ANM 5. Os cantos de traballo
Que é? I
Hai cantos de ritmo libre, é dicir, as partes fortes e suaves da melodía dependen da acentuación das palabras e non dun ritmo fixo. Ademais, hai anacos rápidos e outros lentos e alongados. Como se está cantando e facendo algún labor, non hai acompañamento instrumental.
Como moitas veces aparece algún verso de sílabas baleiras, como 'ai la le lo' ou 'ai la lá', tamén se lles chama alalás.
Moi importantes son os cantos de seitura ou sons da sega. O traballo da seitura (sega ou ceifa) era moi duro, pois facíase en longas xornadas de sol, segando á man, atando e recollendo os monllos e levándoos ata as eiras.
. CC BY
Nos descansos, e algunha vez segando, cantaban. Moitos galegos e galegas ían en cuadrillas á sega a Castela. Velaquí as características musicais destes cantos, que podemos aplicar a todos os de ritmo libre:
- Adoitan ter un ámbito estreito, é dicir, a distancia entre a nota máis aguda e a máis grave é pequena, entre catro e oito notas.
- Son lentos (entre moderato e adagio) e poden levar melismas (adornos na melodía).
- As letras non sempre teñen que ser exclusivas destes cantos, senón que se pode adaptar unha copla para unha destas melodías. Musicalmente considéranse arcaicos.
- Podía cantalos unha persoa soa, dous grupos ou un solista e un grupo alternando.
- Conserváronse sobre todo en zonas de Lugo e Ourense.
Aínda que son moi coñecidos no Brasil como os típicos cantos dos vaqueiros, na nosa terra tamén se cantaban os aboios para que vacas e bois bebesen ou para afalalos.
Os cantos de arrieiro xurdiron para acompañar as longas viaxes destes traballadores no carro de bois polos camiños ou avisar da súa chegada aos lugares.
Os cantos de andar o camiño (ou cantos de camiño) acompañaban as andainas cara ás festas, feiras ou desprazamentos de grupos de veciños e veciñas.
Malia non seren cantos de traballo, hai máis tipos de canto de ritmo non marcado que se explican de seguido.
Os anuncios servían para avisar do comezo do serán e facíanse dende algún punto alto e despexado para que se sentise ben lonxe. Tamén había os cantares de ronda, do serán ou de ruada cos que se abría a festa.
Antes de empezar coas pezas de pandeireta e gaita, era frecuente botar algún canto sen acompañamento: