ANM 2. Os instrumentos

Sitio: Aula virtual do espazoAbalar
Curso: A nosa música
Libro: ANM 2. Os instrumentos
Impreso por: Usuario convidado
Data: venres, 23 de agosto de 2024, 21:12

Introdución

Cunha frauta e cuns ferriños,

cunhas cunchas e un pandeiro

armamos logo a ruada

os veciños do rueiro.

(copla tradicional)

File:Os gaiteiros de Guillarei (Tui).jpg

Os gaiteiros de Guillarei (Tui). Wikimedia. (Dominio público)

 

Unhas cunchas de vieira ou un sacho son instrumentos musicais? Teñen a importancia dunha gaita ou dun acordeón? Pois en certos momentos si que funcionan como tales, adquiren unha finalidade musical.

A tradición musical da nosa terra foi creando unha variedade moi grande de instrumentos, a través deles podemos rastrexar como foron evoluíndo na construción e na  técnica. Así mesmo, cantidade de utensilios domésticos adaptáronse para facer música e ritmo.

Aquí só veremos algúns deles.

Para que exista o son, ten que haber algo que vibre moi axiña e esas oscilacións do aire serán captadas no noso oído polo tímpano, que manda a información ao cerebro. Esa vibración pode ser unha corda que se move a centésimas de segundo, o aire soprado nun tubo _que bate no bisel e vai vibrando ata que sae_ ou dous paus que chocan. O que vibra, o elemento vibratorio, determina a clasificación dos instrumentos en idiófonos, membranófonos, cordófonos e aerófonos.

Que é? Idiófonos

O seu nome provén do grego ('idios', propio e 'fono', son).

Este tipo de instrumentos soa cando se golpea _coa man ou con outro obxecto ou con outro instrumento igual_, cando se sacode, raspa ou se bate nunha parte del. Non ten que haber, daquela, nin cordas nin pelicas tensas, o propio instrumento é sonoro. Dividímolos en cinco tipos atendendo á acción que se realiza para facelo soar: percutidos, entrechocados, raspados, sacudidos e punteados. 

Seguindo outra clasificación (Carpintero, 2009), todos os instrumentos dos grupos 1, 2 e 3 serían idiófonos de golpe, agás a tixola, idiófono refregado.

idiófonos

Percutidos

 

Charrasco: cun mastro longo e un bastidor de madeira cheo de ferreñas, amais dun cable. Tócase golpeando co instrumento no chan, e o serrón (pau dentado)  golpea ou roza no cable.
É propio da terra da Ulla, entre Pontevedra e A Coruña, onde se asociaba coa música do Nadal e o Entroido.

 Lata de pemento: empregáronse tanto latas de pementón coma de carburo, gas que se usaba para que funcionase o candil. Propio da Limia Baixa e noroeste de Ourense (Cea, Beariz, Avión...). Era común que as tocasen as mulleres. Acompaña co seu ritmo o canto e o baile.

 Tixola: tamén denominada cazola ou co seu castelanismo, sartén. Tocábase no sur da provincia ourensá. Acompaña o canto batendo no mango _que se coloca cara ao ombreiro_ e na cunca da tixola cunha chave, culler ou garfo metálicos.

Ademais, téñense empregado máis utensilios da cociña, coma os testos das potas, morteiros e pratos.

Sacho: tamén chamado sacha, aixada, ligoña ou legón.

Os apeiros de labranza usábanse nos descansos dos traballos do agro ou para celebrar que se acababa a faena do día.
Tócase o ritmo cunha pedra. No surleste pontevedrés, no Condado e a Paradanta conservaron o seu uso con este costume. Ao acabar un rego, a persoa ou grupo botaba a aña , é dicir, cantaba marcando a fin do seu traballo. No remate, un home levando un ramo de loureiro adornado ía bailando con cada sachadora.

Nas terras de Viana e en Trives (Ourense) as partes metálicas dos sachos e das gadañas tócanse canda aos tambores nos folións de Entroido.

Ademais, empregábase a fouce (moitas veces batendo co testo das potas) e a gadaña

Ferriños: triángulo de ferro que se pendura dunha man mentres coa outra se toca cunha pequena baqueta metálica. Tamén chamados ferros.



Entrechocados


  • Paus: de madeira dura, tócanse cun pau en cada man en danzas e bailes populares e no  acompañamento dos cantos do Maio. Os danzantes, cun pau en cada man, van entrechocando os seus ou cos que portan as parellas.
  • Canaveira, castañola de cana, tarabela:  cana dun medio metro de longo, fendada nas súas dúas terceiras partes. Cunha man agárrase cara arriba e coa outra bátese no extremo inferior. Pode levar un axóuxere engadido.
  • Culleres : de madeira ou de metal. Empréganse por pares batendo as súas partes convexas e hai varios xeitos de tocalas.
  • Tarrañolas: tamén chamadas trécolas. Hainas de madeira (granadillo, buxo...) mais tamén de óso, tella ou lousa. Pódense tocar nunha soa man ou cun par en cadansúa man.
  • Castañolas ou castañetas: xúntanse cuns cordóns polas zonas chamadas orellas. Son de madeira, sobre todo buxo ou nogueira e hoxe tamén de pau santo e granadillo. Tócanas os bailadores e bailadoras en bailes soltos ou en danzas.
  • Pratiños: dous círculos metálicos duns 30-40 cm., algo cóncavos, con agarradeiras de coiro, baten entre si. Tócanse canda ao bombo, ao que ás veces se engancha por enriba, a gaita e a caixa ou o tambor. Entraron na nosa música coas bandas populares.
 

Raspados

Cunchas: empregábanse un par de cunchas de vieira para uso rítmico, soas ou canda a pandeiros, pandeiretas, latas ou gaitas. Este tipo de instrumentos son raspados e fretados.

Dun xeito semellante usábanse un par de piñas e a botella de anís, de vidro labrado, que se toca cunha chave ou un garfo metálico.

Sacudidos

A choca (ou chocallo) e a campá, aínda que non teñan fin musical, pertencen a este grupo. Dentro do pandeiro adoitan colocarse uns axóuxeres de metal. Tamén se denomina así o xoguete infantil que tradicionalmente se facía de vimbio.

Punteados

Trompa ou birimbau: está formado por un marquiño de metal con forma de ferradura que incorpora unha lingüeta flexible, metálica, chamada palleta. Hainas de distintas tonalidades, segundo o seu tamaño.
Cóllese entre os dentes e os beizos, movendo a lingüeta, e a boca fai de caixa de resonancia. Conséguese así facer sons moi variados e melodías ou bordóns de acompañamento. É moi popular da Fonsagrada (Lugo).

Membranófonos

O son prodúcese ao bater nunha membrana tensa sobre unha abertura ou marco. A membrana pode ser unha pelica de animal (corzo, cabra...) ou material sintético.

A orixe destes instrumentos está nos cribos e peneiras que se empregaban para escoller o cereal, de aí que os primeiros artesáns que os fabricaban fosen os peneireiros. Distinguimos os de dúas pelicas ou membranas e os de unha soa.

peneirando
G. Courbet. Les Cribleuses de blé. Wikimedia(Dominio público)

de 1 membrana

Pandeireta: ten arredor de 26 cm, con ferreñas arredor (9, 11 ou 13 pares), e o aro de madeira e pelica de cabra, castrón ou ovella. As ferreñas antigamente facíanse aproveitando latas vellas.

A diferenza doutras culturas, en Galicia, é a pandeireta a que se move e percute contra os dedos ou os puños e non ao revés. Se a persoa é destra, cóllea coa man dereita e a esquerda é o punto de apoio. Pódese percutir coa man pechada ou aberta e pódese 'riscar', ou arrastrar os dedos producindo un redobre; os toques varían moito segundo a zona de Galicia.

Pandeira: é case o dobre cá pandeireta (40-50 cm. de diámetro). Ten unha pelica de cabra ou corzo e ferreñas arredor. Aínda que posiblemente se tocaba en toda Galicia, o seu uso perviviu nos Ancares (Lugo).

Ao ser de máis peso, a pandeira está queda agarrada cunha man _ esquerda para xente destra_ mentres a outra man se move e leva o ritmo; é dicir, ao revés cá pandeireta.

Non chegou aos nosos tempos o pandeiro redondo, sen ferreñas e a pel con buratos ou sen eles.

de 2 membranas

 

De dúas membranas:

Tamboril (ou tambor) empezou sendo acompañante da gaita, cun son máis grave. Despois púxose de moda o cuarteto de dúas gaitas, bombo e tambor; a partir diso faise máis pequeno.
No parche inferior leva uns bordóns, que lle aportan o efecto de "redobre". Os parches ténsanse coas pezas de coiro nas cordas. Nalgunha zona conservouse un xeito de termar o instrumento, máis habitual para as mulleres, sobre a perna e co parche perpendicular ao chan.

Nas terras de Viana e Trives hai o tambor de entroido. No Baixo Miño (Pontevedra) as treboadas son uns conxuntos de gaita de barquín, caixa e un ou dous bombos de mallada, que se tocan con dúas mazas.

 

Caixa: o corpo é de metal ou de madeira. Máis ancho e con menos fondo có tamboril, ten un son máis agudo e estridente. Estendeuse o seu uso dende a música das bandas de música a mediados do s.XIX e case substituíu ao tamboril como acompañante da gaita, aínda que despois este se recuperou.

 

Bombo: marca os tempos fortes, e algúns contratempos xogando co matiz e a intensidade.

Pénsase que o seu uso coa gaita é posterior ao do tambor. Fan parte dos cuartetos tradicionais, formados por gaita de fol, clarinete, caixa e bombo ou os de dúas gaitas, caixa e bombo. Pódese complementar cuns pratiños.

 

Pandeiro ou adufe:  conservouse no sur de Pontevedra. Ten bordóns interiores (para apagar o son), a pel cosida e por dentro algún axóuxere ou campaíña.

Unha man agárrao e axuda no ritmo á outra man que está libre, colocando un ángulo do cadrado cara abaixo. Co seu uso nos coros galegos foi perdendo os bordóns e estendeuse un xeito de collelo non tradicional, pendurado do pescozo e cos dous puños das mans. Hoxe estase a recuperar a técnica de construción e a execución tradicional.

Cordófonos

Ao contrario doutras culturas peninsulares, aquí non arraigaron estes instrumentos. Destacamos dous ben interesantes:

Zanfona: Aparece na escultura e pintura medieval galega co nome de organistrum, coma no Pórtico da Gloria. Foi moi popular en Francia, co nome de vielle à roue (viola de roda).
O son prodúcese ao fretar as cordas cunha roda, untada con resina, accionada por un manubrio.
A zanfona ten cinco cordas: as tres cantantes acciónanse co teclado para levar a melodía e outras dúas soan ao aire facendo de bordón e determinan a súa tonalidade.

Asociouse á xente cega, que gañaban a vida pedindo esmola e cantando. Foi un instrumento case esquecido ata que Perfecto Feijoo e, sobre todo, Faustino Santalices inician o seu rexurdimento. 

Violín: ao igual cá zanfona, asóciase á musica galega polos cegos e cegas quen, polas feiras, festas e cidades cantaban os romances que despois vendían impresos e pedían esmola. Destacou o cego dos Vilares (Baleira, Lugo), que o colocaba case no peito dirixido cara abaixo, non baixo a mandíbula.

violín e arco
Violín e arco. Wikimedia(Dominio público)

Aerófonos

Nestes instrumentos o aire que sae transmite as ondas sonoras aos nosos oídos e estes transmiten a información ao cerebro, que a procesa. Ese aire no instrumento pasa por un tubo ou cavidade e precisa que a vibración se produza grazas a algo: os labios da persoa que toca, unha cana moi lisa que vibre ao lle soprar...

Así, distinguimos catro grandes grupos. Se o instrumento soa pola vibración directa dos beizos da persoa ao soprar pola embocadura, son de boquilla. Poden soar grazas a que se fai un corte no tubo e o aire ao bater vibra (bisel), cunha cana sinxela disposta na embocadura (lingüeta) ou cunha cana dobre (palleta). 

de boquilla


Bucina e corno: os labios da persoa vibran ao presionar co aire na embocadura.

Estes instrumentos empregábanse para avisar: as leiteiras ou peixeiras entrando na aldea, o barco que chega ao porto ou escorrentar o lobo cara ao foxo para cazalo. Hai buguinas ou bucinas de barro cocido, feitas por oleiros nos seus obradoiros, e cornos con máis ou menos buratos para conseguir melodías. Tamén se empregaban as cunchas das caracolas. Os cornos, sobre todo de boi ou carneiro, tamén se coñecen como cornetas ou cornas.

de bisel

Chifre co que o afiador, paragüeiro ou o capador anunciaba a súa presenza. Tamén chamado apito ou siringa, ten entre nove e trece buratos.

Pito pastoril ou pito galego: coma moitas frautas, era creado polos pastores como pasatempo cun número de buratos variable. Da man de construtores profesionais, foise perfeccionando a súa construción e os actuais chegan a facer dúas oitavas cromáticas.

A súa dixitación é moi similar á da gaita, por iso serve como instrumento de estudo previo a ela.

Hoxendía fabrícase en distintas tonalidades e hai métodos de aprendizaxe.

 

Frauta traveseira: fabricábanas os pastores con canas ou sabugueiro, que xa teñen o interior oco. Fóronse perfeccionando e facéndoas de madeiras como o buxo e por pezas separadas.

Corresponde ao tipo de frauta europea da segunda metade do s.XVII, con tubos interiores cónicos e cunha chave, de tres partes (cabeza, corpo e pé). Co tempo, o corpo da frauta dividiuse en dúas partes e e fixéronse máis melloras, especialmente o construtor alemán Boehm, que lle engadiu o sistema de chaves _tamén ao clarinete_  e fixou o corpo cilíndrico do instrumento, no canto do anterior, que era cónico. Estas frautas máis profesionais, de metal, tamén chegaron da man das bandas de música, pero na música tradicional galega continuouse cos modelos anteriores, de madeira e con menos chaves.

Na comarca da Ulla tócase a requinta, moi popular acompañando as gaitas, que consta de cinco partes ou pechos.

Tamén aparecen os frautíns, máis caseiros, feitos por artesáns da gaita ou procedentes das bandas de música, e ás veces coñécense co nome de pínfanos.

de lingüeta


O modelo máis elemental consiste nunha cana pechada por un dos extremos, cun corte oblícuo alongado. A lingüeta simple sepárase moi pouquiño.Tamén se lle coloca unha gomiña ou un fío, que permite afinalo; soa máis agudo canto máis curta sexa a lingüeta que vibra e ao revés.

Temos así o pallón do ronco da gaita e tamén na ronqueta, cando a ten. Hoxe tamén os hai de metal e plástico, con menos variacións pola humidade e a temperatura.

Un pallón ben longo podémolo furar por varias alturas para obter distintas notas musicais. Así aparecen as pipas de alcacén e as gaitas de cana.

A pipa ou gaita de alcacén, de centeo ou de avea facíase cunha palla de cereal e foi o instrumento co que se iniciaron moitos gaiteiros.

Se unha desas pipas, xa non de cereal, senón dun material máis resistente (canaveira, sabugueiro), a complementamos cun fol que reteña o aire e opcionalmente cun ronco, temos a gaita de cana. O fol facíase coa vincha dun animal (porco, becerro...). Foi tamén un instrumento barato e útil para iniciarse antes da gaita de fol, esta xa máis complexa e de lingüeta dobre ou palleta.

 

Filharmónica: invéntao nos anos vinte do s.XIX o reloxeiro alemán Ruschmann, xuntando varias lingüetas de tubo de afinar órganos. Cada burato agacha dúas lingüetas libres, unha soa ao aspirar e outra ao soprar

 

Acordeón: o mesmo inventor da filharmónica engádelle un fol e un teclado en 1822 e crea un instrumento que, coas innovacións doutros luthiers, axiña se estendeu por toda Europa. O acordeón diatónico dá un son diferente ao pechar o fol e ao abrilo e acciónase con botóns; foi o primeiro en chegar á nosa terra. O cromático só da unha e hainos de botóns ou de teclado, tamén chamados acordeóns piano.

A mesma persoa pode facer a melodía, o acompañamento harmónico e mesmo cantar, o que fixo que se popularizara e case eclipsa a gaita nalgunha época. Canda el entraron novas pezas de bailes agarrados (valses, polcas, pasodobres).

Clarinete: inventado polo luthier alemán Denner (s.XVIII) ao mellorar un instrumento de cana, o chalumeau, con máis buratos que se podían controlar cun sistema de chaves e pancas e unha embocadura na que se ataba a lingüeta. O clarinete que máis se empregou foi o de trece chaves en Sib, pois a dixitación en ton en Re Maior, cadra coa da gaita en Do. Entrou a través das bandas de música e afianzouse dende cedo o conxunto de gaita, clarinete, caixa e bombo, un cuarteto.

Tamén a partir das bandas populares chegou á música tradicional, aínda que con moito menos arraigo, o saxofón.

de palleta

Gaita: tamén chamada gaita de fol, pois en moitos lugares ás frautiñas chamábanlles gaitas. 

Podémola considerar como instrumento aerófono mixto, pois consta de lingüeta (no ronco e, se a ten, na ronqueta) e de palleta (no punteiro e no chión, se o ten).

O fol era de pel de carneiro ou año, e hoxe estendeuse o uso do material sintético impermeable (goretex). Vístese cunha tea denominada xustillo ou vestido.

As buxas son as pezas de madeira insertadas no fol onde se conectan o punteiro e demais pezas.

O aire entra polo soprete. O punteiro, de forma cónica, ten oito buratos para a dixitación e dous ou tres que lle achegan sonoridade. Emite o son grazas á palleta ou cana dobre. Esta é moi fráxil e moi sensible aos cambios de humidade.

O ronco, roncón ou bordón, consta de tres pezas: prima, segunda e copa. Na prima colócase o pallón, cana simple. Fai de bordón (nota fixa que soa de maneira constante) na tónica da gaita, dúas oitavas por debaixo do punteiro. Adórnase coa borla e os farrapos ou freques.

Algunhas gaitas teñen un pequeno bordón de palleta, o ronquillo, chillón ou chión, afinado coa 5ª nota do punteiro.

Distínguense dous xeitos de tocar:

O toque aberto, no que os dedos se levantan sucesivamente segundo sobe a nota da escala e a man dereita non se usa entre a 4ª e a 7ª nota, e toque pechado, no que os dedos da man dereita (inferior) volven a tapar buratos a partir da 4ª nota. O toque pechado é posiblemente máis antigo e, de toda a península, só se conservou en parte de Galicia e Asturias.

Ademais, na zona asturiana e galega próxima e na terra de Melide (A Coruña) empregaban notas por riba da oitava da tónica do punteiro; é o que se coñece como requintear ou requintar.
A tonalidade fai que se distingan tres variedades: grileira (Re), redonda (Do) e tumbal (Sib).

Xa desapareceu a chamada gaita de barquín, na que o aire se emitía cun fol mecánico accionado co brazo esquerdo do gaiteiro, co mesmo sistema da uillean pipe irlandesa.

A gaita de fol tradicional converteuse na icona da música galega e perfeccionouse e estandarizouse a súa fabricación e técnica, malia que isto tamén comportou unha perda de variantes en sonoridade, formas ou toques.

Dunha ollada

infografia cos instrumentos galegos por familias

Canto sei!