A II REPÚBLICA E A GUERRA CIVIL

4. A Guerra Civil (1936-1939)

4.1. As causas da guerra

Franco, Mola e outros militares golpistas

Podemos sintetizar as causas que levaron á Guerra Civil nos seguintes puntos:

  • A cuestión da terra. A reforma agraria iniciada durante a Segunda República non deixou satisfeitos nin ao campesiñado pobre nin aos terratenentes. Os primeiros, porque vían que os cambios eran moi lentos; e os segundos, por todo o contrario.
  • A reforma relixiosa. A Igrexa Católica sempre estivo en contra da Segunda República, debido sobre todo á lexislación laicista. Os episodios de violencia contra o clero e as súas propiedades levados a cabo por grupos radicais (sobre todo anarquistas) foron identificados co sistema republicano por parte das elites conservadoras, o que contribuíu a que moitos católicos se opuxeran ao réxime republicano, ao identificar república con caos.
  • As accións contra o réxime. Houbo tentativas revolucionarias, como en Asturias en outubro de 1934, e de golpes de Estado, como o de Sanjurjo en 1932, que convenceron a moitos de que a única solución aos problemas era un acto violento.
  • A polarización política. Os grupos políticos radicalizáronse ata o extremo, facendo da violencia nas rúas algo habitual, sobre todo durante os dous últimos anos da República.
  • O clima revolucionario. Os sindicatos e organizacións obreiras estaban en plena efervescencia revolucionaria, e non descartaban realizar as súas accións pola forza das armas.
  • O papel do exército. Moitos mandos militares, de ideas autoritarias e conservadoras, conspiraron para derribar a República. A súa postura antirrepublicana debíase tanto ás reformas de Azaña que buscaban afastar o exército da política como á oposición do estamento militar á estrutura territorial descentralizada do país promovida pola República.