UD 8. A GUERRA FRÍA. A DESCOLONIZACIÓN. CAPITALISMO E COMUNISMO
4. Capitalismo e comunismo
4.2. A formación da UE
Aliñada dentro do bloque capitalista, o proceso de formación da Unión Europea constitúe un proceso fundamental dentro da política, sociedade, economía e cultura do continente na segunda metade do século XX.
Trala Segunda Guerra Mundial, nos países de Europa central con sistemas liberais no económico e no político, estendeuse a convicción de iniciar un proceso de unidade que evitase os conflitos de épocas anteriores e posibilitase unha integración económica. Este proxecto contou co apoio dos EUA desde o comezo.
- A paulatina cesión de competencias dos estados nacionais a favor das institucións europeas, especialmente no terreo económico.
- A continua expansión ata 2016. Será na última década do século XX e na primeira do XXI cando se integren máis países, adoptando o nome de Unión Europea no Tratado de Maastricht en 1992. Da Europa dos Seis en 1957 pasouse á Europa dos 28 en 2013, coa entrada de Croacia. O ingreso de España na UE fíxose efectivo en xaneiro de 1986.
Porén, o proceso de integración europeo non foi un ascenso lineal, senón que pasou por fases contraditorias nas que se alternaron períodos de avance no proceso de unidade con outros de estancamento e "euroescepticismo". Unha das maiores dificultades afrontadas pola Unión Europea foi precisamente a decisión do Reino Unido de abandonala tralo referendo de 2016, abandono que se consumou no ano 2020 e que deixou á Unión Europea cos 27 membros que a forman actualmente. Outra das dificultades foi o feito de que a integración política e social dos países membros non marchou ao mesmo ritmo que a económica, sendo este un dos principais retos de cara ao futuro.
Na imaxe inferior, a sé do Parlamento Europeo na cidade de Estrasburgo (Francia).
- A seguinte declaración do ministro francés R. Schuman en 1950 está considerada como un dos pasos previos fundamentais da construción da Unión Europea. O 9 de maio celébrase o día de Europa en conmemoración deste discurso. Tras ler o documento, responde as cuestións.
1.- Cal é o obxectivo de crear unha "Europa organizada e viva" segundo Schuman?