ANM 10. Romances e cantos de cego
Que é? I
O romance é un poema narrativo propio da literatura oral ibérica. Cóntanse historias heroicas con personaxes e acción. Popularizouse dende o s. XV, cando se recollen en recompilacións chamadas romanceiros. Interprétanse recitando, cantando ou de ambos os dous xeitos.
Está formado por versos octosílabos con rima asonante nos versos pares (8_ / 8a / 8_ /8a):
Elas eran tres comadres (8-)
e dun barrio todas tres (8a)
fixeron unha empanada (8-)
para ir a San Andrés.(8a)
Tamén se poden agrupar en versos longos con dúas partes (hemistiquios) cunha pausa no medio:
Elas eran tres comadres / e dun barrio todas tres (16A)
fixeron unha empanada / para ir a San Andrés.(16A)
Chegaron a nós a través dos romanceiros, de pregos de cordel _caderniños de catro follas que vendían polas feiras_, en coleccións ou a través da tradición oral.
Portada do Libro de los cincuenta romances. Wikimedia. (Dominio público)
A orixe dos romances está nas cancións ou cantares de xesta da Idade Media, os longuísimos poemas (de entre mil e dez mil versos!) anónimos que interpretaban os xograres. Mesturaban temas de heroes e batallas con outros imaxinarios, como dragóns ou xigantes. Adoitaba ser poesía épica, celebrando unha acción grandiosa e heroica.
En francés antigo, os cantares de xesta compuxéronse arredor de tres grandes grupos de lendas, ou materias: a materia de Francia (co Cantar de Roldán e a batalla de Roncesvales), a materia da Bretaña (co rei Artur), e a materia de Roma (baseada en heroes gregos e latinos). Estes temas tiveron moito éxito e axiña apareceron adaptacións noutras linguas. Por exemplo, en galego, hai a Crónica Troiana, libro en prosa do s.XIV.
Houbo cantares de xesta en máis idiomas e podemos rastrexar conexións entre as literaturas europeas a través desta poesía oral. Na Castela da Idade Media triúnfa este xénero; o Cantar de Mio Cid é o máis coñecido.
Pouco a pouco, dos longos cantares permaneceron na memoria do pobo só algunhas partes, aparecendo así o xénero poético en castelán dos romances, que é a lingua orixinaria do xénero.
Fálase do Romanceiro hispánico ou ibérico (ou panhispánico), que abrangue o das zonas onde se fala castelán, catalán, galego, portugués e sefardí. É dicir, conservouse tamén en Latinoamérica e outras zonas con estas linguas.
Os primeiros romances da literatura en castelán forman o Romanceiro vello; anónimos, transmitíronse oralmente dende o s.XIV e despois fóronse recollendo por escrito. Chegaron a ter moito éxito. Ao se esquecer a autoría e ir aparecendo variantes, dicimos que se 'tradicionalizaron'.
Dende o s.XVI compuxéronse máis romances. Escritores moi coñecidos como Góngora ou Lope de Vega publicaron os seus textos, ás veces imitando o anonimato dos romances vellos. Este novo grupo de textos foise convertendo no preferido do pobo e coñecémolo como Romanceiro novo. Tamén se 'tradicionalizan' varios.
Daquela, o conxunto de composicións transmitidas ao longo destes séculos, tradicionalizadas, coñécese como Romanceiro tradicional.
Un romance que aparece por escrito xa en 1551 en Zaragoza, recólleo Dorothé Schubarth en 1980 en San Martín de Suarna, A Fonsagrada (Lugo). Velaí a ficha e o audio:
Moitos romances extendéronse pola península. Non se empezaron a recompilar e estudar na súa zona de orixe (Castela), senón en Portugal, Cataluña ou Iberoamérica. Destacan os investigadores Ramón Menéndez Pidal e María Goyri. Na lúa de mel desta parella de investigadores polas terras do Mío Cid, recolleron un romance sobre un fillo dos Reis Católicos. Dende aí comezan a recompilar e estudar estas composicións. Tamén destacou o estudoso catalán Manuel Milà i Fontanals.
Ramón Menéndez Pidal e María Goyri na ruta do Cid. Wikimedia. (Dominio público)
O romanceiro galego está formado por un repertorio moi variado e rico. A maioría dos romances son en castelán, con interferencias do galego. Algúns teñen unha versión galega e poucos proveñen do Cancioneiro portugués. Temos arredor de 170 romances tradicionais (aínda que se recolleron máis de 6000 versións!), que se agrupan en cinco seccións:
1) históricos e cabaleirescos: líricos, trobadorescos, carolinxios... Forman o núcleo central do noso romanceiro.
2) folclórico: sobre a conquista amorosa, rupturas familiares, milagres...
3) burlescos e infantis.
4) vulgar: de amores contrariados, adulterio, crimes...
5) relixioso: do nacemento, paixón e morte de Cristo, da Virxe...
Coma noutros xéneros musicais da nosa tradición, a letra e a música das pezas non vai en xeral ligada. Unha mesma letra pódese escoitar con diferentes melodías e ao revés, un mesmo son pódese empregar para distintas letras.
Algunhas melodías compártense con cantos de Reis, outras son exclusivas dos romances en xeral e nalgún caso exclusivas dun romance en particular. Ademais hai interpretacións de romances con cantos de sega e con melodías de danzas.
Mentres a letra do romance é unha serie continua de versos, a música é por estrofas, cantando grupos de catro (ou dous) versos.
En Galicia empezáronse a recoller en 1863 e destacou o home de Rosalía de Castro, Manuel Murguía. Este galeguista divulgou varios romances en galego, como o Gaiferos de Mormaltán. Quería demostrar que existía un romanceiro galego autóctono, diferente dos outros romanceiros ibéricos, e enraizado coas culturas célticas e xermánicas. Os estudos posteriores demostran que este e outros romances vellos en galego que aparecen nos cancioneiros galegos son, na súa maior parte, falsos ou están moi reelaborados, traducíndoos do castelán ou mesmo inventándoos. Algúns destes romances 'retocados' acabaron facéndose moi coñecidos e incorporáronse á música popular.
Faustino Santalices rescatou do esquecemento e dignificou a zanfona, popularizando temas como o Gaiferos de Mormaltán.
Popularizouse a imaxe dos cantores cegos cantando, coa súa zanfona, romances supostamente medievais, como herdeiros dos trobadores. E afianzouse a confusión entre o Romanceiro tradicional e o Romanceiro vulgar, que vemos no seguinte apartado.