5. As consecuencias da Revolución Industrial

A industrialización, como vimos, seguiu ritmos e pautas distintas nos diferentes territorios, pero tivo unha serie de consecuencias comúns:

  • CONSECUENCIAS ECONÓMICAS

A sociedade agraria foi substituída pola sociedade industrial. Malia a pervivencia das actividades agropecuarias e da sociedade rural en boa parte de Europa, iniciarase un proceso irreversible de concentración da poboación activa na industria e nos servizos, coa conseguinte prevalencia da cidade sobre o rural.

A produción e a produtividade, tanto agrícola como industrial, incrementáronse de xeito considerable, diminuíndo a mortalidade por fames e aumentando o consumo. Como consecuencia disto, e tamén pola incidencia dos avances científicos e médicos, tivo lugar un crecemento demográfico sen precedentes e tamén un aumento das migracións, tanto interiores (éxodo rural) como exteriores.

O capitalismo foi aumentando o seu dominio como sistema económico e facéndose cada vez máis complexo. As industrias tenderon á concentración e cada vez adquiriu máis influenza o denominado capitalismo financieiro, co protagonismo da Banca e da Bolsa.

  • CONSECUENCIAS SOCIAIS

Rockefeller (familia e caricatura)

A Revolución Industrial intensificou a transición da sociedade estamental á sociedade de clases. Fronte á desigualdade xurídica da sociedade estamental, a nova sociedade de clases defendía a igualdade ante a lei, pero esta igualdade xurídica mantiña unhas enormes diferenzas económicas.

Na sociedade de clases, a burguesía vai situarse como a clase dominante. Protagonista e triunfadora das revolucións liberais dos séculos XVIII e XIX,  controla os medios de produción e acumula unha gran riqueza derivada das actividades industriais e comerciais. En contraste, a industrialización suporá a aparición do proletariado, un grupo heteroxéneo en canto á súa orixe e que se caracteriza por posuír unicamente a súa forza de traballo, pola que obtén salarios baixos a cambio de longas xornadas nas que participaban homes, mulleres, nenos e nenas nunhas durísimas condicións.

O traballo infantil nas fotografías de L. Hine


NOTA INVESTIGA a. As dúas primeiras fotografías deste apartado relaciónanse con J.D. Rockefeller. A primeira é unha fotografía co seu fillo e a segunda, unha caricatura. Investiga a que actividades económicas se adicaba e anota as fontes consultadas.

b. Na segunda parte aparece unha composición feita con dúas fotografías de L. Hine. Investiga e anota que tipo de imaxes realizaba este autor. Non esquezas anotar as túas fontes.