ANM 3. O ciclo da vida: arrolos e regueifas
Que é? II
Para pasalo ben e coñecerse, a xente nova non perdía festa que houbese. Cando os homes chegaban aos seráns ou fiadeiros, botaban coplas de desafío ou enchoiadas que axiña respondían as mulleres. Alí bailaban, cantaban e íanse formando parellas que, se cadra, acababan en casamento.
A voda era un momento perfecto para amosar o poder e prestixio para a familia, e diante da casa do banquete xuntábanse os cantadores de voda e a mocidade na espera do bolo da voda: a regueifa (rosca de trigo, manteiga e limón, con ovos e mel). Logo da celebración polo día, ao serán empezaba a competición polo doce.
Unha persoa, de entre os e as asistentes ou chamada para a ocasión, tiña que "defender" a casa, enxalzándoa, ante os de fóra (entre 6 e 10 persoas), que respondían con retranca. Estes "combates" poéticos duraban horas.
Comentaban todo sobre a parella: os traxes, o banquete, as familias...
Ata cen persoas se podían xuntar fóra da casa do banquete para este espectáculo. Despois partíase e repartíase a regueifa e empezaba o baile cos noivos e padriños.
O brindo (birindo, berindo) e a loia son os cantos de voda dos Ancares e O Courel e os artistas chámanse loiadores ou brindeiros.
Na zona occidental de Galicia conservouse a tradición, co nome de regueifa, levada a cabo por regueifeiros ou regueifeiras. Podían saír co doce fóra ou co molete na cabeza. Practicouse dende Noia ata a cidade da Coruña e toda a costa.
Co tempo, foron perdendo a vinculación coas vodas e convertéronse en combates poético-musicais de improvisación, tamén chamado 'repente'. Chegaron a estar bastante profesionalizados e ofrecían espectáculos por parellas. En xeral, as regueifas son máis satíricas cós brindos.
As coplas de brindos e regueifas son catro versos octosílabos, rimando os pares (a-b-c-b), aínda que tamén hai tríades (a-b-a).