3. A II República (1931-1936)

3.3. O Bienio rectificador (1933-1936)

Nas eleccións de 1933 confluíron unha serie de factores que implicaron un cambio na composición do Parlamento:

  • Unha parte importante das forzas conservadoras acudiu ás eleccións en coalición, a CEDA (Confederación Española de Derechas Autónomas), dirixida por Gil Robles.
  • Outros grupos relevantes da dereita organizáronse arredor dos monárquicos de Renovación Española, dirixidos por Calvo Sotelo e dos carlistas de Comunión Tradicionalista.
  • José Antonio Primo de Rivera funda en 1933 un partido fascista, Falanxe Española, que destacará no enfrontamento violento directo coas organizacións de esquerda, xerando un clima de gran tensión.
  • Os grupos de esquerda, tanto socialistas como republicanos, estaban moi divididos.
  • A principal organización anarquista, a CNT, fai un chamamento para que os seus seguidores non participen nas eleccións.

Alejandro LerrouxOs resultados electorais déronlle a vitoria á CEDA, seguida polo moderado Partido Republicano Radical de Alejandro Lerroux (na imaxe), que foi quen recibiu do presidente da República Alcalá-Zamora o encargo de formar goberno, co respaldo da CEDA. Socialistas e republicanos de esquerda perderon boa parte do seu apoio electoral e no parlamento entran a Falanxe e o Partido Comunista por vez primeira.

As primeiras medidas de Lerroux foron a paralización das reformas do goberno de Azaña e a concesión da amnistía ao xeneral golpista Sanjurjo. Estas medidas supuxeron o incremento da conflitividade social, que tivo un dos seus momentos álxidos na folga xeral convocada en 1934 por CNT e UXT. Esta folga xeral converteuse en revolución en Asturias (ver imaxe inferior), onde o goberno enviou tropas dirixidas polo xeneral Franco para sufocala. Houbo unha gran represión que acentuou aínda máis a conflitividade social.

En Cataluña, o presidente Companys proclama o Estado catalán dentro da República Federal española, invitando aos grupos de esquerda a sumarse a un goberno de oposición a Lerroux desde Barcelona. O exército bombardeou o palacio da Generalitat e detivo ao goberno catalán.

revolución de Asturias

O goberno de Lerroux continuou coa súa política contrarreformista ata finais de 1935, cando un escándalo de corrupción provoca a súa dimisión e fai que Alcalá-Zamora convoque eleccións para febreiro de 1936. Neste período a conflitividade non deixou de medrar malia a represión e os grupos de esquerda comezaron a agruparse. A violencia e os atentados motivados por grupos de extrema esquerda e de extrema dereita serán unha constante.