Que é? II

Hai outro tipo de cantos que acompañan o traballo axustando o ritmo da melodía co do labor que se fai. Son cantos silábicos cun pulso que cadra cos movementos rítmicos do corpo ao traballar: mazando o leite, preparando o liño ou os cantos de canteiro, para levantar as pedras, colocalas, asentalas ou picar nelas.

No sur de Pontevedra (Pazos de Borbén, Mondariz, O Covelo ou Ponteareas) conservaron a tradición das labradas e a aña. No mes de abril chegaba o momento de labrar a terra para a sementeira do millo. Era un traballo no que se xuntaba moita xente e ían de casa en casa case durante varias semanas. A casa que encargaba o traballo convidaba á merenda e facía o ramo, póla de carballo ou loureiro adornada con panos, rosquillas ou caramelos. Arábase a terra, sachábase, sementábase e cavábase, para logo pasarlle a grade.

A tradición ten variantes segundo o lugar. Dividíanse en dous grupos nos cabeceiros da leira e o grupo que primeiro acaba, botaba a ribeirana da aña _peza exclusiva para ese momento_ dirixíndose aos que non acabaran. E facíase o baile do ramo, que collía na man un home mentres bailaba, convidando a cada muller a acompañalo e acabando co ramo espetado na terra.  Acababan de traballar a terra mentres un grupo  entoaba o cantar da aña (que tampouco se cantaba fóra deste contexto). Seguía a troula ao acabar cos cantos das labradas, xa non exclusivos deste día. Noutros lugares un grupo canta coplas "a desafío" co outro ou bailan en roda arredor do ramo. Para cantar, acompañábanse co ritmo dos legóns ou sachos percutidos cunha pedra.

Acababan cos cantos de agradecemento (tamén chamados cantos de merenda ou cantos do mes de abril), cos que os traballadores recoñecían o trato de quen os contratara.