A II REPÚBLICA E A GUERRA CIVIL
2. A construción do Estado liberal no século XIX
2.1. A Restauración borbónica (1874-1931)
Finalizado o Sexenio democrático, a Restauración borbónica terá como obxectivo a estabilización do sistema liberal empregando como bases o moderantismo e a alternancia pacífica no poder. O arquitecto da Restauración será Antonio Cánovas del Castillo. A Constitución de 1876 marca a estrutura teórica do sistema, outorgando un gran protagonismo político á monarquía, cosoberana e líder do exército. Outros elementos que marcan o liberalismo conservador da Constitución son a confesionalidade católica do Estado ou o centralismo político-administrativo, ao ser os Concellos e Deputacións provinciais nomeadas polo Goberno.
Para garantir a estabilidade do sistema, Cánovas deseña a alternancia de gobernos baseada na quenda: o Partido Conservador, presidido por el mesmo, e o Partido Liberal, encabezado por Sagasta, alternaranse de xeito pacífico e pactado no poder, empregando para iso a fraude electoral e o caciquismo. A instauración do sufraxio universal masculino en 1890 non suporá, así, grandes cambios, dado que as eleccións eran unha pantomima acordada polos partidos dinásticos.
Deste xeito, a pretendida estabilidade do sistema canovista faise a costa dun sistema político oligárquico e pechado. A oposición ao sistema da Restauración comezará polos nacionalismos periféricos, que desde Cataluña, País Vasco e Galicia cuestionan a estrutura centralista do Estado. Tamén se oporá ao sistema o republicanismo que, se ben se atopaba dividido trala experiencia da I Republica, coincidía no laicismo e na reivindicación da República como forma de goberno. O conservadurismo e apoio do sistema á burguesía industrial e financeira sumará o movemento obreiro á oposición á Restauración, destacando o papel dos grupos anarquistas, que levarán a cabo accións violentas como o asasinato de Cánovas en 1897. No proceso de participación política do movemento obreiro destaca a aparición de partidos coma o PSOE en 1879.
En 1898 ten lugar o Desastre da perda das colonias de Filipinas e Cuba e xorde o rexeneracionismo, movemento cultural que critica a corrupción política e o caciquismo do sistema canovista, con figuras como Joaquín Costa.
O primeiro terzo do século XX caracterízase pola crise continua do sistema canovista, agravada polas consecuencias da política imperialista en Marrocos. Esta crecente conflitividade maniféstase de xeito especialmente intenso na Semana Tráxica de Barcelona (1909) e no desastre de Annual (1921). As derrotas en Marrocos contribúen á radicalización política de xenerais como Franco, Queipo de Llano ou Mola.
A inestabilidade do sistema e o descrédito da monarquía de Afonso XIII (1902-1931) favoreceu o golpe de Estado do militar Miguel Primo de Rivera (na imaxe da dereita) que, co beneplácito do monarca, estableceu unha ditadura de 1923 a 1930, tomando como exemplo o fascismo italiano. Isto non conseguiu máis que acentuar o descontento social e político; os días da Restauración e da monarquía estaban contados.
- Explica, empregando razóns que atopes neste apartado, o sentido da seguinte portada dunha publicación satírica de 1914.