UD 8. A GUERRA FRÍA. A DESCOLONIZACIÓN. CAPITALISMO E COMUNISMO

5. A carreira espacial

Unha das manifesSputnik I, o primeiro satélitetacións da rivalidade entre os Estados Unidos e a Unión Soviética hai que buscala no espazo exterior. No contexto da Guerra Fría, o enfrontamento entre as dúas superpotencias cos seus dous sistemas de entender e organizar o mundo superou as mesmas fronteiras do planeta Terra.

Adoita situarse o punto inicial da carreira espacial nunha data moi concreta: o 4 de outubro de 1957. Ese día, a URSS consegue enviar ao espazo o primeiro satélite, o Sputnik I (na imaxe). Nese mesmo ano conseguirá, ademais, situar no espazo ao primeiro animal, a cadela Laika, colocándose dese xeito á cabeza da carreira espacial.

Ata ben entrada a década de 1960, a Unión Soviética seguiu anotando importantes vitorias, destacando os éxitos do primeiro home e da primeira muller no espazo (Yuri Gagarin en 1961 e Valentina Tereshkova en 1963).  A tripulación do Apolo XI na LúaEn Estados Unidos, a presidencia de J.F. Kennedy (1961-1963) supuxo un pulo decisivo para recuperar o terreo perdido na investigación espacial. O punto culminante da carreira estadounidense foi o 20 de xullo de 1969: o astronauta Neil Armstrong convertíase no primeiro ser humano en pisar a Lúa xunto co seu compañeiro Buzz Aldrin (na imaxe).

En 1975 tivo lugar unha misión conxunta entre os EUA e a URSS que tivo o seu remate no acoplamento entre as naves Apolo e Soiuz. Adoita empregarse ese feito como punto final da carreira espacial.

Porén, nos anos 80 reactivouse dunha maneira pouco convencional: coa Iniciativa de Defensa Estratéxica (SDI) presentada polo presidente estadounidense Ronald Reagan (1981-1989) en 1983. Coñecida popularmente como a guerra das galaxias, o obxectivo da SDI era integrar o espazo exterior no sistema de defensa de Estados Unidos con satélites dotados de armamento láser aínda por desenvolver e moi relacionado coa saga cinematográfica Star Wars, auténtico fenómeno de masas na época. Esta iniciativa foi moi criticada polo seu custo e pola viabilidade dun armamento propio de películas de ciencia ficción, pero contribuíu a incrementar a popularidade de Reagan e favoreceu a súa reelección, ao demostrar a súa vontade férrea de competir cunha Unión Soviética que nos anos 80 amosaba síntomas de esgotamento.

A carreira espacial tivo unha dimensión militar e propagandística innegables, pero tamén serviu para un espectacular avance da ciencia e da tecnoloxía. Adiantos técnicos de uso cotián como microchips, lentes ópticas resistentes ou o GPS están directa ou indirectamente relacionados coa investigación espacial.


NOTA INVESTIGA

  • Busca información e explica a relación dos seguintes elementos coa carreira espacial:  Interkosmos, NASA, Alekséi Leonov, Margaret Hamilton. Non esquezas anotar as fontes de información consultadas.