ANM7. O baile solto I. A muiñeira

Sitio: Aula virtual do espazoAbalar
Curso: A nosa música
Libro: ANM7. O baile solto I. A muiñeira
Impreso por: Usuario convidado
Data: sábado, 23 de novembro de 2024, 2:18 PM

Introdución

   

File:Ribeirana 1905 (pastoriza-Arteixo).jpg

Ribeirana, 1905. Pastoriza. Pedro Ferrer en Wikimedia. (Dominio público)

É o ritmo máis característico da nosa cultura musical.

Tense escrito moito sobre as súas orixes, que  pode estar nalgunha danza barroca cortesá mesturada con ritmos propios. No s.XVIII xa aparece algunha partitura con esa denominación.  A palabra deriva de 'muíño' e popularmente dise que ten que ver co costume de cantar e bailar cando a xente ía moer o gran. Esta idea é moi discutida hoxendía. 

A base rítmica faise coa percusión (pandeireta, o pandeiro, caixa ou tamboril...). Hai muiñeiras instrumentais para instrumentos melódicos (gaita, clarinete, birimbau...) e vocais con percusión, sobre todo pandeireta, amais de pandeira ou pandeiro.

Que é?

É un ritmo de subdivisión ternaria, con compás binario, que normalmente se escribe en 6/8, e cunha velocidade entre media e rápida. En pezas cantadas é habitual que non se ordene por compases a música, senón que se considera un ritmo continuado, por iso nalgunhas partituras non se indica compás e non hai liñas divisorias.

Hai moitas variantes do ritmo básico, sendo a súa base grupos de tres toques, como:. Unha notación máis aproximada ao ritmo máis típico é con cinquillos 

En canto aos toques, especialmente da pandeireta, hai unha gran variedade, facéndoa co puño ou coa man aberta, engadíndolle riscados e podendo marcar a 1ª corchea, a 1ª e a 4ª    ou a 2ª e a 5ª  e outras moitas variacións segundo a zona.

Nas pezas vocais con acompañamento de percusión (pandeiretas, pandeira, pandeiro, sacho) faise un toque ou ritmo continuo de acompañamento e en certos momentos (ao final das coplas, do retrouso ou de ámbolos dous) uns cortes ou petos que ademais axudan aos bailadores a cambiar entre punto e volta. Tamén se poden facer uns toques de entrada e uns de remate. Ás veces a volta leva unha variante do toque principal.

Por exemplo, en Mens (Malpica, A Coruña) o toque básico (simplificado) é  , podendo facer uns toques de entrada:    e uns toques ao final das coplas:  , que se pode extender nalgunha ocasión: 

O repertorio de gaita e o de cancións é ben diferente pois, mentres as melodías instrumentais se singularizaron, nas pezas vocais ás veces unha mesma melodía podíase adaptar ao ritmo da muiñeira ou da xota. Noutros casos, os cantos popularizáronse máis tarde por varios motivos, o que por outra banda favoreceu que se conservase unha gran riqueza e variedade nos toques e melodías. 

 

Seguindo criterios musicolóxicos, Dorothé Schubarth _coautora do gran libro de referencia, o Cancioneiro Popular Galego (CPG)_ distingue, para os cantos de muiñeira, dúas formas seguidas no tempo: 

a) Muiñeira vella

A melodía e a letra ten dúas sílabas (subdivisión binaria ), mentres o acompañamento na pandeireta é de tres toques (subdivisión ternaria). As muiñeiras vellas presentan un ámbito de notas estreito e os versos e coplas son máis flexibles e libres.

 

A diferenciación do CPG parte da distinción tradicional dalgunhas zonas galegas, malia que non sempre cadre. 

Así, nalgúns lugares tocan a muiñeira vella, tamén chamada ribeirana, antiga ou empuñada. Falamos do toque con puño con acentuación nos segundos golpes (ta-tá-ra, ta-tá-ra...).

Só se conservou en zonas determinadas, e parece ser máis antigo: nalgúns lugares aínda había memoria de que de sempre tocaran esta muiñeira antes da chegada da nova, a xota e os agarrados.

Musicalmente, só ten a parte do punto, rematando ás veces cunha volta precisamente como anuncio do remate.

Nos Ancares aparece a molineira ou moliñeira.

Nalgúns puntos de Bergantiños (A Coruña) conservaron o baile da muiñeira vella. Bailan dúas parellas, co home sacando o punto e os brazos erguidos, saltando bastante, e a muller cos brazos baixos seguíndoo, cos pasos máis curtos e baixos. Eles marcan o ritmo con zapateados fortes que cadran con toques das pandeiretas. Tamén o chaman o baile dos catro ventos, pois teñen que ir botando cada punto dende un ángulo do cadro que compoñen os catro bailadores. Ten unha estrutura fixa de descanso, punto e volta. 

 
 

Onde conservan ese ritmo de muiñeira vella, distíngueno con claridade do máis popular e frecuente en todo o país, ao que nalgúns lugares chaman muiñeira nova e noutros simplemente muiñeira.  

b) Muiñeira nova

Trátase das pezas con subdivisión ternaria ()   tanto na letra coma no acompañamento. 

Este ritmo e baile documéntase en toda Galicia. É rápida, con grandes desprazamentos no espazo. Tamén aparece punto, volta e ás veces descanso.

Ten un número fixo de catro sílabas acentuadas por verso (versificación acentual) e un número variable de sílabas átonas, non acentuadas. O número de sílabas total é de 8 a 12 habitualmente. 

Este toque tamén se coñece como muiñeira punteada ou repunteada e mesmo nalgúns sitios, ribeirana.

Houbo variantes, como o golpe  ou o contrapaso, dos que só hai algunha melodía pero non o baile.

Outras modalidades son a pandeirada, a carballesa (que se adoita escribir en 2/4) ou a redonda.

Dunha ollada

Dálle marcha!

Presentamos unha muiñeira de Piñeira do Courel, que aparece no 'Método de gaita' de Xaquín Xesteira, amais no 'Método de acordeão diatónico' de Pedro Blanco:

partitura da muiñeira de Piñeira do Courel

Canto sei!