2. A Revolución rusa de 1917

2.1. Causas e antecedentes da Revolución bolxevique

O declive do tsarismo

Nicolás II e familia Romanov
Nicolás II, derradeiro tsar de Rusia, e a súa familia.

En 1914 o Imperio tsarista era unha gran potencia que se estendía por dous continentes, Europa e Asia, cunha superficie de 22 millóns de km2 e unha poboación duns 160 millóns de habitantes.
O seu sistema político era o característico do Antigo Réxime: unha monarquía absoluta personificada na dinastía dos Romanov, que reaccionaron ante os cambios políticos derivados do liberalismo con pequenas e insignificantes reformas e coa represión de toda voz discordante.
A nivel socioeconómico, a maioría da poboación do Imperio era campesiña e ata 1861 existira a servidume. Sen embargo, existían uns poucos, pero relevantes núcleos industriais, como San Petersburgo ou Moscova, favorecidos polos investimentos estranxeiros e nos que prendeu o movemento obreiro.
A oposición ao tsarismo foise consolidando desde finais do século XIX, con ideoloxías como o socialismo, o anarquismo e o liberalismo. Dentro do socialismo, destaca a fundación en 1898 do Partido Obreiro Social-Demócrata Ruso (POSDR), de postulados marxistas e coa división interna entre os menxeviques e os bolxeviques liderados por Lenin.

A revolución de 1905

Acoirazado PotemkinTodas as contradicións do sistema tsarista chegaron a un punto de tensión máxima a raíz da guerra  ruso-xaponesa (1904-1905). Motivada polo dominio colonial do Extremo Oriente do continente asiático, Rusia sufriu unha contundente derrota que a obrigou a abandonar os seus intereses en Manchuria e Corea e a perder territorios (parte da illa de Sakhalin). Ademais, acentuou as malas condicións económicas e o descontento da poboación rusa.
En xaneiro de 1905 tivo lugar o Domingo Sanguento, denominación que recibe a dura represión por parte das tropas tsaristas dunha manifestación pacífica de obreiros e campesiños que pedían melloras salariais e cambios políticos. Paralelamente xorden os soviets,  agrupacións de obreiros e campesiños encargadas de xestionar as manifestacións e protestas e que terán un gran protagonismo na Revolución de 1917. A mediados de 1905 ten lugar a sublevación dos mariñeiros do acoirazado Potemkin (na imaxe) contra os seus oficiais; malia o fracaso e a represión do motín, estendéronse os actos de sublevación dentro do exército e da armada rusa.
Nicolás II reaccionou ante a revolución de 1905 co denominado Manifesto de outubro, no que recoñecía determinadas liberdades civís e creaba a Duma como cámara parlamentaria con capacidade lexislativa. Semellaba que o tsar aceptaba así os principios do liberalismo, pero axiña quedou patente a insuficiencia das reformas polo recorte de liberdades e a tutela á que o monarca sometía á Duma, exercendo dereito de veto.

NOTA INVESTIGA

  • Investiga en que se diferenciaban os bolxeviques e os menxeviques. Anota as fontes consultadas. 

NOTA ARGUMENTA

Le o documento seguinte, unha carta do escritor Lev Tolstoi ao tsar escrita en 1902, e...

a.- identifica os elementos dos apuntamentos que aparecen no texto.

b.- caracteriza o contexto histórico ruso inmediatamente posterior á carta.


Querido irmán:

Este cualificativo paréceme o máis conveniente porque, nesta carta, diríxome menos ao emperador e ao home, que ao irmán. E ademais, escríbovos case desde o outro mundo, atopándome á espera dunha morte moi próxima. [...]

Unha terceira parte de Rusia está sometida a unha continua vixilancia policial; o exército de policías coñecidos e secretos aumenta sen cesar; as prisións, os lugares de deportación e os calabozos están repletos. […] Hai un número considerable de condenados políticos entre os cales existen agora multitude de obreiros. A censura, coas súas medidas represivas, chegou ata un nivel tal que non acadara nos peores momentos dos anos que seguiron a 1840  […].

Nas cidades e nos centros industriais concentráronse as tropas que, armadas de fusís, foron enviadas contra o pobo. Nalgúns puntos xa se produciron enfrontamentos e matanzas, e noutros, prepáranse, e a súa crueldade será aínda maior.

O resultado de toda esta actividade cruel do goberno é que o pobo agricultor […] se empobrece de ano en ano, de xeito que a fame chegou a ser o estado normal, igual có descontento de todas as clases e a súa hostilidade cara ao goberno.

A autocracia é unha forma de goberno que morreu. Tal vez responda aínda ás necesidades dalgúns pobos do centro de África, afastados do resto do mundo, pero non responde ás necesidades do pobo ruso cada día máis culto, grazas á instrución que vai sendo cada vez máis xeral [...].

León Tolstoi:  "Carta ao Tsar Nicolás II", 16 de xaneiro de 1902.