3. Os anos 20: os contrastes da posguerra

3.3. A muller nos anos 20. A loita polo sufraxio.

Manifestación sufraxista en 1915Manifestación de sufraxistas en Nova York (1915)


O movemento sufraxista comezou no século XIX. Adoita citarse a Declaración de Seneca Falls, redactada en Nova York en 1848, como un dos textos fundacionais do sufraxismo, que tivo as súas principais manifestacións no Reino Unido e en Estados Unidos, con figuras destacadas como as británicas Emmeline e Christabel Pankhurst (nai e filla) e as estadounidenses Anna Howard Shaw e Carrie Chapman Catt. Os seus medios de acción eran fundamentalmente as manifestacflappers, anos 20ións e outras accións propagandísticas e reivindicativas, como a irrupción en actividades políticas e deportivas (por exemplo, mitins ou carreiras de cabalos), o cal ás veces desembocaba en enfrontamentos coa policía. Neste sentido hai que destacar a manifestación do 18 de novembro de 1910, que pasou á historia como o Venres Negro

Durante a Primeira Guerra Mundial, tivo lugar en Europa unha incorporación da muller ao mundo laboral fóra do ámbito doméstico como nunca antes sucedera. Tamén supuxo cambios na forma de vestir da muller: para traballar con máis comodidade abandonáronse os xustillos, acurtáronse as saias e comezaron a usarse pantalóns. Todo iso supuxo un novo avance cara á emancipación feminina. Cando os homes volveron da guerra produciuse un certo retroceso no progreso que as mulleres levaran a cabo durante a contenda, pero non estaban dispostas a volver ao punto de partida: a guerra puxera de manifesto que as mulleres eran quen de realizar os traballos que antes se consideraban exclusivamente masculinos, polo tanto tamén podían exercer dereitos políticos como votar.

No ámbito político destaca neste momento a figura de Aleksandra Kolontái, incansable loitadora polos dereitos da muller que se convertería en 1917, durante a revolución bolxevique, na primeira muller da historia en ocupar un ministerio gobernamental.

Tralo final da Gran Guerra o dereito ao voto feminino foi progresivamente recoñecido por distintos Estados, se ben a prohibición de participación política da muller continúa vixente en determinados países aínda hoxe en día. 

Desde un punto de vista cultural e paralelamente ás reivindicacións políticas, nos anos 20 mulleres europeas e americanas comezan a ocupar espazos e actividades tradicionalmente masculinos. Saír, fumar en público ou levar o pelo curto foron símbolos das denominadas flappers, que foron tachadas de inmorais dado que a estrutura patriarcal dominante porfiaba en reducir a muller ao ámbito doméstico e ás actividades de coidado da familia.


NOTA INVESTIGA

  • Investiga e fai un resumo sobre os seguintes conceptos e acontecementos: Venres Negro, flappers. Anota as fontes consultadas.
  • Elabora unha liña de tempo cos anos nos que as mulleres acadaron o dereito ao voto nos seguintes países: España, Francia, Reino Unido, Alemaña, Estados Unidos, Nova Zelandia, Noruega, Italia, Rusia, Suíza. Non esquezas anotar as fontes que empregues no teu traballo.