4. A Guerra Civil (1936-1939)

4.3. As fases da guerra

Podemos dividir a Guerra Civil en catro fases:

1.- A fixación das frontes (xullo-novembro de 1936)

Inmediatamente despois do golpe de Estado, os sublevados crearon unha Xunta de Defensa Nacional, organismo que faría as funcións do goberno nos territorios baixo o seu control. A morte de Sanjurjo e Mola en accidentes fai que Francisco Franco asuma o mando supremo, sendo nomeado "Xeneralísimo dos Exércitos" e Xefe do goberno sublevado, establecido en Burgos. Paralelamente e seguindo o exemplo das ditaduras fascistas co Führer nazi e o Duce italiano, Franco empeza a ser chamado Caudillo.

Mapa guerra civil agosto 1936I

2.- A batalla por Madrid (novembro 1936 - marzo 1937)Manifestación en Varsovia en apoio á República española

A liña de fronte axiña chegou ás portas da capital. Isto motivou o traslado do goberno republicano a Valencia. Malia os esforzos dos sublevados, a ofensiva é detida polo exército republicano, as milicias anarquistas e outros grupos de esquerda (que serían disoltos e agrupados no Exército Popular) e as Brigadas Internacionais. Un dos símbolos da resistencia republicana en Madrid foi o Non pasarán, proclamado pola líder comunista Dolores Ibárruri, a Pasionaria, e convertido nunha proclama antifascista en toda Europa. Na imaxe da dereita pode verse unha manifestación en Varsovia de apoio á República na que empregan ese lema.

3.- A ofensiva do norte e as batallas de Aragón (marzo 1937 - novembro 1938)

Co bloqueo da fronte de Madrid, as tropas sublevadas diríxense ao norte. A ofensiva comezou no País Vasco e foron caendo as cidades de Bilbao, Santander e Xixón. Trala vitoria nesta franxa setentrional, clave para a República polo seu carácter industrial e mineiro, Franco concentra os seus esforzos bélicos en  Aragón. Ten lugar así a Batalla do Ebro, que remata por fraccionar a zona republicana en dúas partes.

Mapa Guerra Civil a finais de 1937

4.- Final da guerra e vitoria franquista (novembro 1938 - abril 1939)

A vitoria franquista na batalla do Ebro marca un punto de inflexión para o bando republicano, que se ve abocado a unha derrota: Cataluña é conquistada entre decembro de 1938 e xaneiro de 1939. En Madrid, Juan Negrín, xefe do goberno republicano, resiste agardando o inicio dunha guerra mundial que posicione ao seu favor a Francia e Gran Bretaña. A división interna do bando republicano persiste mesmo neste momento e, así, ten lugar un golpe militar interno dirixido por Segismundo Casado contra o goberno de Negrín coa intención de negociar con Franco o fin da guerra. Franco non aceptou ningunha negociación que non fose a rendición incondicional e o derradeiro parte de guerra que anuncia a súa vitoria ten lugar o 1 de abril. Comezaba así a ditadura franquista.
Madrid. Desfile da vitoria franquistaDesfile da vitoria franquista en Madrid (maio1939)

NOTA ARGUMENTA

  • Cal pensas que foi o suceso clave da evolución da Guerra Civil? Argumenta a túa resposta.