ANM 5. Os cantos de traballo

Sitio: Aula virtual do espazoAbalar
Curso: A nosa música
Libro: ANM 5. Os cantos de traballo
Impreso por: Usuario convidado
Data: mércores, 27 de novembro de 2024, 6:01 AM

Introdución

Sega en Buriz (Guitiriz), 1970. Ponte...Nas Ondas! Flickr. (CC BY 2.0)

Ás veces, á xente gústalle traballar coa televisión posta, a radio, con música ou falando. Pero antes entretíñanse moito cantando, por exemplo mentres camiñaban á feira ou á festa (cantos de andar o camiño) ou cando preparaban o liño (cantos de mazar o liño).

Estes cantos aparecen en cada cultura segundo o traballo que nese lugar se faga, así, na zona mediterránea hai cantos de recoller as améndoas ou na estepa de Mongolia hai cantos de pastoreo e os work songs afroamericanos están na orixe do blues.

Que é? I

Hai cantos de ritmo libre, é dicir, as partes fortes e suaves da melodía dependen da acentuación das palabras e non dun ritmo fixo. Ademais, hai anacos rápidos e outros lentos e alongados. Como se está cantando e facendo algún labor, non hai acompañamento instrumental.

Como moitas veces aparece algún verso de sílabas baleiras, como 'ai la le lo' ou 'ai la lá', tamén se lles chama alalás.

Moi importantes son os cantos de seitura ou sons da sega. O traballo da seitura (sega ou ceifa) era moi duro, pois facíase en longas xornadas de sol, segando á man, atando e recollendo os monllos e levándoos ata as eiras.


Canto de seitura de Santiso. Acta Fundacional. Intérprete: Felisa Segade-Tres pesos [CD]. CC BY

Nos descansos, e algunha vez segando, cantaban. Moitos galegos e galegas ían en cuadrillas á sega a Castela. Velaquí as características musicais destes cantos, que podemos aplicar a todos os de ritmo libre:

  • Adoitan ter un ámbito estreito, é dicir, a distancia entre a nota máis aguda e a máis grave é pequena, entre catro e oito notas.
  • Son lentos (entre moderato e adagio) e poden levar melismas (adornos na melodía).
  • As letras non sempre teñen que ser exclusivas destes cantos, senón que se pode adaptar unha copla para unha destas melodías. Musicalmente considéranse arcaicos. 
  • Podía cantalos unha persoa soa, dous grupos ou un solista e un grupo alternando. 
  • Conserváronse sobre todo en zonas de Lugo e Ourense.
 
Canto de seitura

Aínda que son moi coñecidos no Brasil como os típicos cantos dos vaqueiros, na nosa terra tamén se cantaban os aboios para que vacas e bois bebesen ou para afalalos.

Os cantos de arrieiro xurdiron para acompañar as longas viaxes destes traballadores no carro de bois polos camiños ou avisar da súa chegada aos lugares.

Os cantos de andar o camiño (ou cantos de camiño) acompañaban as andainas cara ás festas, feiras ou desprazamentos de grupos de veciños e veciñas.

Malia non seren cantos de traballo, hai máis tipos de canto de ritmo non marcado que se explican de seguido.

Os anuncios servían para avisar do comezo do serán e facíanse dende algún punto alto e despexado para que se sentise ben lonxe. Tamén había os cantares de rondado serán ou de ruada cos que se abría a festa.

Cantar de ronda

Antes de empezar coas pezas de pandeireta e gaita, era frecuente botar algún canto sen acompañamento:

Que é? II

Hai outro tipo de cantos que acompañan o traballo axustando o ritmo da melodía co do labor que se fai. Son cantos silábicos cun pulso que cadra cos movementos rítmicos do corpo ao traballar: mazando o leite, preparando o liño ou os cantos de canteiro, para levantar as pedras, colocalas, asentalas ou picar nelas.

No sur de Pontevedra (Pazos de Borbén, Mondariz, O Covelo ou Ponteareas) conservaron a tradición das labradas e a aña. No mes de abril chegaba o momento de labrar a terra para a sementeira do millo. Era un traballo no que se xuntaba moita xente e ían de casa en casa case durante varias semanas. A casa que encargaba o traballo convidaba á merenda e facía o ramo, póla de carballo ou loureiro adornada con panos, rosquillas ou caramelos. Arábase a terra, sachábase, sementábase e cavábase, para logo pasarlle a grade.

A tradición ten variantes segundo o lugar. Dividíanse en dous grupos nos cabeceiros da leira e o grupo que primeiro acaba, botaba a ribeirana da aña _peza exclusiva para ese momento_ dirixíndose aos que non acabaran. E facíase o baile do ramo, que collía na man un home mentres bailaba, convidando a cada muller a acompañalo e acabando co ramo espetado na terra.  Acababan de traballar a terra mentres un grupo  entoaba o cantar da aña (que tampouco se cantaba fóra deste contexto). Seguía a troula ao acabar cos cantos das labradas, xa non exclusivos deste día. Noutros lugares un grupo canta coplas "a desafío" co outro ou bailan en roda arredor do ramo. Para cantar, acompañábanse co ritmo dos legóns ou sachos percutidos cunha pedra.

Acababan cos cantos de agradecemento (tamén chamados cantos de merenda ou cantos do mes de abril), cos que os traballadores recoñecían o trato de quen os contratara.

Dunha ollada

Infografía dos cantos de traballo

Dálle marcha!

Antigamente os tecidos para a a roupa elaborábanse na casa de orixe vexetal (o liño) ou de orixe animal (a la).

O traballo do liño é un proceso longo e duro e colaboraba a veciñanza. Sempre acababan nunha festa, con baile e música.  Dende que se arriga (arrincar a planta da raíz) ata que chega á debandoira (aparello para converter as madeixas en nobelos), hai nove procesos de traballo. Unha vez separada a semente dos talos, había que rompelos cunha maza e tirar a casca. Era o traballo de mazar o liño, que ten os seus cantos propios. O movemento constante das mazas marcan o ritmo da peza.

As melodías e as letras están recollidas no Bolo (Ourense) e en Ribeira de Piquín (Lugo).  

Canto de mazar o liño

partitura dun canto de mazar o liño

II. 

Teño tres estriguiñas (x2)

teño que arrestrelar mira Pepe

teño que arrestrelar.

Estróupele...

III.

O restrelo está romo (x2)

non quero arrestrelar mira Pepe

non quero arrestrelar.

Estróupele...

Canto sei!