4. O auxe dos fascismos

4.2. O nazismo alemán

Viñeta sobre a lenda da "puñalada polas costas"En 1919 Adolf Hitler afiliouse ao Partido dos Traballadores Alemáns (DAP), un pequeno partido nacionalista, anticomunista, antisemita e totalmente contrario ao Tratado de Versalles. Grazas ás súas dotes en oratoria, pronto se converteu no seu líder e refundouno como Partido Nacional-Socialista dos Traballadores Alemáns (NSDAP), comunmente chamado Partido Nazi
En 1923, durante unha corta estancia no cárcere tras un golpe de Estado fracasado (putsch de Múnic), Hitler escribiu o libro que resume a súa ideoloxía, Mein Kampf (A miña loita). Este ideario recollía moitos trazos do fascismo, como o rexeitamento da democracia, a exaltación da violencia e a guerra ou o culto ao xefe, pero tamén tiña algúns trazos propios, entre os que podemos destacar os seguintes:
  • Crenza na lenda da "puñalada polas costas" (viñeta da imaxe da esquerda, de 1919), segundo a cal a derrota de Alemaña na Primeira Guerra Mundial fora debida á acción desde dentro de comunistas, socialistas, xudeus e pacifistas.
  • Nacionalismo baseado na raza. Segundo el, a humanidade dividíase xerarquicamente en razas, sendo a aria a superior, a "raza dos señores" (Herrenvolk), que debía dominar a outras razas inferiores (eslavos, xudeus, xitanos, afroalemáns...). 
  • Antisemitismo (odio aos xudeus) levado ás súas últimas consecuencias. Os xudeus (seguidos moi de preto polos comunistas) eran os culpables de todos os males que sufría o pobo alemán: o Tratado de Versalles, a crise económica, o perigo bolxevique….
  • Necesidade de conseguir "espacio vital" (Lebensraum) para o expansionismo da raza aria e a creación dunha Gran Alemaña. Este espacio tiña que conseguirse cara o Leste, xa que alí estaba o maior inimigo ideolóxico, o comunismo. Tropas do exército nazi
A crise de 1929 e a súa brutal repercusión en Alemaña provocaron un aumento do paro insostible, que non mellorou coas políticas de austeridade aplicadas para combater a crise. As tensións sociais foron en aumento e os obreiros comezaron a apoiar ao Partido Comunista, mentres as clases medias e altas apoiaban ao Partido Nacionalsocialista. O temor a unha revolución por parte de industriais e financeiros deulle ao partido nazi o impulso que lle faltaba, xa que o consideraban o único capaz de restablecer a orde e protexer os seus intereses. Deste xeito, o NSDAP aumentou a súa representación no Reichstag (Parlamento) con sucesivos éxitos electorais ata que en xaneiro de 1933 Hitler foi nomeado chanceler. Era o momento desexado polo líder nazi. Desde ese instante todos os seus movementos foron encamiñados a facerse co poder total en Alemaña e non tardou en rematar coa feble democracia da República de Weimar, proclamándose Führer (líder, xefe). 
Entre as accións levadas a cabo polo goberno nazi destacan as seguintes:

  • Prohibición dos partidos políticos e eliminación de calquera tipo de liberdade.
  • Violenta persecución dos rivais políticos e as minorías raciais. Os grupos paramilitares do partido nazi (as SA e as SS) e a policía secreta (a Xestapo) organizaron un verdadeiro réxime de terror. Neste sentido son especialmente significativas as Leis de Núremberg, que institucionalizaban a persecución contra os xudeus e foron a antesala da denominada "Solución final", que supuxo o exterminio sistemático da poboación xudía, o Holocausto, a escala europea.
  • Do mesmo xeito que fixera o fascismo italiano, o nazismo implantou o control estatal da economía, tratando de chegar á autarquía. Ademais, fomentouse a construción de grandes obras públicas e organizouse un potente rearmamento.
  • Ademais, a Alemaña nazi emprendeu unha política expansionista, especialmente evidente a partir de 1936, co obxectivo de lograr un III Reich (Imperio) que dominase Europa. Isto levou ao mundo á guerra en 1939. O horror dun conflito a escala mundial retornaba.

Xudeus limpando a rúaXudeus obrigados a limpar a rúa (Viena, 1938)


NOTA INVESTIGA

Realiza as seguintes actividades e anota as fontes consultadas en cada caso:

a. Busca información sobre os seguintes acontecementos relacionados coa Alemaña nazi e elabora un breve informe sobre cada un deles: Noite dos coitelos longos, Noite dos cristais rotos.

b. A seguinte frase é atribuída a Joseph Goebbels, un dos homes de confianza de Hitler. Busca cal era a función de Goebbels dentro do goberno nazi e explica o significado da frase nese contexto:

"Unha mentira mil veces repetida transfórmase en verdade."