ANM 1. A música tradicional

Que é? II

A música tradicional caracterízase por ser:

-anónima: non importaba de quen era a autoría dunha melodía nova ou dunha copla: do pobo para o pobo. Aínda non apareceran os dereitos de autor.

-de transmisión oral: aprendíase case sempre en grupo, escoitando a outras persoas e repetindo de memoria. Así, non hai unha versión única e auténtica e aparecen moitas variantes da mesma peza.

-funcional, tocábase ou cantábase para algo: para a voda, para a sementeira, para un xogo infantil...

-representativa do pobo: a sociedade que emprega esa música, acéptaa como propia.

Plano xeral dunha romería en Noia, no intre de bailar a regueifa. Galiciana. (Dominio público)

 

A xente aprendía de xeito oral e transmitíanse de xeración en xeración distintas melodías e letras, aínda que con pequenos cambios e adaptacións. Así, tiñamos unhas pezas vivas, que se modificaban segundo ían pasando a través do tempo. Unhas cambiaban, algunhas íanse esquecendo ata desapareceren e outras novas, que gustaban pola causa que fose, permanecían da memoria do pobo e asegurábase a súa permanencia.

Falamos dunha sociedade moi vinculada ao medio rural, onde a maioría da xente se dedicaba ao agro, á pesca e a oficios artesáns (cesteiros, tecedeiras...). Un pobo no que a natureza definía o ciclo anual (con base nas colleitas, sementeiras...), con influencia da relixión e moita importancia da comunidade. Un mundo con cambios lentos, de comunicación e intercambio a pequena distancia e con pouca cultura escrita.