ANM 1. A música tradicional

Que é? III

No último terzo do XIX, canda á emigración masiva a Latinoamérica, o Rexurdimento e o Nacionalismo na nosa cultura promoven unha apertura e defensa do propio e inzan as bandas de música, os orfeóns, as rondallas e os coros galegos. Estes seguían o modelo do pontevedrés Perfecto Feijoo, quen reproducía cadros populares galegos con instrumentos e vestimenta tradicional. Así creou en 1883 o grupo Aires d'a terra, aos que seguirán Toxos e froles en Ferrol (1915) e Cantigas da Terra na Coruña (1916).

Tamén no s.XIX aparecen as bandas de música populares. As primeiras de Galicia son a de Ribadavia (1840) e a de Santiago (1850). Teñen moita importancia para a divulgación musical e para o ensino. Nos quioscos de música das cidades e vilas, nos pasarrúas ou nas prazas e nos torreiros interpretaban marchas de desfile e os novos xéneros bailables como vales, mazurca, chotis ou polcas.

Emilia Pardo Bazán promoveu na Coruña en 1884 a Asociación del folklore gallego, para a recuperación e posta en valor desta música. Crearon un cuestionario para quen quixera recoller cultura tradicional. Apareceron daquela os cancioneiros galegos de Pérez Ballesteros (1885-1886), de Marcial Valladares (1887) e o de José Inzenga (1888). Estas compilacións e investigacións influirán na nosa música culta de comezos do s.XX. 

Partindo de cancións tradicionais, o compositor Marcial del Adalid, que coñecera a música de moda en Londres e París, creou Cantares viejos y nuevos de Galicia.

Como se facía en alemán cos lieder e noutras linguas,  os compositores e compositoras galegos compuxeron pezas para canto e acompañamento (piano case sempre). Estes temas presentáronos como cántiga, cantiga, balada, romanza ou como melodía galega.

imaxe do Gran Teatro da Habana, do Centro Galego
Thomas MünterGran Teatro do Centro Galego da Habana en Wikimedia Commons (CC BY-2.0)

A partir de poemas do Rexurdimento aparecen moitas melodías galegas. Gustaban principalmente os temas da morriña, a vida na aldea ou o drama da emigración. Sobre o poema de Curros Enríquez No xardín unha noite sentada, o compositor Xosé Castro 'Chané' crea Unha noite na eira do trigo. Esta melodía galega popularizouse moito e, xa con variantes melódicas ou de texto e descoñecendo os autores,  case a poderiamos considerar música tradicional.

Outra melodía galega das máis coñecidas é Negra sombra, do lugués Xoán Montes a partir do poema de Rosalía de Castro.

Destacan tamén Xosé Baldomir e Euxenia Osterberger, que compuxo melodías galegas e pezas para piano inspiradas en música tradicional.

Así mesmo, Pascual Veiga crea obras moi popularizadas como a Alborada Gallega.  Este compositor de Mondoñedo musica o poema de Eduardo Pondal, Os pinos, que se estreou na Habana en 1907, que se converte no Himno Galego, malia non se facer oficial deica o Estatuto de 1981.

Continuouse ao longo deste tempo coa recollida de música tradicional. 

Casto Sampedro (1848-1937), fundador do Museo de Pontevedra, recolle arredor de 500 melodías de máis de 60 concellos.  

O lugués Xesús Bal y Gay, que estivo exiliado en Cambridge tras a Guerra Civil, recompilara moitos cantos galegos coa axuda do asturiano Eduardo Martínez Torner, publicando un traballo moi preciso, o Cancioneiro Gallego en 1973.

O traballo máis completo é o Cancioneiro popular galego (1984-1995), de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina, que presenta, analiza e clasifica, en sete tomos, material recollido por toda Galicia.

info-cancioneiros-autor-data