Fan parte do romanceiro vulgar, que non debemos confundir co romanceiro tradicional (vello ou novo). Non son propiamente poesía popular, pois ten un estilo semiculto. Producíanse nas cidades co fin de ser vendido ao pobo. Cunha linguaxe máis directa, estes cantos teñen menos variantes, porque se recorría ao modelo escrito, comprado en papel. En xeral, agrupábanse por estrofas que funcionaban coma viñetas de banda deseñada; pensemos que os romances vellos eran series longas de versos cunha rima única.
Aínda así, algúns cantos de cego tamén se tradicionalizaron, aparecendo variantes.
Para cantaren, as persoas invidentes acompañábanse da zanfona ou o violín. Noutros casos tocaban o acordeón ou a gaita.
Moitas veces portaban un estandarte pintado coas escenas principais da historia que cantaban, coma un cómic. O axudante ía indicando cunha vara o momento que contaba o romance no cartelón, tamén chamado maltraña.
Acabado o romance, vendían a historia e pasaban a gorra pedindo unha gratificación.
As historias máis exitosas eran os problemas amorosos, os crimes, noticas políticas ou calamidades.
Hai cantos de estrofa con refrán, estrofas con oito versos e estrofas con catro versos. Nas historias novas, a música adáptase á letra e non adoita haber melodía específica.
É moito máis habitual o uso do galego neste repertorio.