U. D. 5: A ÉPOCA DE ENTREGUERRAS
2. A Revolución rusa de 1917
2.3. A construción do Estado soviético
Incorporación das repúblicas á URSS
En 1922 xorde oficialmente a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS ou CCCP en siglas rusas). Nese momento estaba formada por Rusia, Ucraína, Bielorrusia e Transcaucasia (actuais Xeorxia, Armenia e Azerbaixán). Posteriormente irá redefinindo o seu territorio e ampliándoo no contexto da Segunda Guerra Mundial, ata chegar a 15 Repúblicas Socialistas Soviéticas.
A primeira Constitución da URSS data de 1924. Nela establécese que o órgano de goberno supremo é o Congreso dos Soviets. Entre congresos, esa autoridade suprema é exercida polo Comité Executivo Central. Ámbalas dúas institucións están controladas polo Partido Comunista da Unión Soviética (PCUS), de xeito que se produce un paralelismo absoluto entre Estado e Partido.
Lenin (1917-1924)
Para solucionar a grave crise provocada pola Gran Guerra e a escaseza derivada do comunismo de guerra, Lenin impulsou a denominada Nova Política Económica (NEP), que supoñía, na práctica, o retorno parcial a unha economía de mercado mediante os seguintes elementos:
- Fin das incautacións de produción ao campesiñado, permitindo certa actividade comercial e recuperando fórmulas de propiedade privada no campo.
- Freo á colectivización forzosa de industria e comercio, permitindo propiedade privada na pequena industria e no comercio.
- Control directo por parte do Estado de actividades como a banca, industria pesada e comercio exterior.
A NEP conseguiu paliar os efectos da crise provocada pola contenda civil e pola Gran Guerra. Permanecerá operativa ata 1928, momento no que Stalin comezará a planificación total da economía.
Stalin (1924 - 1953)
A morte de Lenin en 1924 fai patente a loita pola sucesión á fronte do Estado soviético entre os dirixentes do PCUS, loita que xa comezara anos atrás. Como parte do núcleo dos revolucionarios e organizador do Exército Vermello, destacaba teoricamente na sucesión a Lenin León Trotski (na imaxe inferior), pero Iósif Stalin (imaxe da esquerda) conseguirá illar politicamente a Trotski e condenalo ao desterro en 1929. Para iso empregará alianzas con outros líderes revolucionarios (como Kamenev, ou Zinoviev, entre outros) aos que logo abandonará e perseguirá. Ideoloxicamente, Trotski era partidario da Revolución permanente para estender o socialismo fóra das fronteiras soviéticas; mentres que, pola súa banda, Stalin era partidario do Socialismo nun só país, é dicir, converter á URSS nunha gran potencia que servise de exemplo a futuras revolucións. En 1940, no seu exilio en México, Trotski será asasinado por Ramón Mercader, un axente de Stalin.
Ata a súa morte en 1953, Stalin convértese no líder absoluto da URSS, establecendo unha ditadura autoritaria na que toda oposición era perseguida.
Desde unha perspectiva política, o culto ao líder será un dos elementos clave do stalinismo: Stalin é presentado como a personificación do socialismo e calquera posición política diverxente será condenada por "contrarrevolucionaria." Os procesos de Moscova (1936-1938) constitúen un exemplo da represión stalinista, que afectou ao conxunto da sociedade: membros do PCUS, intelectuais, militares... As execucións ou envío aos campos de traballo forzado (gulags) foron os mecanismos que conformaron a represión e a consolidación do totalitarismo stalinista. Durante o stalinismo, o vencello entre Estado e Partido aínda foi máis intenso e xerouse unha elite social, a nomenklatura, coa que Stalin controlaba os resortes do Estado e do PCUS.
No que respecta á economía, en 1928 Stalin abandona a NEP, considerada anticomunista, e inicia a planificación da economía por parte do Estado:
- Na agricultura, a propiedade foi colectivizada, establecéndose dous tipos de explotacións agropecuarias: kolhoces e sovhoces
- Na industria, deseñáronse os denominados planos quinquenais, co obxectivo de converter á URSS nunha potencia industrial, tecnolóxica e militar. Os planos quinquenais priorizaron a industria pesada e militar. Ao centrarse na industria pesada, as condicións e nivel de vida dos cidadáns víronse afectadas, malia que o Estado garantía sanidade, educación e vivenda.
- Explica o sentido da frase: Na URSS prodúcese un paralelismo absoluto entre Estado e Partido.
- Elabora un esquema coas tres políticas económicas distintas que teñen lugar nos gobernos de Lenin e Stalin. Non esquezas anotar as fontes consultadas para o teu traballo.