A II REPÚBLICA E A GUERRA CIVIL
5. Arte: A derradeira leición do mestre
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886 - Bos Aires, 1950) é tal vez o persoeiro máis destacado da cultura galega do século XX. A súa ampla obra, que se manifesta en distintos eidos (narrativa, teatro, caricatura, pintura, etc.) reflicte un fondo compromiso con Galicia e coa súa xente, especialmente coa inxustiza e o sufrimento dos máis desfavorecidos, usando para iso o humor acedo e a crítica social.
A Guerra Civil foi a causa de que moitos intelectuais galegos, entre os que se conta Castelao, se dirixisen ao exilio para, en moitos casos, non volver á súa terra. No seu exilio en Bos Aires Castelao pintou esta obra, titulada A derradeira leición do mestre, xunto cunha serie de estampas sobre a Guerra Civil que se recollen no álbum Galicia mártir.
Na web arte-historia.com fan unha breve análise deste cadro que incluímos aquí:
«Nesta obra, Castelao retrata a salvaxe represión franquista en Galicia a través da figura dun mestre republicano represaliado e dous dos seus alumnos velando o seu corpo nunha paisaxe triste e desolada. O seu sacrificio foi a última —definitiva— lección que lles deixou ás novas xeracións. Deixando de lado a evidente asociación iconográfica relixiosa coa figura de Cristo, moitos viron no asasinado o rostro de Alexandre Bóveda, un dos principais mártires galegos da Guerra Civil e amigo persoal de Castelao. O artista, ao contrario que Bóveda, salvou a pel por estar fóra de Galicia, onde militares e paramilitares campaban ás súas anchas elixindo as súas vítimas cando empezou o golpe de Estado. Moi ben podería ter sido tamén o artista un morto máis.
Dá a impresión de que Castelao quixo darlle certo aire anónimo a ese rostro para transmitir que foron moitos os asasinados e asasinadas neses anos escuros, e que, como ben sabemos por coñecemento empírico, o pobo que non coñece ou esquece a súa historia está condenado a repetila, polo que debemos estar sempre alerta. Quizás esa sexa a última lección dese mestre.
O óleo está baseado nunha obra anterior de Castelao, Galicia mártir, unha especie de Desastres da guerra de Goya levado á idiosincrasia galega e ao propio estilo do autor. Tamén podemos apreciar referencias ao Ángelus de Millet na paisaxe lacónica, a melancolía do ambiente e os tons da cor da terra esfumados pola brétema.»
- Elabora un breve informe sobre tres das seguintes persoas galegas relacionadas co exilio: Luís Seoane, Isaac Diaz Pardo, Maruja Mallo, María Casares e Rafael Dieste. Non esquezas anotar as fontes consultadas.