UNIDADE DIDÁCTICA 2: AS REVOLUCIÓNS LIBERAIS
3. As revolucións liberais
3.2. A Revolución Francesa
A Revolución Francesa de 1789 supuxo a destrución do Antigo Réxime no que fora o reino do Rei Sol, nunha das potencias absolutistas hexemónicas da Idade Moderna. A súas implicacións históricas transcenden os límites franceses, dado que se converteu nun espello para todas as revolucións liberais europeas.
As causas da Revolución Francesa hai que buscalas na crise estrutural do Antigo Réxime, que se concreta en:
- CRISE SOCIAL: As estreitas marxes de promoción social dos estamentos xeraran un gran descontento na burguesía que, malia a súa posición económica, estaba relegada ao chanzo máis baixo da sociedade do Antigo Réxime. Pola súa parte, o campesiñado e os grupos populares, que constituían a maioría da poboación, sustentaban economicamente todo o sistema debido a unha enorme presión tributaria e a cargas de orixe feudal, co que o seu descontento é paralelo ao da burguesía.
- CRISE ECONÓMICA: As malas colleitas da década de 1780 provocaron unha alza continuada de prezos que asfixiou aínda máis ao campesiñado e aos grupos populares urbanos.
- CRISE POLÍTICA: O Estado francés estaba nunha situación de creba dado que os ingresos non acadaban os niveis dos gastos. Ante esta situación o monarca francés buscará, sen éxito, a colaboración dos estamentos privilexiados, dado que no Antigo Réxime clero e nobreza estaban exentos do pago de taxas. Paralelamente, as ideas liberais derivadas da Ilustración cuestionaban o poder absoluto do monarca e a soberanía baseada na orixe divina do seu poder.
Esta crise xeneralizada agudízase coa convocatoria dos Estados Xerais por parte de Luis XVI, institución de carácter consultivo da que o monarca pretendía obter recursos para paliar o déficit do Estado coa colaboración de todos os estamentos. O fracaso do monarca vese acompañado pola revolta do Terceiro Estamento, que aplica o principio da soberanía nacional ao declararse Asamblea Nacional. O proceso de demolición do Antigo Réxime estaba en marcha e tivo o seu detonante simbólico na rúa, cando o 14 de xullo de 1789 o pobo de París asalta a prisión da Bastilla, símbolo do absolutismo monárquico.
Mentres a revolución se espalla por todo o territorio francés, tanto urbano coma rural, a Asemblea Nacional vai dando pasos para a destrución do Antigo Réxime, entre os que se pode destacar a abolición do réxime feudal ou a Declaración de Dereitos do Home e do Cidadán, que consagra como fundamentais a igualdade, a liberdade e a propiedade.
En 1791 promúlgase a primeira Constitución francesa, na que se establecía unha monarquía constitucional baseada na soberanía nacional e na división de poderes. Esta monarquía será breve pola continua oposición do monarca, remiso a compartir o poder e favorable a unha intervención militar estranxeira que rematase coa revolución. Así, entre 1792 e 1804 terá lugar a I República francesa, na que o monarca será executado e os revolucionarios comezan a dividirse en función da profundidade e ritmo dos cambios que pretenden. Xérase así un período marcado pola inestabilidade no que gobernarán os moderados (xirondinos) e tamén os radicais (xacobinos), e que se complica aínda máis pola guerra contra as potencias estranxeiras.
Neste contexto terá lugar o ascenso dos militares; e será un xeneral, Napoleón Bonaparte, quen rematará por dar un golpe de Estado en 1799 e por dirixir Francia ata 1815. Este foi un período moi complexo, caracterizado por dous feitos centrais:
-
- Por unha banda, Napoleón asenta os principios do liberalismo en Francia (Código Civil de 1804).
- Por outra, coróase emperador e comeza unha política de conquista de Europa co obxectivo de espallar os ideais da Revolución Francesa.
Os éxitos militares de Napoleón fronte a todas as potencias europeas (agás Gran Bretaña) e as súas conquistas remataron tralas súas derrotas en Leipzig (1813) e Waterloo (1815). As monarquías europeas absolutistas como Austria, Prusia, Rusia ou España conseguiron así vencer a Napoleón, pero non puideron deter o inexorable avance das ideas revolucionarias que, antes ou despois, acabarían con elas.