A II REPÚBLICA E A GUERRA CIVIL
3. A II República (1931-1936)
3.1. A proclamación da II República
As eleccións municipais do 12 de abril de 1931 supuxeron a vitoria de republicanos e socialistas nas principais cidades do país. En palabras consternadas do almirante Aznar, derradeiro presidente do Consello de Ministros de Afonso XIII, España "deitárase monárquica e espertara republicana".
Dous días más tarde, o 14 de abril, o rei Afonso XIII anunciaba a súa marcha ao exilio, proclamándose así a República (na imaxe, proclamación da República en Madrid). En maio formouse un goberno provisional, presidido polo conservador Niceto Alcalá-Zamora, co obxectivo principal de organizar unhas eleccións a Cortes constituíntes para xuño de 1931.
Nas eleccións de xuño lograron o triunfo os republicanos de esquerda e os socialistas, iniciándose de inmediato os trámites de elaboración dunha Constitución para a República. O texto definitivo, tras moitos e intensos debates no Congreso dos Deputados, quedou aprobado en decembro.
Trazos da Constitución de 1931
- España é definida no texto constitucional como "unha República democrática de traballadores de toda clase, que se organiza en réxime de Liberdade e de Xustiza."
- Establécese o principio de soberanía popular.
- Sufraxio universal que debería ser determinado por futuras leis para garantir que "os cidadáns dun ou doutro sexo, maiores de vinte e tres anos terán os mesmos dereitos electorais" (artigo 36).
- Amplo catálogo de dereitos: expresión e reunión, sindicación, educación, etc.
- Intervencionismo económico: recóllese o dereito a intervir e nacionalizar actividades económicas e a soster mediante créditos e indemnizacións a actividade do campesiñado.
- Laicismo: establécese unha clara separación entre Igrexa e Estado.
A presidencia da República recaeu en Alcalá-Zamora (conservador e remiso ás medidas laicistas da Constitución), mentres que Manuel Azaña (republicano de esquerdas) formou un goberno apoiado por republicanos e socialistas. Monárquicos e católicos quedaron na oposición. Pola súa banda, os anarquistas opóñense tamén ao sistema republicano, promovendo manifestacións e folgas. A República configúrase así nun contexto de grande inestabilidade e é cuestionada tanto polas forzas conservadoras como polos grupos revolucionarios.
Unha das consecuencias desta inestabilidade será a existencia de tres fases claramente diferenciadas entre 1931 e 1936: bienio reformista, bienio rectificador e goberno da Fronte Popular.
- Observa os trazos da Constitución de 1931 e explica que sectores ou grupos sociais se verían atacados pola configuración do novo sistema, argumentando a túa resposta.
- Investiga en que consistiron as misións pedagóxicas impulsadas polo goberno republicano: cales eran os seus obxectivos, quen as formaba, que tarefas levaron a cabo e ata cando estiveron vixentes. Elabora un pequeno informe e non esquezas anotar as fontes empregadas no teu traballo.