2. As bases ideolóxicas das revolucións: liberalismo e nacionalismos

2.2. Os nacionalismos

Os nacionalismos son unhas ideoloxías e movementos políticos cunha grande presenza e influenza na historia contemporánea. Caracterízanse pola súa enorme complexidade, dado que existe unha gran variedade de correntes nacionalistas, tanto no que respecta á definición de nación como ás implicacións territoriais, políticas e sociais derivadas destas definicións.

A heteroxeneidade do nacionalismo obriga a describilo en plural: aquelas ideoloxías e movementos políticos que definen a un determinado colectivo humano, identificado cun territorio e caracterizado por unha serie de trazos comúns, como nación e, polo tanto, como un suxeito político con personalidade propia que tería dereito ao autogoberno e, en última instancia, a contar cun Estado propio.

O nacionalismo aparece deste xeito como un complemento do liberalismo, dado que o seu concepto de soberanía nacional, que demole as bases do Antigo Réxime, implica tanto a aparición dun suxeito político novo como o fortalecemento dos lazos que unen á nación no marco do patriotismo e dos seus símbolos: bandeira, himnos, idioma, etc... Estes procesos son propios dos denominados nacionalismos de consolidación, que se dan en Estados independentes.

Paralelamente tamén existe un nacionalismo de afirmación que se da en nacións sen Estado e que pode ser tanto independentista como unificador en función de se se dá en Estados plurinacionais ou en nacións divididas en múltiples Estados.

Desde o punto de vista teórico, o concepto de nación dominante nos séculos XIX e XX é aquel que se basea en elementos obxectivos: lingua, historia, tradicións, raza... Así, a condición nacional non depende do individuo, senón que lle vén dada polo feito de nacer nun determinado lugar. Esta idea de nación desenvólvese fundamentalmente a partir de autores alemáns que buscan enfrontarse ao expansionismo napoleónico e está moi relacionado co movemento cultural do Romanticismo, que exalta os elementos obxectivos da identidade nacional.

En contraste, outro concepto de nación, derivado da Revolución Francesa, incide na vontade do individuo como factor clave da nación, minimizando a influenza dos elementos obxectivos sinalados no punto anterior.


cadro epanastasi (Revolución grega de 1821)

No cadro Epanastasi (Revolución), pintado en 1865, Th. Vryzakis recolle un momento da historia recente de Grecia: o inicio da revolución, en 1821, contra o Imperio Otomán, feito que culminará coa independencia helena en 1830. Na obra de Vryzakis podemos ver algúns dos símbolos da nación grega, como as vestimentas tradicionais, a bandeira ou elementos da relixión ortodoxa.

NOTA ARGUMENTA

  • Á vista do cadro, afirmarías que o nacionalismo grego está influenciado polo Romanticismo? Xustifica a túa resposta.


NOTA INVESTIGA

  • Busca información sobre o concepto de nacionalismo banal de Michael Billig, fai unha breve descrición do mesmo e indica con que modalidade de nacionalismo dos presentados nos apuntamentos se identifica. Anota as fontes consultadas.