A II REPÚBLICA E A GUERRA CIVIL
4. A Guerra Civil (1936-1939)
4.2. Os bandos enfrontados e a dimensión internacional
A Guerra Civil española supuxo o enfrontamento entre dous bandos:
- Do lado da legalidade republicana permanecen os militares non golpistas (destacando os xenerais Rojo e Miaja), a maior parte da Garda de Asalto e as milicias socialistas, anarquistas e comunistas. Este bando foi denominado despectivamente "rojo" polos sublevados.
- Do lado golpista, autodenominados "nacionais", atópanse os militares sublevados (destacando os xenerais Mola, Sanjurjo, Goded e Franco), a maior parte da Garda Civil, a Igrexa católica, a Falanxe, monárquicos e carlistas.
O trazo común inicial aos dous bandos é a diversidade dos elementos que os compoñen. Mais axiña comezaron a amosar unha dinámica distinta.
No bando republicano existirá unha crecente división interna e enfrontamento, sobre todo entre os anarquistas e outros partidarios dunha revolución inmediata contra os partidarios de atender á guerra, coma os comunistas e os socialistas. Este enfrontamento desembocará en maio de 1937 en Barcelona nun enfrontamento directo que rematará coa derrota dos anarquistas e das súas formas de organización na fronte (milicias populares).
No bando sublevado terá lugar unha unificación das distintas forzas arredor da figura do xeneral Franco que, en 1937 e mediante o Decreto de Unificación, crea un partido único a semellanza do fascismo italiano (Falange Española Tradicionalista y de las JONS), no que se integraron forzosamente e baixo o seu mando todos os grupos ideolóxicos deste bando.
Internacionalización do conflito