3. As revolucións liberais

3.4. As vagas revolucionarias liberais

Esquema a Restauración

A volta ao Antigo Réxime imposta pola Restauración non tardou en ser cuestionada polas vagas revolucionarias da primeira metade do século XIX:

VAGA REVOLUCIONARIA DE 1820: Comezou en España co pronunciamento do militar Riego contra o absolutismo de Fernando VII e estendeuse fundamentalmente por países do sur de Europa (Grecia, Portugal, área italiana). O seu resultado foi desigual debido á resistencia do Antigo Réxime, que conseguirá, por exemplo, que o absolutismo retorne a España trala intervención da Santa Alianza. No caso grego, tras unha longa guerra, rematará coa súa independencia do Imperio Otomán.

VAGA REVOLUCIONARIA DE 1830: Comezou en Francia e estendeuse por zonas como Bélxica, Polonia ou a área xermana e italiana. Estas revolucións presentan tanto elementos liberais como nacionalistas, como se aprecia respectivamente na substitución da monarquía de corte absolutista de Carlos X en Francia pola monarquía parlamentaria de Luís Felipe de Orleáns e na independencia de Bélxica respecto dos Países Baixos. Noutras zonas como Polonia fracasará.

VAGA REVOLUCIONARIA DE 1848: Comezou en Francia motivada por causas políticas, pero tamén sociais e económicas derivadas da crise agrícola de 1847, que supuxo o empeoramento das condicións de vida das clases populares. En Francia suporá o final do reinado de Luís Felipe de Orleáns e da monarquía, establecéndose a II República francesa baixo a presidencia de Luís Napoleón Bonaparte e co sufraxio universal masculino como principal trazo. Quedaba así patente a división entre a alta burguesía, partidaria da monarquía, e a pequena burguesía e o proletariado, principais artífices da revolución. As revoltas, denominadas "primavera dos pobos" polas reivindicacións nacionalistas, estendéronse por Austria e Prusia, onde non lograron os seus obxectivos. Malia o limitado dos éxitos da vaga de 1848, a súa importancia foi capital tanto para a ideoloxía liberal como para o nacionalismo. Xunto con estas dúas ideoloxías xorde tamén o movemento obreiro como nova forza no panorama político europeo.