UNIDADE DIDÁCTICA 2: AS REVOLUCIÓNS LIBERAIS
4. España e Galicia na crise do Antigo Réxime
O REINADO DE CARLOS IV
Carlos IV chega ao trono en 1788, un ano antes da Revolución Francesa. Isto supón o final da política ilustrada, o peche de fronteiras e a guerra contra Francia. Porén, a partir de 1796 a monarquía hispana entrará na órbita francesa e mesmo se aliará na guerra de Napoleón contra os británicos, sufrindo a derrota de Trafalgar (1805), batalla que aparece no cadro da dereita pintada polo inglés William Turner en 1822. As consecuencias desta derrota, o aumento do descontento popular e as tensións entre Carlos IV e o seu fillo Fernando rematan coas abdicacións de Baiona (1808), nas que os Borbóns renuncian ao trono, quedando este en mans de Xosé I, irmán de Napoleón.
Nin a monarquía Bonaparte, malia o seu carácter reformista, nin a ocupación do territorio polas tropas francesas serán aceptadas pola maioría da poboación, iniciándose así a Guerra da Independencia (1808-1814).
GUERRA E REVOLUCIÓN LIBERAL
Durante a Guerra da Independencia, caracterizada pola táctica de guerrillas contra o superior exército francés, terá lugar a revolución liberal en España: as Cortes de Cádiz, cidade que resiste á invasión francesa, rematarán co absolutismo mediante as medidas que culminan na Constitución de 1812: soberanía nacional, división de poderes, liberdade de imprenta a ata sufraxio universal masculino foron os postulados deste documento, auténtico símbolo do liberalismo español e europeo do século XIX.
O REINADO DE FERNANDO VII (1814-1833)
O desexado Fernando VII retorna a España e ao trono en 1814 e imporá unha volta ao Antigo Réxime, abolindo toda a obra lexislativa e constitucional gaditana e levando a cabo unha dura represión dos liberais. Malia esta persecución, a vaga revolucionaria liberal de 1820 iníciase en España co pronunciamento de Riego e restablecerá a Constitución de 1812, mantendo a Fernando no trono, ata que en 1823 remate abruptamente coa restauración do absolutismo da man da intervención das potencias absolutistas europeas. Absolutismo e represión caracterizarán o derradeiro período do reinado de Fernando VII, a Década Ominosa (1823-1833).
No reinado de Fernando VII terán lugar os procesos de independencia das colonias americanas, onde as ideas liberais e a súa participación nas Cortes de Cádiz derivaron nas sucesivas independencias alentadas pola burguesía crioula (Arxentina en 1810, Venezuela en 1815, Chile en 1818, México en 1821), representada por figuras como Bolívar ou San Martín.
GALICIA
En Galicia, coma no resto do territorio español, actuarán durante o período da Guerra da Independencia as Xuntas, encargadas tanto da xestión da guerra como da gobernación do territorio ao non aceptar a autoridade de Xosé I. Na conformación das Xuntas terán un peso enorme os dous grupos máis poderosos da Galicia do século XVIII e comezos do XIX: o clero e a fidalguía.
Dentro do liberalismo destaca a cidade da Coruña, que contou con militares que apoiaron o pronunciamento de Riego en 1820. Por outra banda, o nacionalismo galego comeza a tomar forma a mediados do século XIX co provincialismo, movemento que, con representantes como Antolín Faraldo, reivindicaba a identidade cultural e administrativa de Galicia e criticaba a súa marxinación política e económica.
a. Investiga en que consisten os conceptos afrancesados e crioulos, anotando algún exemplo concreto.
b. Realiza unha breve biografía de Antolín Faraldo sinalando os principais trazos da súa vida e do seu pensamento. Anota as fontes de información empregadas.