A II REPÚBLICA E A GUERRA CIVIL
Sitio: | Aula virtual do espazoAbalar |
Curso: | Xeacronos 4 (Xeografía e Historia. 4º ESO) |
Libro: | A II REPÚBLICA E A GUERRA CIVIL |
Impreso por: | Usuario convidado |
Data: | xoves, 21 de novembro de 2024, 7:40 PM |
1. Introdución
Portada do Faro de Vigo (15 de abril de 1931) | Páxina do xornal Ahora (19 de xullo de 1936) |
A II República (1931-1936) e a Guerra Civil española (1936-1939), que tivo como principal consecuencia o establecemento da longa ditadura de Francisco Franco (1939-1975), constitúen unha das épocas históricas máis complexas da historia de España, con efectos que perduran na actualidade. Para comprender estes procesos históricos debemos comezar pola construción do sistema liberal no século XIX coas súas especificidades. |
2. A construción do Estado liberal no século XIX
A primeira manifestación do liberalismo en España xurdira no contexto da guerra de Independencia contra a ocupación napoleónica, e tiña na Constitución de 1812 o seu símbolo.
O posterior reinado de Fernando VII caracterizárase polo retorno ao absolutismo, se ben tanto o trienio liberal, ao que se viu forzado o monarca, como a cuestión sucesoria manterán ao liberalismo na escena política española.
A cuestión sucesoria ten que ver co feito de que Fernando VII soamente tivera unha filla, Isabel, co que, segundo a Lei Sálica vixente na monarquía española, debía ser desprazada na sucesión por un home: Carlos, irmán de Fernando. Para evitar isto, Fernando VII derroga a Lei Sálica e busca o apoio dos liberais moderados para asegurar o trono a Isabel. Pola contra, Carlos obtén o apoio dos sectores absolutistas e partidarios das institucións do Antigo Réxime.
Deste xeito, despois da morte de Fernando en 1833 terá lugar a primeira guerra carlista (1833-1839) que, ademais dun conflito sucesorio, será o escenario dunha nova loita entre liberalismo e absolutismo. O bando isabelino e o liberalismo triunfarán, pero unha das consecuencias deste conflito será a participación continua dos militares na política española (denominados espadóns). Figuras como Espartero, O'Donnell ou Narváez destacarán durante o reinado de Isabel II (1833-1868) apoiando ás distintas tendencias do liberalismo: moderados, progresistas, demócratas... Así, podemos ver como a construción do Estado liberal en España durante o século XIX se caracteriza polas dificultades derivadas tanto da oposición do Antigo Réxime, encarnado polos carlistas, como da división interna do liberalismo. Iso favorecerá o recurso aos pronunciamentos e golpes militares para conseguir o poder, de xeito que os militares desempeñarán un papel de suma relevancia na historia contemporánea de España.
A nivel económico ten lugar no período isabelino a instalación dun sistema capitalista baseado nunha industrialización limitada e desigual en canto á localización (destacan o téxtil catalán e a siderurxia vasca), o cal implicou a existencia dun debate historiográfico arredor do "fracaso" ou "ritmo propio" da industrialización española.
En calquera caso, a nivel social en España desenvolverase un movemento obreiro e campesiño que acollerá as principais ideoloxías proletarias, marxismo e anarquismo e que terá un importante papel político desde a segunda metade do século XIX.
O reinado de Isabel II remata abruptamente en 1868 coa chamada Revolución Gloriosa da man de militares como Prim. O liberalismo democrático triunfa e ábrese un período de grande inestabilidade, o Sexenio democrático (1868-1874), no que se suceden os seguintes acontecementos:
- 1870-1873: unha monarquía parlamentaria cun representante da casa de Saboia, Amadeo I (na imaxe).
- 1873: a I República, con gobernos tanto federalistas como unitarios.
- 1874: un novo golpe de Estado da man de militares como Pavía, Serrano ou Martínez Campos, que remataría coa Restauración borbónica na figura de Afonso XII (1874-1885).
O século XIX entraba no seu tramo final en España con importantes tensións no establecemento do sistema liberal: permanencia do carlismo partidario do Antigo Réxime e do absolutismo (houbo unha terceira guerra carlista entre 1872 e 1876), conflitividade entre as distintas tendencias liberais, que recorreron ao exército para obter o poder, desigual desenvolvemento industrial, oposición da Igrexa ás tendencias liberais progresistas e democráticas, cuestión da estrutura territorial do país co conflito entre as posturas centralistas e descentralizadoras, conflitividade social...
- Explica, empregando razóns que atopes neste apartado, por que se afirma que a guerra carlista supón un enfrontamento entre absolutismo e liberalismo.
- Escolle a tres dos militares sinalados neste apartado e elabora un pequeno informe no que se recolla a súa importancia política. Non esquezas anotar as túas fontes de información.
2.1. A Restauración borbónica (1874-1931)
Finalizado o Sexenio democrático, a Restauración borbónica terá como obxectivo a estabilización do sistema liberal empregando como bases o moderantismo e a alternancia pacífica no poder. O arquitecto da Restauración será Antonio Cánovas del Castillo. A Constitución de 1876 marca a estrutura teórica do sistema, outorgando un gran protagonismo político á monarquía, cosoberana e líder do exército. Outros elementos que marcan o liberalismo conservador da Constitución son a confesionalidade católica do Estado ou o centralismo político-administrativo, ao ser os Concellos e Deputacións provinciais nomeadas polo Goberno.
Para garantir a estabilidade do sistema, Cánovas deseña a alternancia de gobernos baseada na quenda: o Partido Conservador, presidido por el mesmo, e o Partido Liberal, encabezado por Sagasta, alternaranse de xeito pacífico e pactado no poder, empregando para iso a fraude electoral e o caciquismo. A instauración do sufraxio universal masculino en 1890 non suporá, así, grandes cambios, dado que as eleccións eran unha pantomima acordada polos partidos dinásticos.
Deste xeito, a pretendida estabilidade do sistema canovista faise a costa dun sistema político oligárquico e pechado. A oposición ao sistema da Restauración comezará polos nacionalismos periféricos, que desde Cataluña, País Vasco e Galicia cuestionan a estrutura centralista do Estado. Tamén se oporá ao sistema o republicanismo que, se ben se atopaba dividido trala experiencia da I Republica, coincidía no laicismo e na reivindicación da República como forma de goberno. O conservadurismo e apoio do sistema á burguesía industrial e financeira sumará o movemento obreiro á oposición á Restauración, destacando o papel dos grupos anarquistas, que levarán a cabo accións violentas como o asasinato de Cánovas en 1897. No proceso de participación política do movemento obreiro destaca a aparición de partidos coma o PSOE en 1879.
En 1898 ten lugar o Desastre da perda das colonias de Filipinas e Cuba e xorde o rexeneracionismo, movemento cultural que critica a corrupción política e o caciquismo do sistema canovista, con figuras como Joaquín Costa.
O primeiro terzo do século XX caracterízase pola crise continua do sistema canovista, agravada polas consecuencias da política imperialista en Marrocos. Esta crecente conflitividade maniféstase de xeito especialmente intenso na Semana Tráxica de Barcelona (1909) e no desastre de Annual (1921). As derrotas en Marrocos contribúen á radicalización política de xenerais como Franco, Queipo de Llano ou Mola.
A inestabilidade do sistema e o descrédito da monarquía de Afonso XIII (1902-1931) favoreceu o golpe de Estado do militar Miguel Primo de Rivera (na imaxe da dereita) que, co beneplácito do monarca, estableceu unha ditadura de 1923 a 1930, tomando como exemplo o fascismo italiano. Isto non conseguiu máis que acentuar o descontento social e político; os días da Restauración e da monarquía estaban contados.
- Explica, empregando razóns que atopes neste apartado, o sentido da seguinte portada dunha publicación satírica de 1914.
3. A II República (1931-1936)
Proclamación da Segunda República en Barcelona
Entre 1931 e 1936 ten lugar a II República española, que xorde coa vontade de modificar e modernizar as estruturas políticas, sociais e económicas do país. Estes cinco anos poden dividirse no bienio reformista (1931-1933), bienio rectificador (1933-1936) e goberno da Fronte popular (febreiro-xullo 1936), no que a reactivación das reformas acelerará o golpe de Estado que dará paso á Guerra Civil.
3.1. A proclamación da II República
As eleccións municipais do 12 de abril de 1931 supuxeron a vitoria de republicanos e socialistas nas principais cidades do país. En palabras consternadas do almirante Aznar, derradeiro presidente do Consello de Ministros de Afonso XIII, España "deitárase monárquica e espertara republicana".
Dous días más tarde, o 14 de abril, o rei Afonso XIII anunciaba a súa marcha ao exilio, proclamándose así a República (na imaxe, proclamación da República en Madrid). En maio formouse un goberno provisional, presidido polo conservador Niceto Alcalá-Zamora, co obxectivo principal de organizar unhas eleccións a Cortes constituíntes para xuño de 1931.
Nas eleccións de xuño lograron o triunfo os republicanos de esquerda e os socialistas, iniciándose de inmediato os trámites de elaboración dunha Constitución para a República. O texto definitivo, tras moitos e intensos debates no Congreso dos Deputados, quedou aprobado en decembro.
Trazos da Constitución de 1931
- España é definida no texto constitucional como "unha República democrática de traballadores de toda clase, que se organiza en réxime de Liberdade e de Xustiza."
- Establécese o principio de soberanía popular.
- Sufraxio universal que debería ser determinado por futuras leis para garantir que "os cidadáns dun ou doutro sexo, maiores de vinte e tres anos terán os mesmos dereitos electorais" (artigo 36).
- Amplo catálogo de dereitos: expresión e reunión, sindicación, educación, etc.
- Intervencionismo económico: recóllese o dereito a intervir e nacionalizar actividades económicas e a soster mediante créditos e indemnizacións a actividade do campesiñado.
- Laicismo: establécese unha clara separación entre Igrexa e Estado.
A presidencia da República recaeu en Alcalá-Zamora (conservador e remiso ás medidas laicistas da Constitución), mentres que Manuel Azaña (republicano de esquerdas) formou un goberno apoiado por republicanos e socialistas. Monárquicos e católicos quedaron na oposición. Pola súa banda, os anarquistas opóñense tamén ao sistema republicano, promovendo manifestacións e folgas. A República configúrase así nun contexto de grande inestabilidade e é cuestionada tanto polas forzas conservadoras como polos grupos revolucionarios.
Unha das consecuencias desta inestabilidade será a existencia de tres fases claramente diferenciadas entre 1931 e 1936: bienio reformista, bienio rectificador e goberno da Fronte Popular.
- Observa os trazos da Constitución de 1931 e explica que sectores ou grupos sociais se verían atacados pola configuración do novo sistema, argumentando a túa resposta.
- Investiga en que consistiron as misións pedagóxicas impulsadas polo goberno republicano: cales eran os seus obxectivos, quen as formaba, que tarefas levaron a cabo e ata cando estiveron vixentes. Elabora un pequeno informe e non esquezas anotar as fontes empregadas no teu traballo.
3.2. O Bienio reformista (1931-1933)
Os gobernos do bienio 1931-1933, dirixidos por Manuel Azaña (imaxe da dereita), caracterízanse polo seu marcado carácter reformista. O seu obxectivo era a transformación e modernización do país. Podemos sinalar un ámbito de actuación reformista nos seguintes aspectos:
- A reforma territorial. Para atender ás demandas dos nacionalismos periféricos (catalán, vasco e galego) empregouse o mecanismo dos estatutos de autonomía, previstos na Constitución de 1931 para as rexións con características históricas, culturais e económicas. A política territorial da República tivo como consecuencia unha oposición crecente dentro do exército.
- A reforma agraria. Unha das demandas de campesiñado, xornaleiros e sindicatos agrarios, especialmente no sur latifundista, era o reparto de terras. A Lei de Reforma Agraria de 1932 tiña como obxectivo crear unha clase media campesiña repartindo as terras e indemnizando aos grandes propietarios.
- A reforma educativa. Estímase que un 40% da poboación española en 1931 era analfabeta. O goberno republicano estableceu a educación primaria gratuíta e obrigatoria para solucionar o que consideraban unha das causas fundamentais dos problemas do país. Complementariamente e para reforzar o carácter laico do Estado, prohibiuse que as ordes relixiosas exercesen actividades educativas, o que trouxo consigo a oposición da Igrexa á Republica.
- Reforma militar. O goberno republicano tivo como obxectivo a modernización e democratización do exército para evitar as súas constantes intromisións na vida política. Para iso ofrécese aos mandos militares xurar fidelidade á República ou pasar á reserva mantendo o seu salario.
O programa reformista de Azaña motivou a oposición de latifundistas, Igrexa e sectores militares. No ano 1932 tivo lugar unha tentativa de golpe de Estado, protagonizada polo xeneral Sanjurjo, que fracasou. Nos grupos de esquerda, os anarquistas eran partidarios da revolución e non das reformas, ao igual que os comunistas. Neste contexto ten lugar un episodio de dura represión do goberno republicano contra os anarquistas, a matanza de Casas Viejas (Cádiz) en 1933, o que intensificou a crise do goberno, que convoca novas eleccións para novembro de 1933.
- Elabora un esquema sobre as reformas do bienio reformista no que inclúas a oposición que suscitou cada unha delas.
- Busca información sobre o intento de Golpe de Estado de Sanjurjo e sobre os sucesos de Casas Viejas e elabora un breve informe sobre cada episodio. Anota as fontes empregadas.
3.3. O Bienio rectificador (1933-1936)
Nas eleccións de 1933 confluíron unha serie de factores que implicaron un cambio na composición do Parlamento:
- Unha parte importante das forzas conservadoras acudiu ás eleccións en coalición, a CEDA (Confederación Española de Derechas Autónomas), dirixida por Gil Robles.
- Outros grupos relevantes da dereita organizáronse arredor dos monárquicos de Renovación Española, dirixidos por Calvo Sotelo e dos carlistas de Comunión Tradicionalista.
- José Antonio Primo de Rivera funda en 1933 un partido fascista, Falanxe Española, que destacará no enfrontamento violento directo coas organizacións de esquerda, xerando un clima de gran tensión.
- Os grupos de esquerda, tanto socialistas como republicanos, estaban moi divididos.
- A principal organización anarquista, a CNT, fai un chamamento para que os seus seguidores non participen nas eleccións.
Os resultados electorais déronlle a vitoria á CEDA, seguida polo moderado Partido Republicano Radical de Alejandro Lerroux (na imaxe), que foi quen recibiu do presidente da República Alcalá-Zamora o encargo de formar goberno, co respaldo da CEDA. Socialistas e republicanos de esquerda perderon boa parte do seu apoio electoral e no parlamento entran a Falanxe e o Partido Comunista por vez primeira.
As primeiras medidas de Lerroux foron a paralización das reformas do goberno de Azaña e a concesión da amnistía ao xeneral golpista Sanjurjo. Estas medidas supuxeron o incremento da conflitividade social, que tivo un dos seus momentos álxidos na folga xeral convocada en 1934 por CNT e UXT. Esta folga xeral converteuse en revolución en Asturias (ver imaxe inferior), onde o goberno enviou tropas dirixidas polo xeneral Franco para sufocala. Houbo unha gran represión que acentuou aínda máis a conflitividade social.
En Cataluña, o presidente Companys proclama o Estado catalán dentro da República Federal española, invitando aos grupos de esquerda a sumarse a un goberno de oposición a Lerroux desde Barcelona. O exército bombardeou o palacio da Generalitat e detivo ao goberno catalán.
O goberno de Lerroux continuou coa súa política contrarreformista ata finais de 1935, cando un escándalo de corrupción provoca a súa dimisión e fai que Alcalá-Zamora convoque eleccións para febreiro de 1936. Neste período a conflitividade non deixou de medrar malia a represión e os grupos de esquerda comezaron a agruparse. A violencia e os atentados motivados por grupos de extrema esquerda e de extrema dereita serán unha constante.
3.4. O goberno da Fronte Popular (1936)
As eleccións de febreiro de 1936 caracterízanse por unha enorme polarización:
- As forzas republicanas de esquerda, socialistas, nacionalistas cataláns e galegos e comunistas apoiaron a creación dunha alianza electoral, a Fronte Popular, á que mesmo a CNT recomendou votar.
- As forzas de dereita e os conservadores (CEDA, monárquicos, carlistas, falanxistas) non ofreceron un bloque unido, se ben o partido maioritario era con claridade a CEDA, que nalgunhas provincias conseguira artellar unha fronte conservadora baixo o nome de Fronte Nacional Contrarrevolucionaria.
Os resultados foron a vitoria da Fronte Popular por unha estreita marxe de votos , sen ben cunha ampla maioría de parlamentarios no Congreso pola lei electoral vixente.
Manuel Azaña volveu á presidencia do goberno e as súas primeiras medidas foron decretar unha amnistía de presos políticos, restablecer o goberno da Generalitat en Cataluña e retomar a política reformista, especialmente a reforma agraria e educativa.
A inestabilidade e o clima de tensión acentuáronse nestas primeiras semanas de goberno da Fronte Popular. Alcalá-Zamora foi destituído polo Congreso e, en maio, Azaña é elixido presidente da República, con Santiago Casares Quiroga (na imaxe) como novo presidente do goberno. A reactivación da política reformista e o clima de violencia e tensión nas rúas favoreceu as conspiracións militares, apoiadas polas elites económicas e por políticos conservadores, para derrocar ao goberno e á República.
En xullo de 1936 o asasinato, por parte de falanxistas, do garda de asalto José del Castillo e a posterior resposta dun grupo de gardas de asalto e militantes socialistas asasinando ao líder monárquico José Calvo Sotelo constitúen o detonante do golpe de Estado, iniciado en Melilla o día 17 dese mes. O golpe fracasaría como tal, pero daría lugar á Guerra Civil e, consecuentemente, ao comezo da fin da República e da democracia en España.
- Distingue as causas profundas e o detonante do golpe de Estado de xullo de 1936.
4. A Guerra Civil (1936-1939)
Iniciada como un golpe de Estado fracasado, a Guerra Civil converteuse no suceso clave para entender a historia posterior de España debido á longa ditadura que propiciou e á súa pegada na denominada Transición. Paralelamente, a Guerra Civil española ten unha notoria dimensión internacional no contexto do auxe dos fascismos que desembocará na Segunda Guerra Mundial. A neutralidade das democracias liberais (Francia e Gran Bretaña) contrastará co apoio decidido da Alemaña nazi e da Italia fascista ao bando sublevado. A Unión Soviética apoiará á República, se ben o seu apoio será menos intenso que o prestado polas potencias fascistas ao bando contrario.
No desenvolvemento do golpe de Estado destacará desde o comezo o xeneral Francisco Franco. Sublevado contra a República en Canarias, tomará o control das forzas sublevadas no norte de África e o seu liderado consolidarase rapidamente. O golpe triunfou en diversas zonas e cidades (Sevilla, Pamplona, Oviedo, Zaragoza), pero fracasou noutras (Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia) pola resistencia das forzas que se mantiveron leais á República e do movemento obreiro, organizado en milicias populares. O golpe fracasa, a guerra comeza.
- Explica por que o golpe de Estado se converte en guerra civil.
4.1. As causas da guerra
Podemos sintetizar as causas que levaron á Guerra Civil nos seguintes puntos:
- A cuestión da terra. A reforma agraria iniciada durante a Segunda República non deixou satisfeitos nin ao campesiñado pobre nin aos terratenentes. Os primeiros, porque vían que os cambios eran moi lentos; e os segundos, por todo o contrario.
- A reforma relixiosa. A Igrexa Católica sempre estivo en contra da Segunda República, debido sobre todo á lexislación laicista. Os episodios de violencia contra o clero e as súas propiedades levados a cabo por grupos radicais (sobre todo anarquistas) foron identificados co sistema republicano por parte das elites conservadoras, o que contribuíu a que moitos católicos se opuxeran ao réxime republicano, ao identificar república con caos.
- As accións contra o réxime. Houbo tentativas revolucionarias, como en Asturias en outubro de 1934, e de golpes de Estado, como o de Sanjurjo en 1932, que convenceron a moitos de que a única solución aos problemas era un acto violento.
- A polarización política. Os grupos políticos radicalizáronse ata o extremo, facendo da violencia nas rúas algo habitual, sobre todo durante os dous últimos anos da República.
- O clima revolucionario. Os sindicatos e organizacións obreiras estaban en plena efervescencia revolucionaria, e non descartaban realizar as súas accións pola forza das armas.
- O papel do exército. Moitos mandos militares, de ideas autoritarias e conservadoras, conspiraron para derribar a República. A súa postura antirrepublicana debíase tanto ás reformas de Azaña que buscaban afastar o exército da política como á oposición do estamento militar á estrutura territorial descentralizada do país promovida pola República.
4.2. Os bandos enfrontados e a dimensión internacional
A Guerra Civil española supuxo o enfrontamento entre dous bandos:
- Do lado da legalidade republicana permanecen os militares non golpistas (destacando os xenerais Rojo e Miaja), a maior parte da Garda de Asalto e as milicias socialistas, anarquistas e comunistas. Este bando foi denominado despectivamente "rojo" polos sublevados.
- Do lado golpista, autodenominados "nacionais", atópanse os militares sublevados (destacando os xenerais Mola, Sanjurjo, Goded e Franco), a maior parte da Garda Civil, a Igrexa católica, a Falanxe, monárquicos e carlistas.
O trazo común inicial aos dous bandos é a diversidade dos elementos que os compoñen. Mais axiña comezaron a amosar unha dinámica distinta.
No bando republicano existirá unha crecente división interna e enfrontamento, sobre todo entre os anarquistas e outros partidarios dunha revolución inmediata contra os partidarios de atender á guerra, coma os comunistas e os socialistas. Este enfrontamento desembocará en maio de 1937 en Barcelona nun enfrontamento directo que rematará coa derrota dos anarquistas e das súas formas de organización na fronte (milicias populares).
No bando sublevado terá lugar unha unificación das distintas forzas arredor da figura do xeneral Franco que, en 1937 e mediante o Decreto de Unificación, crea un partido único a semellanza do fascismo italiano (Falange Española Tradicionalista y de las JONS), no que se integraron forzosamente e baixo o seu mando todos os grupos ideolóxicos deste bando.
Internacionalización do conflito
4.3. As fases da guerra
Podemos dividir a Guerra Civil en catro fases:
1.- A fixación das frontes (xullo-novembro de 1936)
Inmediatamente despois do golpe de Estado, os sublevados crearon unha Xunta de Defensa Nacional, organismo que faría as funcións do goberno nos territorios baixo o seu control. A morte de Sanjurjo e Mola en accidentes fai que Francisco Franco asuma o mando supremo, sendo nomeado "Xeneralísimo dos Exércitos" e Xefe do goberno sublevado, establecido en Burgos. Paralelamente e seguindo o exemplo das ditaduras fascistas co Führer nazi e o Duce italiano, Franco empeza a ser chamado Caudillo.
I
2.- A batalla por Madrid (novembro 1936 - marzo 1937)
A liña de fronte axiña chegou ás portas da capital. Isto motivou o traslado do goberno republicano a Valencia. Malia os esforzos dos sublevados, a ofensiva é detida polo exército republicano, as milicias anarquistas e outros grupos de esquerda (que serían disoltos e agrupados no Exército Popular) e as Brigadas Internacionais. Un dos símbolos da resistencia republicana en Madrid foi o Non pasarán, proclamado pola líder comunista Dolores Ibárruri, a Pasionaria, e convertido nunha proclama antifascista en toda Europa. Na imaxe da dereita pode verse unha manifestación en Varsovia de apoio á República na que empregan ese lema.
3.- A ofensiva do norte e as batallas de Aragón (marzo 1937 - novembro 1938)
Co bloqueo da fronte de Madrid, as tropas sublevadas diríxense ao norte. A ofensiva comezou no País Vasco e foron caendo as cidades de Bilbao, Santander e Xixón. Trala vitoria nesta franxa setentrional, clave para a República polo seu carácter industrial e mineiro, Franco concentra os seus esforzos bélicos en Aragón. Ten lugar así a Batalla do Ebro, que remata por fraccionar a zona republicana en dúas partes.
4.- Final da guerra e vitoria franquista (novembro 1938 - abril 1939)
- Cal pensas que foi o suceso clave da evolución da Guerra Civil? Argumenta a túa resposta.
4.4. As consecuencias da guerra
"Ademais do millón ou dos millóns de mortos, a saúde do pobo viuse minada pola súa secuela de fame e enfermidades. Centos de miles están aínda no cárcere. Tanto física como moralmente, España é unha ruína." Gerald Brennan (O Labirinto español, 1943)
Aínda hoxe non existe unanimidade para falar do número de persoas mortas a consecuencia da Guerra Civil. As cifras móvense entre os 500.000 e 1.000.000 de vítimas causadas polos combates, os bombardeos e a represión. A represión das persoas do bando contrario ou de ideoloxías diferentes tomou a forma de execucións nos paseos ou nos xuízos sumarios. Se ben podemos atribuír actividades represivas aos dous bandos, estas acadarán unha grande dimensión no bando sublevado, ao practicarse durante a guerra pero tamén con posterioridade a 1939. Os encarceramentos e as execucións víronse acompañados da purga de desafectos ao réxime nos ámbitos da educación e da administración. O réxime franquista xurdido da guerra exerceu unha dura represión durante os seus case corenta anos de existencia, sen buscar en ningún momento a reconciliación do país.
Na actualidade, a Lei de Memoria Histórica de 2007 e a Lei de Memoria Democrática de 2020 buscan restaurar a dignidade das persoas represaliadas, levando a cabo iniciativas como a elaboración dun catálogo das fosas comúns que aínda permanecen en España e na que se calcula que existen máis de cen mil vítimas.
Outra das consecuencias da Guerra Civil foi o exilio de miles de persoas afíns á República que se dirixiron a países europeos coma Francia ou americanos coma México. Entre os exiliados incluíronse numerosos intelectuais e persoeiros das letras e a cultura, como Juan Ramón Jiménez, Rafael Alberti, María Teresa León, Margarita Xirgu ou Luís Buñuel, entre outros moitos. Podemos citar tamén, polo seu carácter simbólico, ao poeta Antonio Machado, morto en Collioure en 1939 aos poucos días de cruzar a fronteira francesa a pé e de pasar polos campos de refuxiados organizados nas costas mediterráneas. A súa tumba permanece nesa pequena vila francesa, onde se lle segue rendendo homenaxe hoxe en día.
A nivel económico as infraestruturas do país quedaron esnaquizadas. O PIB de 1936 non se recuperou ata a década dos anos 50 e as condicións de vida para a poboación endurecéronse, ao impoñerse o racionamento. A nivel da política internacional, coa excepción das potencias fascistas, España é illada por boa parte dos países da Sociedade de Nacións.
5. Arte: A derradeira leición do mestre
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886 - Bos Aires, 1950) é tal vez o persoeiro máis destacado da cultura galega do século XX. A súa ampla obra, que se manifesta en distintos eidos (narrativa, teatro, caricatura, pintura, etc.) reflicte un fondo compromiso con Galicia e coa súa xente, especialmente coa inxustiza e o sufrimento dos máis desfavorecidos, usando para iso o humor acedo e a crítica social.
A Guerra Civil foi a causa de que moitos intelectuais galegos, entre os que se conta Castelao, se dirixisen ao exilio para, en moitos casos, non volver á súa terra. No seu exilio en Bos Aires Castelao pintou esta obra, titulada A derradeira leición do mestre, xunto cunha serie de estampas sobre a Guerra Civil que se recollen no álbum Galicia mártir.
Na web arte-historia.com fan unha breve análise deste cadro que incluímos aquí:
«Nesta obra, Castelao retrata a salvaxe represión franquista en Galicia a través da figura dun mestre republicano represaliado e dous dos seus alumnos velando o seu corpo nunha paisaxe triste e desolada. O seu sacrificio foi a última —definitiva— lección que lles deixou ás novas xeracións. Deixando de lado a evidente asociación iconográfica relixiosa coa figura de Cristo, moitos viron no asasinado o rostro de Alexandre Bóveda, un dos principais mártires galegos da Guerra Civil e amigo persoal de Castelao. O artista, ao contrario que Bóveda, salvou a pel por estar fóra de Galicia, onde militares e paramilitares campaban ás súas anchas elixindo as súas vítimas cando empezou o golpe de Estado. Moi ben podería ter sido tamén o artista un morto máis.
Dá a impresión de que Castelao quixo darlle certo aire anónimo a ese rostro para transmitir que foron moitos os asasinados e asasinadas neses anos escuros, e que, como ben sabemos por coñecemento empírico, o pobo que non coñece ou esquece a súa historia está condenado a repetila, polo que debemos estar sempre alerta. Quizás esa sexa a última lección dese mestre.
O óleo está baseado nunha obra anterior de Castelao, Galicia mártir, unha especie de Desastres da guerra de Goya levado á idiosincrasia galega e ao propio estilo do autor. Tamén podemos apreciar referencias ao Ángelus de Millet na paisaxe lacónica, a melancolía do ambiente e os tons da cor da terra esfumados pola brétema.»
- Elabora un breve informe sobre tres das seguintes persoas galegas relacionadas co exilio: Luís Seoane, Isaac Diaz Pardo, Maruja Mallo, María Casares e Rafael Dieste. Non esquezas anotar as fontes consultadas.
6. Licenzas de imaxes
LICENZAS DE IMAXES _UNIDADE DIDÁCTICA 6: A II REPÚBLICA E A GUERRA CIVIL
- Portada Faro de Vigo - DP (wikimedia commons)
Xornal Ahora - CC BY-NC BNE (Biblioteca Nacional de España)
Etapas reinado Isabel II - CC BY-NC-SA (Daniel Gómez Valle)
Amadeo I - DP (wikimedia commons)
Cánovas - DP (wikimedia commons)
Miguel Primo de Rivera - DP (wikimedia commons)
Portada revista “Don Plácido” - DP (wikimedia commons)
Proclamación da II República en Barcelona - CC BY BNE (Biblioteca Nacional de España)
Proclamación da II República en Madrid - CC BY BNE (Biblioteca Nacional de España)
Manuel Azaña - DP (wikimedia commons)
Masacre de Casas Viejas - DP (wikimedia commons)
Alejandro Lerroux - DP (wikimedia commons)
Revolución de Asturias - DP (wikimedia commons)
Reparto de escanos nas eleccións de 1936 - DP (wikimedia commons)
Santiago Casares Quiroga - DP (wikimedia commons)
Mapa da sublevación - CC BY NC SA - (kairós)
Franco, Mola e outros militares golpistas - DP (wikimedia commons)
Francisco Franco - DP (wikimedia commons)
Bombardeo de Guernica - CC BY BNE (Biblioteca Nacional de España)
Batallón Garibaldi - DP (wikimedia commons)
Mapa Guerra Civil agosto 1936 - CC BY-NC-SA (kairos)
Manifestación en Varsovia en apoio á República - CC BY BNE (Biblioteca Nacional de España)
Mapa Guerra Civil finais 1937 - CC BY-NC-SA (kairos)
Desfile da vitoria franquista en Madrid - CC BY BNE (Biblioteca Nacional de España)
Bombardeo de Barcelona - DP (wikimedia commons)
Granollers bombardeada - DP (wikimedia commons)
A derradeira leición do mestre - CC BY (historia-arte)