3. As revolucións liberais

3.3. A Restauración

Trala derrota de Napoleón as potencias absolutistas reúnense no Congreso de Viena (1815) co obxectivo principal de desmontar a Revolución Francesa e restaurar o Antigo Réxime. Os principios da Restauración resultantes de dito congreso son os seguintes:

  • Absolutismo: Restáurase a monarquía absoluta en Francia e identifícase como a forma lexítima de goberno.
  • Equilibrio internacional: Debe evitarse a hexemonía dunha potencia sobre as demais.
  • Intervencionismo: As potencias absolutistas acordan intervir nas monarquías nas que o absolutismo se vexa ameazado. Para este fin crean unha alianza militar chamada Santa Alianza.

mapa de Europa en 1818

Xunto con estes puntos, no Congreso de Viena teñen lugar certas remodelacións do mapa de Europa para illar a Francia e tamén para compensar territorialmente as potencias vencedoras, especialmente a Austria, Prusia e Rusia. Esta configuración territorial, que se pode ver no mapa de arriba, supón unha continuación da lóxica do Estado patrimonial do Antigo Réxime, pero vai xerar múltiples tensións derivadas da implantación das ideas liberais e nacionalistas, que non encaixan con eses postulados territoriais e que serán unha das causas do fracaso da Restauración.


NOTA INVESTIGA

  • Busca a relación da Santa Alianza coa España de Fernando VII. Anota as fontes consultadas.