3. A II República (1931-1936)

3.2. O Bienio reformista (1931-1933)

Manuel AzañaOs gobernos do bienio 1931-1933, dirixidos por Manuel Azaña (imaxe da dereita), caracterízanse polo seu marcado carácter reformista. O seu obxectivo era a transformación e modernización do país. Podemos sinalar un ámbito de actuación reformista nos seguintes aspectos:

  • A reforma territorial. Para atender ás demandas dos nacionalismos periféricos (catalán, vasco e galego) empregouse o mecanismo dos estatutos de autonomía, previstos na Constitución de 1931 para as rexións con características históricas, culturais e económicas. A política territorial da República tivo como consecuencia unha oposición crecente dentro do exército.

  • A reforma agraria. Unha das demandas de campesiñado, xornaleiros e sindicatos agrarios, especialmente no sur latifundista, era o reparto de terras. A Lei de Reforma Agraria de 1932 tiña como obxectivo crear unha clase media campesiña repartindo as terras e indemnizando aos grandes propietarios.

  • A reforma educativa. Estímase que un 40% da poboación española en 1931 era analfabeta. O goberno republicano estableceu a educación primaria gratuíta e obrigatoria para solucionar o que consideraban unha das causas fundamentais dos problemas do país. Complementariamente e para reforzar o carácter laico do Estado, prohibiuse que as ordes relixiosas exercesen actividades educativas, o que trouxo consigo a oposición da Igrexa á Republica.

  • Reforma militar. O goberno republicano tivo como obxectivo a modernización e democratización do exército para evitar as súas constantes intromisións na vida política. Para iso ofrécese aos mandos militares xurar fidelidade á República ou pasar á reserva mantendo o seu salario.

O programa reformista de Azaña motivou a oposición de latifundistas, Igrexa e sectores militares. No ano 1932 tivo lugar unha tentativa de golpe de Estado, protagonizada polo xeneral Sanjurjo, que fracasou. Nos grupos de esquerda, os anarquistas eran partidarios da revolución e non das reformas, ao igual que os comunistas. Neste contexto ten lugar un episodio de dura represión do goberno republicano contra os anarquistas, a matanza de Casas Viejas (Cádiz) en 1933, o que intensificou a crise do goberno, que convoca novas eleccións para novembro de 1933.

Matanza Casas Viejas


NOTA ARGUMENTA

  • Elabora un esquema sobre as reformas do bienio reformista no que inclúas a oposición que suscitou cada unha delas.

NOTA INVESTIGA

  • Busca información sobre o intento de Golpe de Estado de Sanjurjo e sobre os sucesos de Casas Viejas e elabora un breve informe sobre cada episodio. Anota as fontes empregadas.