ANM 3. O ciclo da vida: arrolos e regueifas
Dálle marcha!
O chotis é un baile agarrado de Centroeuropa que se popularizou no s.XIX. O seu nome provén de schottish (escocés).
Este chotis cántano e báilano ao mesmo tempo. Recolleuse en distintas zonas do país, dende Bergantiños (A Coruña) ata terras da Gudiña (Ourense).
A letra orixinal está en castelán; nós adaptámolo para cantalo en galego.
Podémolo dividir en tres seccións: A ("Luns..."), B ("E un dous tres...") e C ("la la la la...").
A. Dispostos por parellas en dúas filas enfrontadas, realizamos o paso de "mayim". Cun paso á dereita abrimos, co outro pé crúzase por atrás do que abriu. Outro paso lateral abrindo e agora o outro pé cruza por diante. Isto repítese unha vez máis, pero ao final xuntamos os pés. A parella, de fronte, baila en espello.
Repetimos ao revés.
B. Collémonos da man coa parella e bailamos un agarrado, con paso saltado, dando unha volta completa con oito pasos base.
C. Co mesmo paso base e fronte á parella fanse outros oito pasos en espello e balanceámonos lateralmente de dereita a esquerda.
Pódese empezar lento, aumentando a velocidade e tentando bailar na punta do pé cando é máis rápido.
Aquí temos unhas pandeireteiras de Cerqueda (Malpica, A Coruña) interpretándoo: