Etapas

Sitio: Aula virtual do espazoAbalar
Curso: Os problemas: o motor das matemáticas
Libro: Etapas
Impreso por: Usuario convidado
Data: Mércores, 17 de Xullo de 2024, 20:49

Descrición

Breve explicación das etapas de resolución de problemas de George Polya.

1. Entender o problema

Nena pensando
publicdomainvectors.org, Public domain

Para iso terás que:

  • Imaxinar a situación.
  • Detectar as cantidades que interveñen no problema.
  • Facer un debuxo ou esquema que te axude a visualizar dita situación.
  • Facer tenteos numéricos para dar coas relacións entre as variables.
  • Recordar se liches algún problema semellante que xa entenderas.

Non te quedes soamente coa primeira impresión. No seguinte enlace atoparás ilusións ópticas que poñen de relevo que ás veces a primeira impresión resulta ser totalmente falsa.

2. O plan

Despois de entender o problema vén o máis duro: dar cun plan para resolvelo.

Gráficos vectoriales de niño

publicdomainvectors.org, Public domain

Esta é a etapa máis difícil e a clave do proceso. Pode servir de axuda:

  • Recordar se fixeches algún exercicio ou problema semellante.
  • Supoñer que está resolto e intentar razoar á inversa.
  • Buscar pautas, regularidades ou simetrías.
  • Simplificar o problema, resolvelo e, despois, tratar de xeneralizar a solución para o problema inicial.

A necesidade de xogar ou facer tenteos co problema axudaranos a comprender as relacións entre as cantidades que figuran no problema (de habelas), así como a obter ideas para elaborar un plan. Esta necesidade queda de manifesto nos problemas manipulativos como o seguinte:

Saca dous mistos para deixar dous triángulos equiláteros

3. Actuar

Despois de trazar o plan é o momento de executalo.

Trabajando duro, Alex Barros ,flickr.com, BY SA

En moitas ocasións precipitámonos e mergullámonos directamente nesta etapa.

Sen embargo, só resulta boa idea se o que estás a resolver é un exercicio ou ben un problema moi sinxelo.

Nesta etapa é importante:

  • Comentar o que imos facendo e obtendo e para que.
  • Elixir, caso de ser necesaria, unha notación axeitada.
  • Presentar limpia e ordenada a solución.
  • Asegurarse de que respondemos a todas as preguntas que se nos fan.

4. Reflexionar

Unha vez executamos o plan cómpre reflexionar sobre o que fixemos e comprobar se o problema está resolto.

File:Recycling symbol2.svg

Wikimedia Comons, public domain

Esta etapa é crucial se queres aprender a resolver problemas.

Trátase de reflexionar ata entender perfectamente que fixemos e por que.

Para iso é necesario:

  • Verificar a solución, de ser posible, por un camiño diferente.
  • Preguntarnos que pasaría se cambiamos algún dos datos do problema.
  • Tratar de comprender que tipo de problemas se poden resolver facendo razoamentos análogos.
  • Tratar de xeneralizar a solución para problemas máis complexos.
AnteriorSiguiente

5. Exercicios ou problemas?

Ás veces confundimos os problemas con exercicios, e abordámolos de xeito inmediato.

Un problema supón unha situación na que non sabemos a priori como actuar: require unha análise e unha toma de decisións para poder abordalo e resolvelo.

En moitos casos sentirémonos perdidos e frustados ao enfrentarnos a un problema; o reto consiste en aceptar esta situación e a partir de aí atacalo. A recompensa de superar o reto e resolver o problema ben merece a pena o esforzo!.

Nun exercicio sempre sabemos que é o que temos que facer, aínda que resulte difícil. O éxito na súa resolución só radica no adestramento. Por iso, se xa temos traballado exercicios similares, sentirémonos cómodos ao abordar un novo. Iso si, a satisfacción por conseguilo é considerablemente menor.

 

6. Enigmas

Un enigma é:

Según o diccionario da RAE " Enunciado de sentido artificiosamente encubierto para que sea difícil de entender o interpretar"

Según o diccionario da RAG " Descrición ambigua ou metafórica dunha cousa, para ser descifrada."

Maquina enigma

Enigma,Marcin Wichariy ,flickr.com, BY SA

No contexto de resolución de problemas, un enigma vai a ser un problema especialmente difícil de entender e que en apariencia non ten solución.

Os enigmas poñen a proba a nosa capacidade para entender e resolver problemas.

En cada un dos bloques do curso teredes que enfrentarvos a un enigma. Pincha aquí para atacar o primeiro.