ANM 11. A bailar!

Que é?

Dende a Idade Media, as cortes dos reis fomentaron o baile como entretemento e as danzas circulaban por Europa grazas a mestres que ensinaban os pasos. Tamén dende a Corte española varios mestres difundiron moitos pasos e bailes. É o que se coñece como Escola Bolera. Despois, estes pasos, mesturados cos bailes xitanos, darán lugar ao flamenco, eclipsando a variedade e riqueza do baile folclórico do resto do estado. Varios destes pasos chegaron a Galicia e influíron no noso baile tradicional.

A xente do pobo, pendente dos traballos colectivos relacionados co agro, non andaba tan folgada coma os cortesáns. As fiadas, tascas do liño, vendima, recolleitas, esfolladas do millo, labrada e sementeira das leiras eran momentos de reunión da comunidade que acababan en festa con música e baile.

File:Muiñeira de Dionisio Fierros.png

Gravado de Mariano Ovejero (1879). Wikimedia. (Dominio público)

Á parte das feiras e das festas _máis numerosas no verán_ organizábanse as reunións festivas sobre todo no inverno. Segundo a zona, coñécense como seráns ou seraos (por seren á tardiña), fiadeiros, ruadas, fiandóns, polavilas, pandeiradas... Podían ser un día fixo na semana, alternando cos outros lugares do arredor. 

A veciñanza do lugar aturuxaba e empezaba os cantos do serán anunciando o comezo.

Era habitual facer varias roldas de varias pezas seguidas e unha parada. A primeira rolda adoitaba ser dos veciños e veciñas da aldea e as seguintes a xente convidada. Empezaban coa xota e a muiñeira (bailes soltos) e acababan cos agarrados (tres, catro...), no que moitas veces se facían cambios de parella.

Por exemplo, a ruada en Muíño (Zas, A Coruña) seguía esta orde: muiñeira, xota, valse, rumba, chiqui chiqui (pasodobre) e dansa (agarrado con picado de muiñeira).

Xotas e muiñeiras constan de volta (normalmente facendo unha roda) e punto (unha persoa saca un paso de baile e o resto cópiano en canto acaba). Algunhas teñen descanso ou paseo entre esas partes.

Non ten por que cadrar a duración dos puntos no baile coas partes musicais, pero en xeral distribúese así:

-Nas pezas instrumentais de dúas partes (A-B), A é a volta e B é o punto.

-Nas pezas vocais, a volta faise no retrouso da letra ou, se non o hai, na parte de percusión soa. O punto faise diferente para cada copla.

As formacións espaciais máis habituais son a fila de parellas de fronte e a roda sinxela, e aparece tamén a roda sinxela con alguén no medio e a roda sinxela de parellas agarradas. Nalgúns lugares bailaban os agarrados en roda para non tropezaren pola cantidade de parellas. 

As moitas combinacións de música e formación espacial. Resumímolas en catro básicas:

  1. punto en filas, volta en roda.
  2. punto en filas, volta en táboa.
  3. punto e volta en roda.
  4. punto en cruz e volta cruzándose.

Un bailador ou bailadora _guía_ vai botando un punto para cada copla nun extremo da fila e avisa nos cambios entre voltas e puntos. O guía repite o punto simetricamente cara ao outro lado, xa acompañado por toda a súa fila e a oposta, a das parellas, en espello.

gif maker

Ás veces o papel de guía vai mudando e diferentes persoas van botando un punto novo.

Os puntos son combinacións de pasos base, nos que varía o seu número, a orde na que se presentan, a orientación e o apoio do corpo. Preséntaos a persoa guía cara a un lado e despois repítese de xeito simétrico cara ao outro lado, con toda a xente bailando, do seu lado.

Por exemplo, un paso de muiñeira pódese facer con catro pasos base deste xeito: punta adiante - picado - punta atrás - picado. Faríase despois simetricamente.  

Muiñeira do Freixo (Brincadeira)

Sabendo que non hai un xeito único de nomealos, presentamos os pasos básicos dos bailes soltos en 5 grupos:

  1. valseados e picados: pasar o peso dun pé ao outro, facendo tres apoios alternos.
  2. diante-atrás: unha perna de base e a outra alterna adiante e atrás.
  3. cortes: unha perna sae a un lado e faise unha parada seca.
  4. outros (trabadas, alzadas, resorte, patada couce, pasos)

Ademais, temos os pasos dos bailes agarrados: de marcha, paso saltado, o de polca, de polca saltada, de chotis, o galope, o de rumba, o paseo castelán, o de valse e de valse saltado. Algúns tamén se empregan en bailes soltos.

A colocación dos brazos no baile solto é cara adiante, á altura dos ollos ou un pouco máis altos, por enriba da cabeza. Os brazos debuxan un semicírculo, dobrando moi lixeiramente os cóbados.

O puño vai pechado, podendo facer pitos cos dedos matapiollos e o maior. Nalgún baile concreto poden ir as mans abertas, por exemplo na muiñeira vella. Nalgún caso acompáñase o baile de palmadas en certos momentos.

Nos paseos poden ir os brazos baixos, á altura das cadeiras, podendo facer pitos cos dedos. Non se moven os pulsos.

As colocacións máis habituais dos grupos para bailar son: