UNIDADE DIDÁCTICA 2: AS REVOLUCIÓNS LIBERAIS
Sitio: | Aula virtual do espazoAbalar |
Curso: | Xeacronos 4 (Xeografía e Historia. 4º ESO) |
Libro: | UNIDADE DIDÁCTICA 2: AS REVOLUCIÓNS LIBERAIS |
Impreso por: | Usuario convidado |
Data: | martes, 19 de novembro de 2024, 2:33 PM |
1. Introdución
A liberdade guiando ao pobo (E. Delacroix, 1830)
As tentativas dalgúns monarcas de levar a cabo un programa reformista, seguindo os principios da Ilustración pero adaptándoos ao marco do absolutismo, non lograron o obxectivo de salvagardar as monarquías propias do Antigo Réxime nin en Europa Occidental nin nas colonias americanas; deste xeito, durante o derradeiro terzo do século XVIII asistiremos ás revolucións liberais ou burguesas que marcan o final dunha época e a entrada na Idade Contemporánea.
Malia os importantes feitos relacionados coa revolución dos EUA e coa Revolución Francesa de 1789, o liberalismo atoparase coa resistencia dun Antigo Réxime que buscará a súa Restauración. Así, durante a primeira metade do século XIX terán lugar unha serie de vagas revolucionarias que buscarán o triunfo definitivo do liberalismo, pero que tamén darán cabida a un novo e complexo marco ideolóxico de grande percorrido nos séculos seguintes: os nacionalismos.
2. As bases ideolóxicas das revolucións: liberalismo e nacionalismos
O liberalismo e os nacionalismos son dúas das ideoloxías cunha pegada más fonda e maior influenza ao longo da Idade Contemporánea e na actualidade. As dúas configúranse orixinariamente en oposición ao Antigo Réxime desde dous puntos de vista diferentes:
- O liberalismo porque supón poñer en cuestión o absolutismo e a sociedade estamental.
- Os nacionalismos porque cuestionan a estrutura territorial dos Estados da Idade Moderna, que eran patrimonio dos monarcas, ben baixo a forma de Coroas formadas por territorios heteroxéneos ou ben baixo a forma de territorios con trazos comúns divididos en distintas entidades políticas. Un exemplo deste último caso son os territorios alemáns do Sacro Imperio Romano Xermánico, do que podes ver na imaxe a súa extensión a finais do século XVIII.
2.1. O liberalismo
O liberalismo xorde a partir dos séculos XVII-XVIII inspirado polas ideas da Ilustración, representando os intereses da burguesía e en clara oposición ao Antigo Réxime:
- Fronte a soberanía real xustificada na relixión e fronte ao absolutismo, defendían a soberanía nacional e a división de poderes, principios derivados da Ilustración. Isto non significa que renegasen da monarquía, senón que, nos sistemas liberais con monarquías, estas soamente exercen o poder executivo. O poder lexislativo recae nos Parlamentos e o xudicial, nos xuíces.
- Fronte á sociedade estamental, defendían unha sociedade de clases na que existise a igualdade ante a lei de todos os cidadáns. A posición neste sistema de clases vén determinada pola economía.
- Desde o punto de vista das institucións, as Constitucións van a ser as Leis Supremas dos sistemas liberais e van recoller tanto os dereitos dos cidadáns como a estrutura do poder político. Na imaxe da dereita podes ver o comezo da Constitución dos EUA de 1787.
- Fronte á economía intervida e supeditada aos intereses dos estamentos rendeiros (clero e nobreza), defendían o capitalismo ou liberalismo económico, un sistema baseado fundamentalmente na propiedade privada e no mercado libre.
- Explica, empregando razóns que atopes neste apartado, por que se afirma que o liberalismo é a ideoloxía política que representa os intereses da burguesía.
2.2. Os nacionalismos
Os nacionalismos son unhas ideoloxías e movementos políticos cunha grande presenza e influenza na historia contemporánea. Caracterízanse pola súa enorme complexidade, dado que existe unha gran variedade de correntes nacionalistas, tanto no que respecta á definición de nación como ás implicacións territoriais, políticas e sociais derivadas destas definicións.
A heteroxeneidade do nacionalismo obriga a describilo en plural: aquelas ideoloxías e movementos políticos que definen a un determinado colectivo humano, identificado cun territorio e caracterizado por unha serie de trazos comúns, como nación e, polo tanto, como un suxeito político con personalidade propia que tería dereito ao autogoberno e, en última instancia, a contar cun Estado propio.
O nacionalismo aparece deste xeito como un complemento do liberalismo, dado que o seu concepto de soberanía nacional, que demole as bases do Antigo Réxime, implica tanto a aparición dun suxeito político novo como o fortalecemento dos lazos que unen á nación no marco do patriotismo e dos seus símbolos: bandeira, himnos, idioma, etc... Estes procesos son propios dos denominados nacionalismos de consolidación, que se dan en Estados independentes.
Paralelamente tamén existe un nacionalismo de afirmación que se da en nacións sen Estado e que pode ser tanto independentista como unificador en función de se se dá en Estados plurinacionais ou en nacións divididas en múltiples Estados.
Desde o punto de vista teórico, o concepto de nación dominante nos séculos XIX e XX é aquel que se basea en elementos obxectivos: lingua, historia, tradicións, raza... Así, a condición nacional non depende do individuo, senón que lle vén dada polo feito de nacer nun determinado lugar. Esta idea de nación desenvólvese fundamentalmente a partir de autores alemáns que buscan enfrontarse ao expansionismo napoleónico e está moi relacionado co movemento cultural do Romanticismo, que exalta os elementos obxectivos da identidade nacional.
En contraste, outro concepto de nación, derivado da Revolución Francesa, incide na vontade do individuo como factor clave da nación, minimizando a influenza dos elementos obxectivos sinalados no punto anterior.
No cadro Epanastasi (Revolución), pintado en 1865, Th. Vryzakis recolle un momento da historia recente de Grecia: o inicio da revolución, en 1821, contra o Imperio Otomán, feito que culminará coa independencia helena en 1830. Na obra de Vryzakis podemos ver algúns dos símbolos da nación grega, como as vestimentas tradicionais, a bandeira ou elementos da relixión ortodoxa.
- Á vista do cadro, afirmarías que o nacionalismo grego está influenciado polo Romanticismo? Xustifica a túa resposta.
- Busca información sobre o concepto de nacionalismo banal de Michael Billig, fai unha breve descrición do mesmo e indica con que modalidade de nacionalismo dos presentados nos apuntamentos se identifica. Anota as fontes consultadas.
3. As revolucións liberais
O liberalismo, herdeiro directo dos principios da Ilustración, fomentará a partir do derradeiro terzo do século XVIII as revolucións políticas europeas e americanas contra o Antigo Réxime.
Estas revolucións aglutinarán tanto á burguesía, cuxos intereses representaba netamente o liberalismo, como os grupos populares descontentos co Antigo Réxime, e mesmo a determinados membros da nobreza e do clero que, malia pertencer aos estamentos privilexiados, tomarán partido na causa liberal para adaptarse ás novas estruturas políticas, sociais e económicas que xorden coas revolucións.
O Antigo Réxime resistirase a desaparecer e en Europa haberá, no século XIX, unha tentativa de poñer freo e marcha atrás á historia: a Restauración.
3.1. A independencia dos EUA
A orixe dos actuais Estados Unidos está nas trece colonias que na costa leste de América do Norte posuían os británicos. Estas colonias, establecidas a partir do século XVII, estaban sometidas economicamente aos intereses da metrópole, mais foron desenvolvendo uns vencellos entre elas cada vez máis intensos.
As causas da independencia dos EUA deben buscarse na guerra dos Sete Anos entre Francia e Gran Bretaña (1756-1763), conflito que rematou coa vitoria británica e, consecuentemente, coa perda por parte de Francia da meirande parte das súas posesións en América. Porén, a guerra tamén provocou un gran descontento nas Trece Colonias, que viron como, a pesar da súa colaboración durante a contenda, ao finalizar esta se lles incrementaban as taxas e as cargas fiscais para financiar a recuperación da metrópole.
Precisamente, un dos primeiros feitos no proceso da independencia é o simbólico motín do té (1773), no que un grupo de colonos protesta contra as taxas que gravaban ese produto botando ao mar un cargamento de té británico no porto de Boston.
A posterior guerra entre os colonos e a metrópole, na que destacarán figuras coma George Washington, comezará en 1776 coa firma da Declaración de Independencia de Estados Unidos o 4 de xullo por parte dos representantes das Trece Colonias no Congreso Continental de Filadelfia. A guerra foi longa e rematou en 1783 coa Paz de París, na que Gran Bretaña recoñeceu finalmente a independencia. Catro anos máis tarde, en 1787, aprobouse a Constitución de Estados Unidos, a primeira da historia, que recollía os principios do liberalismo político.
- Busca información sobre as seguintes figuras históricas, anotando a súa relación coa independencia dos EUA: George Washington, Thomas Jefferson, George III, Luis de Unzaga, William Howe, Betsy Ross. Non esquezas deixar constancia no teu traballo das fontes consultadas.
3.2. A Revolución Francesa
A Revolución Francesa de 1789 supuxo a destrución do Antigo Réxime no que fora o reino do Rei Sol, nunha das potencias absolutistas hexemónicas da Idade Moderna. A súas implicacións históricas transcenden os límites franceses, dado que se converteu nun espello para todas as revolucións liberais europeas.
As causas da Revolución Francesa hai que buscalas na crise estrutural do Antigo Réxime, que se concreta en:
- CRISE SOCIAL: As estreitas marxes de promoción social dos estamentos xeraran un gran descontento na burguesía que, malia a súa posición económica, estaba relegada ao chanzo máis baixo da sociedade do Antigo Réxime. Pola súa parte, o campesiñado e os grupos populares, que constituían a maioría da poboación, sustentaban economicamente todo o sistema debido a unha enorme presión tributaria e a cargas de orixe feudal, co que o seu descontento é paralelo ao da burguesía.
- CRISE ECONÓMICA: As malas colleitas da década de 1780 provocaron unha alza continuada de prezos que asfixiou aínda máis ao campesiñado e aos grupos populares urbanos.
- CRISE POLÍTICA: O Estado francés estaba nunha situación de creba dado que os ingresos non acadaban os niveis dos gastos. Ante esta situación o monarca francés buscará, sen éxito, a colaboración dos estamentos privilexiados, dado que no Antigo Réxime clero e nobreza estaban exentos do pago de taxas. Paralelamente, as ideas liberais derivadas da Ilustración cuestionaban o poder absoluto do monarca e a soberanía baseada na orixe divina do seu poder.
Esta crise xeneralizada agudízase coa convocatoria dos Estados Xerais por parte de Luis XVI, institución de carácter consultivo da que o monarca pretendía obter recursos para paliar o déficit do Estado coa colaboración de todos os estamentos. O fracaso do monarca vese acompañado pola revolta do Terceiro Estamento, que aplica o principio da soberanía nacional ao declararse Asamblea Nacional. O proceso de demolición do Antigo Réxime estaba en marcha e tivo o seu detonante simbólico na rúa, cando o 14 de xullo de 1789 o pobo de París asalta a prisión da Bastilla, símbolo do absolutismo monárquico.
Mentres a revolución se espalla por todo o territorio francés, tanto urbano coma rural, a Asemblea Nacional vai dando pasos para a destrución do Antigo Réxime, entre os que se pode destacar a abolición do réxime feudal ou a Declaración de Dereitos do Home e do Cidadán, que consagra como fundamentais a igualdade, a liberdade e a propiedade.
En 1791 promúlgase a primeira Constitución francesa, na que se establecía unha monarquía constitucional baseada na soberanía nacional e na división de poderes. Esta monarquía será breve pola continua oposición do monarca, remiso a compartir o poder e favorable a unha intervención militar estranxeira que rematase coa revolución. Así, entre 1792 e 1804 terá lugar a I República francesa, na que o monarca será executado e os revolucionarios comezan a dividirse en función da profundidade e ritmo dos cambios que pretenden. Xérase así un período marcado pola inestabilidade no que gobernarán os moderados (xirondinos) e tamén os radicais (xacobinos), e que se complica aínda máis pola guerra contra as potencias estranxeiras.
Neste contexto terá lugar o ascenso dos militares; e será un xeneral, Napoleón Bonaparte, quen rematará por dar un golpe de Estado en 1799 e por dirixir Francia ata 1815. Este foi un período moi complexo, caracterizado por dous feitos centrais:
-
- Por unha banda, Napoleón asenta os principios do liberalismo en Francia (Código Civil de 1804).
- Por outra, coróase emperador e comeza unha política de conquista de Europa co obxectivo de espallar os ideais da Revolución Francesa.
Os éxitos militares de Napoleón fronte a todas as potencias europeas (agás Gran Bretaña) e as súas conquistas remataron tralas súas derrotas en Leipzig (1813) e Waterloo (1815). As monarquías europeas absolutistas como Austria, Prusia, Rusia ou España conseguiron así vencer a Napoleón, pero non puideron deter o inexorable avance das ideas revolucionarias que, antes ou despois, acabarían con elas.
3.3. A Restauración
Trala derrota de Napoleón as potencias absolutistas reúnense no Congreso de Viena (1815) co obxectivo principal de desmontar a Revolución Francesa e restaurar o Antigo Réxime. Os principios da Restauración resultantes de dito congreso son os seguintes:
- Absolutismo: Restáurase a monarquía absoluta en Francia e identifícase como a forma lexítima de goberno.
- Equilibrio internacional: Debe evitarse a hexemonía dunha potencia sobre as demais.
- Intervencionismo: As potencias absolutistas acordan intervir nas monarquías nas que o absolutismo se vexa ameazado. Para este fin crean unha alianza militar chamada Santa Alianza.
Xunto con estes puntos, no Congreso de Viena teñen lugar certas remodelacións do mapa de Europa para illar a Francia e tamén para compensar territorialmente as potencias vencedoras, especialmente a Austria, Prusia e Rusia. Esta configuración territorial, que se pode ver no mapa de arriba, supón unha continuación da lóxica do Estado patrimonial do Antigo Réxime, pero vai xerar múltiples tensións derivadas da implantación das ideas liberais e nacionalistas, que non encaixan con eses postulados territoriais e que serán unha das causas do fracaso da Restauración.
- Busca a relación da Santa Alianza coa España de Fernando VII. Anota as fontes consultadas.
3.4. As vagas revolucionarias liberais
A volta ao Antigo Réxime imposta pola Restauración non tardou en ser cuestionada polas vagas revolucionarias da primeira metade do século XIX:
VAGA REVOLUCIONARIA DE 1820: Comezou en España co pronunciamento do militar Riego contra o absolutismo de Fernando VII e estendeuse fundamentalmente por países do sur de Europa (Grecia, Portugal, área italiana). O seu resultado foi desigual debido á resistencia do Antigo Réxime, que conseguirá, por exemplo, que o absolutismo retorne a España trala intervención da Santa Alianza. No caso grego, tras unha longa guerra, rematará coa súa independencia do Imperio Otomán.
VAGA REVOLUCIONARIA DE 1830: Comezou en Francia e estendeuse por zonas como Bélxica, Polonia ou a área xermana e italiana. Estas revolucións presentan tanto elementos liberais como nacionalistas, como se aprecia respectivamente na substitución da monarquía de corte absolutista de Carlos X en Francia pola monarquía parlamentaria de Luís Felipe de Orleáns e na independencia de Bélxica respecto dos Países Baixos. Noutras zonas como Polonia fracasará.
4. España e Galicia na crise do Antigo Réxime
O REINADO DE CARLOS IV
Carlos IV chega ao trono en 1788, un ano antes da Revolución Francesa. Isto supón o final da política ilustrada, o peche de fronteiras e a guerra contra Francia. Porén, a partir de 1796 a monarquía hispana entrará na órbita francesa e mesmo se aliará na guerra de Napoleón contra os británicos, sufrindo a derrota de Trafalgar (1805), batalla que aparece no cadro da dereita pintada polo inglés William Turner en 1822. As consecuencias desta derrota, o aumento do descontento popular e as tensións entre Carlos IV e o seu fillo Fernando rematan coas abdicacións de Baiona (1808), nas que os Borbóns renuncian ao trono, quedando este en mans de Xosé I, irmán de Napoleón.
Nin a monarquía Bonaparte, malia o seu carácter reformista, nin a ocupación do territorio polas tropas francesas serán aceptadas pola maioría da poboación, iniciándose así a Guerra da Independencia (1808-1814).
GUERRA E REVOLUCIÓN LIBERAL
Durante a Guerra da Independencia, caracterizada pola táctica de guerrillas contra o superior exército francés, terá lugar a revolución liberal en España: as Cortes de Cádiz, cidade que resiste á invasión francesa, rematarán co absolutismo mediante as medidas que culminan na Constitución de 1812: soberanía nacional, división de poderes, liberdade de imprenta a ata sufraxio universal masculino foron os postulados deste documento, auténtico símbolo do liberalismo español e europeo do século XIX.
O REINADO DE FERNANDO VII (1814-1833)
O desexado Fernando VII retorna a España e ao trono en 1814 e imporá unha volta ao Antigo Réxime, abolindo toda a obra lexislativa e constitucional gaditana e levando a cabo unha dura represión dos liberais. Malia esta persecución, a vaga revolucionaria liberal de 1820 iníciase en España co pronunciamento de Riego e restablecerá a Constitución de 1812, mantendo a Fernando no trono, ata que en 1823 remate abruptamente coa restauración do absolutismo da man da intervención das potencias absolutistas europeas. Absolutismo e represión caracterizarán o derradeiro período do reinado de Fernando VII, a Década Ominosa (1823-1833).
No reinado de Fernando VII terán lugar os procesos de independencia das colonias americanas, onde as ideas liberais e a súa participación nas Cortes de Cádiz derivaron nas sucesivas independencias alentadas pola burguesía crioula (Arxentina en 1810, Venezuela en 1815, Chile en 1818, México en 1821), representada por figuras como Bolívar ou San Martín.
GALICIA
En Galicia, coma no resto do territorio español, actuarán durante o período da Guerra da Independencia as Xuntas, encargadas tanto da xestión da guerra como da gobernación do territorio ao non aceptar a autoridade de Xosé I. Na conformación das Xuntas terán un peso enorme os dous grupos máis poderosos da Galicia do século XVIII e comezos do XIX: o clero e a fidalguía.
Dentro do liberalismo destaca a cidade da Coruña, que contou con militares que apoiaron o pronunciamento de Riego en 1820. Por outra banda, o nacionalismo galego comeza a tomar forma a mediados do século XIX co provincialismo, movemento que, con representantes como Antolín Faraldo, reivindicaba a identidade cultural e administrativa de Galicia e criticaba a súa marxinación política e económica.
a. Investiga en que consisten os conceptos afrancesados e crioulos, anotando algún exemplo concreto.
b. Realiza unha breve biografía de Antolín Faraldo sinalando os principais trazos da súa vida e do seu pensamento. Anota as fontes de información empregadas.
5. Arte: O tres de maio en Madrid
A obra O tres de maio en Madrid ou Os fusilamentos do tres de maio (1814) é unha pintura de Francisco de Goya que recolle os sucesos que supoñen o detonante da Guerra da Independencia: a revolta popular do dous de maio e a súa feroz represión por parte do exército francés.
A composición da obra caracterízase por un equilibrio matizado pola posición dos brazos da figura principal, quen recibe ademais toda a luz. O anonimato dos executados subliña o carácter popular da oposición á invasión francesa. De xeito complementario, os soldados franceses aparecen sen rostros que os individualicen e na mesma posición, facéndoos máquinas de matar deshumanizadas.
A exaltación patriótica e a forte carga sentimental da obra sitúana dentro do Romanticismo pictórico.
- A obra O tres de maio en Madrid converteuse nun símbolo de exaltación nacional e de patriotismo. Porén, Goya plasmou o tema da Guerra da Independencia desde outra óptica na súa serie de gravados coñecida como os Desastres da Guerra. Tras informarte neste enlace escribe unha redacción de arredor de 25 liñas na que presentes as dúas olladas coas que Goya contempla a guerra na súa obra. Deberás incluír no teu traballo a imaxe do cadro O tres de maio en Madrid e unha dos gravados dos Desastres, empregando imaxes con licenza creative commons ou de dominio público que podes atopar aquí. Atoparás o modelo para facer o traballo no apartado "Tarefas" desta unidade, xunto co enlace para a entrega en liña.
6. Licenzas de imaxes
LICENZAS DE IMAXES _UNIDADE DIDÁCTICA 2: AS REVOLUCIÓNS LIBERAIS
- “A liberdade guiando ao pobo”, de E. Delacroix (1830) - DP (wikimedia commons)
- Mapa do Sacro Imperio en 1789 - CC BY ziegelbrenner (wikimedia commons)
- Inicio da Constitución dos EUA - DP (wikimedia commons)
- “Epanastasi”, de Th. Vryzakis (1865) - DP (wikimedia commons)
- Esquema Revolucións liberais (trad. e adapt.) - CC BY NC SA Daniel Gómez Valle
- Mapa das Trece colonias - DP (wikimedia commons)
- Esquema da Revolución Francesa - CC BY NC SA (Daniel Gómez Valle)
- Estampa sobre a execución de Robespierre - DP (wikimedia commons)
- Mapa de Europa do Congreso Viena (1815) - CC BY SA Furfur (wikimedia commons)
- Esquema da Restauración (trad. e adapt.) - CC BY NC SA (Daniel Gómez Valle)
- “A batalla de Trafalgar” (1822), de William Turner - DP (wikimedia commons)
- Gif sobre a independencia dos países de Hispanoamérica - DP (wikimedia commons)
- “Tres de maio en Madrid” (1814), de Francisco de Goya - DP (wikimedia commons)