de Europa. A guerra era inminente e desencadeouse o 1 de setembro de 1939, a raíz da invasión de Polonia por Alemaña.


NOTA INVESTIGA

  • Elabora un esquema no que distingas as causas e o detonante da Segunda Guerra Mundial.
  • Investiga os seguintes pactos/acordos, anotando en que medida favorecen o camiño cara á guerra: Conferencia de Múnic (1938), Pacto AntiKomintern, Stahlpakt, Pacto Ribbentrop-Mólotov. Deixa constancia no teu traballo das fontes consultadas.