ANM 2. Os instrumentos
Membranófonos
de 2 membranas
De dúas membranas:
Tamboril (ou tambor) empezou sendo acompañante da gaita, cun son máis grave. Despois púxose de moda o cuarteto de dúas gaitas, bombo e tambor; a partir diso faise máis pequeno.
No parche inferior leva uns bordóns, que lle aportan o efecto de "redobre". Os parches ténsanse coas pezas de coiro nas cordas. Nalgunha zona conservouse un xeito de termar o instrumento, máis habitual para as mulleres, sobre a perna e co parche perpendicular ao chan.
Nas terras de Viana e Trives hai o tambor de entroido. No Baixo Miño (Pontevedra) as treboadas son uns conxuntos de gaita de barquín, caixa e un ou dous bombos de mallada, que se tocan con dúas mazas.
Caixa: o corpo é de metal ou de madeira. Máis ancho e con menos fondo có tamboril, ten un son máis agudo e estridente. Estendeuse o seu uso dende a música das bandas de música a mediados do s.XIX e case substituíu ao tamboril como acompañante da gaita, aínda que despois este se recuperou.
Bombo: marca os tempos fortes, e algúns contratempos xogando co matiz e a intensidade.
Pénsase que o seu uso coa gaita é posterior ao do tambor. Fan parte dos cuartetos tradicionais, formados por gaita de fol, clarinete, caixa e bombo ou os de dúas gaitas, caixa e bombo. Pódese complementar cuns pratiños.
Pandeiro ou adufe: conservouse no sur de Pontevedra. Ten bordóns interiores (para apagar o son), a pel cosida e por dentro algún axóuxere ou campaíña.
Unha man agárrao e axuda no ritmo á outra man que está libre, colocando un ángulo do cadrado cara abaixo. Co seu uso nos coros galegos foi perdendo os bordóns e estendeuse un xeito de collelo non tradicional, pendurado do pescozo e cos dous puños das mans. Hoxe estase a recuperar a técnica de construción e a execución tradicional.