3. As revolucións liberais

3.1. A independencia dos EUA

A orixe dos actuais Estados Unidos está nas trece colonias que na costa leste de América do Norte posuían os británicos. Estas colonias, establecidas a partir do século XVII, estaban sometidas economicamente aos intereses da metrópole, mais foron desenvolvendo uns vencellos entre elas cada vez máis intensos.

mapa das 13 colonias

As causas da independencia dos EUA deben buscarse na guerra dos Sete Anos entre Francia e Gran Bretaña (1756-1763), conflito que rematou coa vitoria británica e, consecuentemente, coa perda por parte de Francia da meirande parte das súas posesións en América. Porén, a guerra tamén provocou un gran descontento nas Trece Colonias, que viron como, a pesar da súa colaboración durante a contenda, ao finalizar esta se lles incrementaban as taxas e as cargas fiscais para financiar a recuperación da metrópole.

Precisamente, un dos primeiros feitos no proceso da independencia é o simbólico motín do té (1773), no que un grupo de colonos protesta contra as taxas que gravaban ese produto botando ao mar un cargamento de té británico no porto de Boston.

A posterior guerra entre os colonos e a metrópole, na que destacarán figuras coma George Washington, comezará en 1776 coa firma da Declaración de Independencia de Estados Unidos o 4 de xullo por parte dos representantes das Trece Colonias no Congreso Continental de Filadelfia. A guerra foi longa e rematou en 1783 coa Paz de París, na que Gran Bretaña recoñeceu finalmente a independencia. Catro anos máis tarde, en 1787, aprobouse a Constitución de Estados Unidos, a primeira da historia, que recollía os principios do liberalismo político.


NOTA INVESTIGA

  • Busca información sobre as seguintes figuras históricas, anotando a súa relación coa independencia dos EUA: George Washington, Thomas Jefferson, George III, Luis de Unzaga, William Howe, Betsy Ross. Non esquezas deixar constancia no teu traballo das fontes consultadas.