A II REPÚBLICA E A GUERRA CIVIL

2. A construción do Estado liberal no século XIX

Esquema absolutismo / liberalismo

A primeira manifestación do liberalismo en España xurdira no contexto da guerra de Independencia contra a ocupación napoleónica, e tiña na Constitución de 1812 o seu símbolo.

O posterior reinado de Fernando VII caracterizárase polo retorno ao absolutismo, se ben tanto o trienio liberal, ao que se viu forzado o monarca, como a cuestión sucesoria manterán ao liberalismo na escena política española.

A cuestión sucesoria ten que ver co feito de que Fernando VII soamente tivera unha filla, Isabel, co que, segundo a Lei Sálica vixente na monarquía española, debía ser desprazada na sucesión por un home: Carlos, irmán de Fernando. Para evitar isto, Fernando VII derroga a Lei Sálica e busca o apoio dos liberais moderados para asegurar o trono a Isabel. Pola contra, Carlos obtén o apoio dos sectores absolutistas e partidarios das institucións do Antigo Réxime.

Deste xeito, despois da morte de Fernando en 1833 terá lugar a primeira guerra carlista (1833-1839) que, ademais dun conflito sucesorio, será o escenario dunha nova loita entre liberalismo e absolutismo. O bando isabelino e o liberalismo triunfarán, pero unha das consecuencias deste conflito será a participación continua dos militares na política española (denominados espadóns). Figuras como Espartero, O'Donnell ou Narváez destacarán durante o reinado de Isabel II (1833-1868) apoiando ás distintas tendencias do liberalismo: moderados, progresistas, demócratas... Así, podemos ver como a construción do Estado liberal en España durante o século XIX se caracteriza polas dificultades derivadas tanto da oposición do Antigo Réxime, encarnado polos carlistas, como da división interna do liberalismo. Iso favorecerá o recurso aos pronunciamentos e golpes militares para conseguir o poder, de xeito que os militares desempeñarán un papel de suma relevancia na historia contemporánea de España.

A nivel económico ten lugar no período isabelino a instalación dun sistema capitalista baseado nunha industrialización limitada e desigual en canto á localización (destacan o téxtil catalán e a siderurxia vasca), o cal implicou a existencia dun debate historiográfico arredor do "fracaso" ou "ritmo propio" da industrialización española.

En calquera caso, a nivel social en España desenvolverase un movemento obreiro e campesiño que acollerá as principais ideoloxías proletarias, marxismo e anarquismo e que terá un importante papel político desde a segunda metade do século XIX.

Amadeo IO reinado de Isabel II remata abruptamente en 1868 coa chamada Revolución Gloriosa da man de militares como Prim. O liberalismo democrático triunfa e ábrese un período de grande inestabilidade, o Sexenio democrático (1868-1874), no que se suceden os seguintes acontecementos:

  • 1870-1873: unha monarquía parlamentaria cun representante da casa de Saboia, Amadeo I (na imaxe).
  • 1873: a I República, con gobernos tanto federalistas como unitarios.
  • 1874: un novo golpe de Estado da man de militares como Pavía, Serrano ou Martínez Campos, que remataría coa Restauración borbónica na figura de Afonso XII (1874-1885).

O século XIX entraba no seu tramo final en España con importantes tensións no establecemento do sistema liberal: permanencia do carlismo partidario do Antigo Réxime e do absolutismo (houbo unha terceira guerra carlista entre 1872 e 1876), conflitividade entre as distintas tendencias liberais, que recorreron ao exército para obter o poder, desigual desenvolvemento industrial, oposición da Igrexa ás tendencias liberais progresistas e democráticas, cuestión da estrutura territorial do país co conflito entre as posturas centralistas e descentralizadoras, conflitividade social...


NOTA ARGUMENTA

  • Explica, empregando razóns que atopes neste apartado, por que se afirma que a guerra carlista supón un enfrontamento entre absolutismo e liberalismo.

NOTA INVESTIGA

  • Escolle a tres dos militares sinalados neste apartado e elabora un pequeno informe no que se recolla a súa importancia política. Non esquezas anotar as túas fontes de información.