ANM 8. O baile solto II: a xota
Sitio: | Aula virtual do espazoAbalar |
Curso: | A nosa música |
Libro: | ANM 8. O baile solto II: a xota |
Impreso por: | Usuario convidado |
Data: | domingo, 24 de novembro de 2024, 4:16 AM |
Introdución
Bailando a xota, 1959. Ponte... Nas Ondas. Flickr. CC BY-2.0
A xota é un ritmo que se recolle por toda a Península e algúns estudos indican que a súa orixe está en Valencia. A orixe do nome está ou no catalán de Valencia antigo ou no mozárabe, onde significaba chimpo ou salto.
Estendeuse pola Península Ibérica no s.XIX con moito éxito, destacando a jota aragonesa, a navarra-rioxana, a castelá, a montañesa de Cantabria e a isa canaria.
Que é?
A melodía é máis pausada cá muiñeira, pero máis rápido ca un valse. Leva o acento cada tres sílabas. É de ritmo ternario e escríbese en 3/8, en 6/8 ou en 3/4. Nas pezas cantadas galegas, ás veces non aparece o compás, pois enténdese como un ritmo continuo non encaixable en compases pechados.
O ritmo base máis habitual:
Este grupo rítmico aparece tocado seguido ou combinándose con algunhas destes toques ou outros equivalentes:
Coma nas muiñeiras, nas pezas vocais cun toque ou ritmo continuo de acompañamento na percusión (pandeiretas, pandeira, pandeiro, sacho) fanse en certos momentos (ao final das coplas, do retrouso ou de ámbolos dous) uns cortes ou petos que ademais axudan aos bailadores a cambiar entre punto e volta. Tamén se poden facer uns toques de entrada e uns de remate. Ás veces a volta leva unha variante do toque principal.
Por exemplo, en Gargamala (Mondariz, Pontevedra) poden empezar a xota cunha entrada así: //::// , seguir co toque básico .
Na volta pode cambiar o toque para facer: . Os petos son: , mentres que o remate é así:
Ao igual cá muiñeira, o baile consta de punto e volta e moitas veces de paseo ou descanso. A volta faise en roda ou en táboa. O punto faise na copla e no retrouso, a volta e o descanso, cando o hai. Se ben a norma é esta, moi frecuentemente o punto excede os compases da copla, tendo que reaxustar a distribución.
Nalgunhas partes distinguen entre xota nova e xota vella. A xota nova ten punto e volta, mentres a xota vella non ten volta.
Considerando a xota como unha gran familia de ritmos ternarios para baile solto, podemos incluír estas variantes:
Pateado: tamén coñecido como zapateado, no baile ten marcados os acentos da volta e os movementos son amplos. É propio da comarca de Santiago e terras lindeiras.
Maneo: baile propio de Bergantiños e parte das terras de Ordes (Trazo e Tordoia), acompañado por pandeiretas e canto. Distínguese unha parte co ritmo de tres tempos, cando se bailan os arrastrados e outra con xota de catro ou cinco toques. O cambio entre as partes márcase con secuencias de toques fortes e secos.
Vira: é un baile propio do norte de Portugal, máis sinxelo en xeral cá xota galega, que pasou ás comarcas ourensás raianas da Limia Alta e Baixa, acompañado por acordeón. De xeito illado, aparece noutros puntos de Galicia, chegando a ser un baile complexo, como o famoso vira de Bembibre (A Coruña).
O punto faise con picados e paso de voltas, mentres a volta se fai en roda ou cruzando as filas co pasiño castelán.
Existe a hipótese de que a palabra 'vira' puido ser o nome da xota, como indica algunha copla ben estendida: E vira e vira/ e vira, virou/ a volta do vira/ son eu quen a dou.
No Canizo (A Gudiña, Ourense) mesmo distinguen dous xéneros ternarios: o doblado, considerado máis antigo, e a jota, con melodías importadas máis novas.
Nas pezas para gaita ou para cancións dos coros, emprégase moito a denominación foliada para unha peza ternaria, se ben a palabra designa de xeito xenérico a festa.
Dunha ollada
Dálle marcha!
Esta xota é moi popular e está no repertorio de moitos grupos, como Xistra de Coruxo:
Ai o cura de Vilar
está berrando na horta (bis)
que lle levan a criada
polo furado da porta.
Ai lalaralalara...
Por te ver veño de noite
querida del alma mía,
por te ver veño de noite
porque non podo de día.
Ai lalaralalara...
Por esa que entrou no baile,
por esa que entrou agora,
por esa que entrou no baile,
tocarei a noite toda.
Ai lalaralalara...