Que é? II

Amais dos bandos de reis (que cantan) e as rondallas da zona de Vigo (que tocan), no sur de Pontevedra conservan a completa tradición dos ranchos de reis. Riofrío (Mondariz), Guláns, Fozara e As Cortellas (Ponteareas), Fornelos da Ribeira e Lourido (Salvaterra de Miño) ou Salceda de Caselas gardaron este tesouro etnográfico ata os nosos días.

Os ranchos de reis son un conxunto de danzas brancas interpretadas por grupos de músicos e danzantes. Percorren os lugares o día cinco e seis de xaneiro pedindo aguinaldo polos lugares e bailando toda a noite ata a mañá da celebración.

Nalgunha parroquia, o día de Reis, empezan bailando dentro da igrexa diante da Virxe e acompáñana en procesión sen lle dar en ningún momento as costas. A danza e o toque da gaita no interior da igrexa sobreviviron ao longo dos séculos ás prohibicións das autoridades, que as consideraban unha profanación.

Estas danzas brancas (ver ANM 6)  conservan o seu vestiario, música e coreografía. Hai danzas de reis de paus, de castañetas, de arcos e de fitas.

 File:Rancho de Reis de Guláns 1920.jpg

Rancho de reis de Guláns, 1920. Wikimedia. (Dominio público)

Os traxes son maiormente brancos, con sombreiros adornados con espellos, prumas e teas de cores e cun pano dobrado a xeito de banda cruzando o peito. As mulleres podían levar moitos colares e xoias. Por exemplo, en Salceda de Caselas a dama, interpretada por unha meniña, levaba moitas xoias prestadas das familias ricas e por iso ía con dous homes escoltándoa. Noutros lugares os pantalóns son curtos e vermellos. 

Nalgunha localidade, estes ranchos tamén actuaban no Entroido ou noutra data concreta.