ANM 2. Os instrumentos
Introdución
Cunha frauta e cuns ferriños,
cunhas cunchas e un pandeiro
armamos logo a ruada
os veciños do rueiro.
(copla tradicional)
Os gaiteiros de Guillarei (Tui). Wikimedia. (Dominio público)
Unhas cunchas de vieira ou un sacho son instrumentos musicais? Teñen a importancia dunha gaita ou dun acordeón? Pois en certos momentos si que funcionan como tales, adquiren unha finalidade musical.
A tradición musical da nosa terra foi creando unha variedade moi grande de instrumentos, a través deles podemos rastrexar como foron evoluíndo na construción e na técnica. Así mesmo, cantidade de utensilios domésticos adaptáronse para facer música e ritmo.
Aquí só veremos algúns deles.
Para que exista o son, ten que haber algo que vibre moi axiña e esas oscilacións do aire serán captadas no noso oído polo tímpano, que manda a información ao cerebro. Esa vibración pode ser unha corda que se move a centésimas de segundo, o aire soprado nun tubo _que bate no bisel e vai vibrando ata que sae_ ou dous paus que chocan. O que vibra, o elemento vibratorio, determina a clasificación dos instrumentos en idiófonos, membranófonos, cordófonos e aerófonos.